Contaminación mariña (I)

Contaminación mariña (I)

O mar agocha, como baixo unha alfombra xigante, unha enorme cantidade de lixo, vergoña da sociedade contemporánea.

Algúns mariñeiros máis vellos, cando un grumete lles pregunta a bordo onde poñer algún residuo, ou onde tirar aquilo que sobra, falan de que o poña no pañol grande. Así o mozote percorrerá sen rumbo a cuberta preguntándose onde está ese pañol, na proa, na popa?, sen decatarse de que hai un pañol meirande cós de a bordo, pola amura de babor.

Mais hoxe o pañol grande vai enchendo. Non só de lixo macroscópico, como rodas, bidóns, neveiras ou ferralla que semellan vellos arrecifes ferruxinosos; senón tamén daquilo que non se ve, a contaminación química difusa que xunto coa orgánica estase a converter en letal.

Dende hai anos diversas entidades levan a cabo actividades de sensibilización consistentes na organización ou participación en limpezas submarinas, entre elas pódense citar CEMMA, ASOAR-ARMEGA, CROA, en colaboración coas confrarías ou outras entidades e profesionais do mar.

Ademais da limpeza consistente na retirada física do lixo, desde a incorporación dos materiais e actividades deseñados pola CEMMA, lévanse a cabo actividades paralelas de educación ambiental en que os participantes en seco, dende terra, recollen e devolven ao mar a fauna asociada ás pezas de lixo que se retiran, identifican de que se trata e aprenden o que significa a duración da vida media dos plásticos no medio ambiente, comprobando con sorpresa que algúns destes produtos poden tardar centos ou milleiros de anos en degradarse.

Neste momento o problema é planetario, pois existen verdadeiros continentes de plástico flotantes no medio dos océanos, e mesmo ata os seres vivos máis afastados, como as baleas antárticas, teñen no seus corpos restos de compoñentes plásticos.

Mais para levar a cabo estas actividades, @s mergullador@s teñen que vencer moreas de problemas administrativos que, nalgunha ocasión, se fan insalvables e mesmo constitúen un atranco económico para poder levalas a cabo. Ata parece como que alguén quixera impedir estas actividades sumíndoas nun labiríntico e irrealizable trámite burocrático. E é necesario destacar que estas actividades son desenvolvidas dun xeito altruísta e voluntario. Por iso é o colmo do absurdo, ou a mellor representación do afán obstaculizador e sen conciencia que, en ocasións, os organizadores ou participantes teñen que sufragar cuestións como os seguros ou a clasificación do lixo do seu peto, o que multiplica o gasto da propia actividade.

Pódese entender que para @s que voluntariamente se prestan a retirar o lixo do mar soamente haxa dificultades e atrancos? Non. Por iso declaramos que son uns superheroes máis de hoxe, estes que vencendo todos os atrancos, perdendo o seu tempo ou arriscando a súa vida retiran a merda que outros botan.