Despoboamento da Galiza

Despoboamento da Galiza

Na situación en que nos atopamos, Galiza pode ser reducida a conformar un asilo cheo dunha poboación avellentada e sobrante. Para poder mudar este paradigma tan nefasto para o noso Pais; a liberación o benestar e a vitalidade de Galiza non só é cuestión dunhas boas prácticas dun Goberno nacionalista. Para iso, como galegas e galegos necesitamos dunha Galiza que poida exercer os seus dereitos nacionais, onde os seus recursos e características autóctonas sexan defendidas e administradas polo pobo galego, desde Galiza e para Galiza, sen inxerencias alleas.

O declive demográfico da Galiza é unha realidade desconcertante. A taxa de fecundidade non chega hoxe a 1,4 fillos por muller do mundo adiantado, é moito máis baixa, situándose na cima dos países máis desenvolvidos de Occidente. É necesario un mínimo de 2,1 fillos por muller para o mantemento do nível de reemplazo da poboación. Ata os 1980 a poboación galega foi crecendo grazas ao aumento da lonxevidade, pois xa tiña baixado o índice mínimo de reposición; máis a partir desta data o número de defuncións é superior aos nacementos, o que deixa un saldo anual negativo que parece irreversíbel.

Galiza iníciase coas sociedades pos-industríais máis avanzadas na pos-modernidade, dun xeito precoz e prematuro semellante a cando aconteceu coa súa entrada na modernidade, sen ter desenvolvido unha industrialización autóctona previamente, senón forzada desde o exterior. Os cambios económicos e sociaís no noso Pais parece que teñen un elemento común, que se repite con regularidade. Son saltos sociaís e económicos que sempre resultan traumáticos e destrutivos en exceso. Primeiro co tránsito a unha modernidade sen industrialización propia, e agora cara a unha sociedade pos-industrial, na pos- modernidade, onde o sector servizos é un peso preponderante, coa taxa de crecemento vexetativo moi negativa. Por que ?

Ultimamente aparecen artigos na prensa chamando a atención sobre o fenómeno da baixa natalidade, que aparentemente vai facer perigar a continuidade do pobo e da nación galega. Veladamente, laméntase o moi baixo indice de fecundidade das mulleres galegas, coma se éstas foran as responsábeis do tremendo declive demográfico galego.

Sen embargo, debemos considerar que estamos ante un fenómeno xeral que atinxe ao conxunto da poboación mundial, marcada por unha diminución inexorábel da taxa de natalidade global que baixou a menos de 2,7 fillos por muller, e continúa reducíndose a un ritmo acelerado . Este feito enmarca a pos-modernidade global que chega a todo o planeta con distintas secuencias. Namentres, a taxa mundial de lonxevidade acrecéntase, co que a poboación mundial seguirá aumentando, aínda con miseria, fame, guerras e xenocidios. Estamos pois, ante un futuro de avellentemento da poboación do planeta e o seo posterior decrecemento ?. Segundo a organización das Nacións Unidas (ONU), a poboación mundial estancaráse a partir do 2050, e comezará a diminuir descendendo por debaixo da actual de 7600 millóns de habitantes. De feito, a taxa de fertilidade baixou a menos dun 40 por cento dende 1950.

Galiza chegou a ser unha gran potencia demográfica, ao ter o maior peso da península polo século XVII, cando aínda era un Reino e a dominación española, daquela castelán, era feble. Na metade do século XVII, Galiza rexistra unha gran expansión da súa poboación, chegando ao13 por cento de peso demográfico no ámbito do Estado español; hoxe non acada a metade. Chegou a ser un pais esencialmente agropecuario,artesanal e pesqueiro, cun gran dinamismo, inzado de “pequenas explotacións con propiedade directa dos labregos, sen xornaleiros o que fomentou o desenvolvemento das familias campesiñas”(segundo o historiador Ramón Villares). Nesta sociedade do pasado, hai que destacar o relevante papel da muller galega, que participa na produción, na crianza dos fillos e mesmo na administración da facenda, aínda sendo unha sociedade patriarcal, que a condicionaba.

A partir do século XVII os fluxos migratorios negativos aceléranse con brusquidade, coincidindo co establecemento do Estado español baixo a Monarquía Borbónica e a súa centralización absoluta en Madrid, que alimenta unha poderosa burocracia represiva . Comeza o período que dura ata hoxe das grandes emigracións na Galiza, o que nos demostra cos feitos que a emigración galega é un fenómeno inducido pola súa relación colonial dependente co Estado español e os seus amos e vasalos, que impiden a existencia dunha Autoadministración galega que poida xestionar no seu proveito os cambios sociaís e económicos, ademais dos seus propios recursos.

Mais que dun atraso económico e social no desenvolvemento de Galiza, na miña opinión inexistente, apréciase unha brusca deformación e destrución do Pais, motivada por unha inxerencia moi tóxica do españolismo en favor do Capital e do Estado español, que o invalida para medrar e desenvolverse sobre os seus propios piares produtivos ata hoxe, provocando a emigración como modo de vida das e dos galegos.

Sempre escoitei das mulleres galegas máis sensibilizadas coa opresión da muller, que a críanza dos fillos e o traballo doméstico non retribuído, constitúen dous obstáculos moi considerábels de cara a súa emancipación. Poren, a eliminación destes atrancos, sen dúbida, axuda a este obxectivo. Sen liberación das mulleres non é posíbel a emancipación social no seu conxunto, o mesmo que o equilibrio ecolóxico roto polo capitalismo e o patriarcado.

Os datos referidos a taxa galega de fecundidade está distorsionada pola emigración. As mulleres galegas emigran, e no seu período fértil entre os 15 e 49 anos, teñen fillos no exterior que non contan nas estatísticas de nacementos na Galiza, e moitas e moitos xa non chegarán a ser galegos. Así figura cos peores índices de natalidade. Galiza perde peso demográfico en relación ao resto dos territorios do Estado e os outros países. Mais non é por causa da baixa natalidade, senón pola emigración inducida pola dependencia do españolismo, que disolve o Pais polo mundo adiante.

A persistencia da falla de Soberanía e Autogoberno, si pode ser o motivo da extinción do pobo e a nación galega, e non a baixa natalidade demográfica que nos equipara co resto do mundo avanzado ao restaurar o equilibrio demográfico co decrecemento xeral, mantendo o noso peso demogáfico. As e os galegos emigran obrigados pola necesidade vital, pola fame fomentada dende Madrid e España, coa colaboración no País dos seus delegados e mercenarios ao seo servizo.