Conflito EEUU- China. Contradicións inter-capitalistas. Ou algo máis ?

Conflito EEUU- China. Contradicións inter-capitalistas. Ou algo máis ?
Xa fai algún tempo que os círculos pensadores do capitalismo occidental reflexionan ante o declive da potencia dirixente actual, os EEUU, e ven próxima a súa substitución por outra disposta e axeitada para liderar o Imperio Global do Capital, salvagardando os intereses da oligarquía privada financeira nun primeiro lugar. Ate agora China amosase coma candidata máis indicada, debido ao seu potencial económico.

Os acordos de Pequín de 1972 entre Richard Nixon e Mao Tse Tung, permitiron a realización de grandes inversións financeiras na China, e o traslado de tecnoloxías avanzadas do mundo capitalista occidental para a produción civil pilotadas estas polos EEUU. Deste modo posibilitou neste país espoliado e sen recursos, unha forte acumulación de capital constante, (tecnoloxía e medios de produción), en relación moi favorábel co capital variábel (salarios), ao contar este cunha forza de traballo disciplinada e abundante extraída do deprimido mundo rural. Estas foron as causas da super-explotación e do enorme crecemento da produtividade. A relación entre capital constante (traballo obxectivado) e capital variábel (traballo vivo) foi óptima debido a organización social do pais regulada polo Estado. A taxa de plusvalía disparouse e con ela os beneficios empresariais dos investimentos privados capitalistas occidentais; mais tamén permitiron con folgura a modernización das afundidas empresas estatais e o aforro público chino, algo non previsto por Occidente e con consecuencias para o futuro.

O avance científico e técnico facilitou o aumento da calidade da forza de traballo china que xa tiña unha boa base de antigo. En corenta anos, China pasou da miseria máis absoluta causada polo Imperialismo no pasado, a ter a forza produtiva máis desenvolvida do capitalismo, erradicando a miseria a costa de grandes sacrificios populares.O Estado chino mantivo en todo intre con firmeza o control deste proceso, a pesar das constantes presións e críticas de Occidente. A ¨bondade¨ dos seus consellos foi sempre ignorada de maneira sistemática. Pouco a pouco, elevouse o nivel de vida do conxunto da poboación baixo a dirección do Partido Comunista Chino malia o aumento das desigualdades socias, derivadas do principio distributivo “De cada cal segundo a súa capacidade a cada cal segundo o seu traballo,” expresado en valor de cambio e a permanencia dun sector privado capitalista chino subordinado.

Libre da ameaza soviética, e con anterioridade a súa alianza con China. EEUU e a elite do capitalismo global sempre contaron ata fai pouco tempo, que o seu poder lograría controlar e dominar ao pobo chino,dentro da súa “democracia” coa disolución do Estado chino no capital global. Mais isto non aconteceu. O poder do Estado-partido chino, máis ben do Partido -Estado, mantívose firme como o factor preponderante nesta relación co poder privado capitalista occidental. De novo queda demostrado que a forza do poder fica en quen ten o control político dos medios de produción. O Estado chino nunca cedeu, nin un anaco na súa soberanía nacional. A elite imperialista xa ten hoxe claro que este xigantesco pais, amais de ser inservíbel para os seus intereses, alén de constituír unha nova ameaza para o seu orde mundial que de algunha maneira ten que conxurar para conservar os seus privilexios singulares.

A antiga Unión Soviética, permaneceu no illamento forzado sen acceso a moderna industria europea, pola derrota da revolución en Alemaña. Lenin recoñeceu que sen contar coas forzas produtivas máis desenvolvidas do capitalismo o Socialismo non sería posíbel. Entendeu no seu derradeiro pensamento que o futuro pasaba polas loitas de liberación nacional dos pobos do mundo para eliminar o imperialismo. Despois, Stalin resolveu este dilema co voluntarismo patriótico do pobo soviético,derrotando a máquina militar máis mortífera levantada por Occidente. Mais o voluntarismo patriótico non permanece sempre, non é capital constante, aínda que ten un gran valor como memoria histórica. A diferenza coa Unión Soviética, China obtivo os capitais e a tecnoloxía de Occidente, e con estes funcionando como unha acumulación primitiva modernizou os seus medios produtivos , en troque de proporcionar unha boa rendibilidade ao capitalismo global.

Estes gaños cegaron aos seus propietarios privados e líderes políticos occidentais. Non querían ou non podían ver que estaban fortalecendo o poder do Estado chino, a súa soberanía nacional, ao crearen as condicións para teren a facultade de desenvolver a base técnica da nación china, que elevaría no futuro a produtividade a cotas superlativas, impulsando as técnicas máis cualificadas (Intelixencia artificial,robótica,economía circular, espacial,comunicativas....). E o máis decepcionante para o imperialismo e que os chinos fano e fixérono, concibindo a produción e distribución como unha actividade que procura a prosperidade común do pobo por enriba de todo, a diferenza do imperialismo occidental que funciona primando o beneficio do capital privado, e este desemboca inevitabelmente nunha polarización colosal entre unha minoría de ricos e unha masa de pobres. O resultado é a crise estrutural do capitalismo imperialista, coa conseguinte forte baixada da taxa de ganancias

O conflito de EEUU,China, é a manifestación desta contradición. Nesta situación, a guerra económica desatada co presidente Trump, parece que está a substituír ou complementar a guerra militar de saqueo que provocaron Obama e Hillary Clinton. Cal foi o motivo deste cambio? . Semella patente que a nova actitude de Rusia e China cara as agresións imperialistas occidentais, comezou a raíz da destrución de Libia ante a súa pasividade. Estas potencias euroasiáticas acordaron unha firme alianza para marcar unhas liñas vermellas , que non permitirán traspasar, rexeitando todos os pretextos “democráticos” e da defensa dos “dereitos humanos” esgrimidos polo imperialismo para xustificar as súas tropelías e saqueos. Nestas novas circunstancias a destrución de Libia, hoxe non teria lugar e tampouco as consecuencias derivadas, como a migración africana a Europa convertendo o Mediterráneo na fosa común dun xenocidio. Mais esta guerra económica tamén é respondida por China e Rusia.

China forma parte do sistema socioeconómico capitalista, pero mantendo a súa soberanía nacional. Non é nin foi nunca un modelo político capitalista imperialista . A base económica global de todos os países, tanto imperialistas como non, de Occidente como de China e do resto do mundo e hoxe capitalista, levando as pegadas das distintas revolucións acontecidas con dúas versións principais, capitalismo neo-liberal en Occidente e capitalismo de Estado en China e outros países. O núcleo da diferenza entre eles hai que atopalo no control e propiedade dos medios de produción e intercambio. En China, na maioría están baixo o control do Partido – Estado. Un poder que emana do pobo pola revolución socialista china de 1949, herdeira como as outras da revolución soviética de Outubro do 1917 en Rusia con unha proxección mundial, pero diferente ao ser esencialmente nacionalista. Hoxe o pobo organízase en millóns de células do Partido Comunista Chino e dos oito Partidos coaligados, arredor dun proxecto estratéxico que persegue a xeneralización da asociación e a propiedade común, polo desenvolvemento superlativo das forzas produtivas defendendo as súas características nacionais e a erradicación de toda a pobreza; mostrándose así en principio superior ao modelo occidental.

En EEUU, só unha ínfima minoría recibe a maior parte da riqueza producida , e a metade vive dun xeito marxinal na pobreza e na miseria. Esta fractura social frea o desenvolvemento das forzas produtivas. A chamada clase media vai desaparecendo deste pais, en tempos pasados o máis industrializado do mundo. Os intereses da élite oligárquica estadounidense son prioritarios, e a acumulación improdutiva do capital financeiro que provén da especulación e do saqueo imperialista. Amais o atraso no terreo militar con respecto a Rusia e China xuntos, é hoxe ben patente a pesares da propaganda mediática en contra desta realidade.

Os líderes políticos occidentais o mesmo que a elite capitalista global, xa son conscientes que non poden dominar o mundo unilateralmente, sen gobernar a China e destruír a Rusia , debido ao carácter indómito desta última. O ex asesor de Seguridade Nacional dos EEUU Zhigniew Brzezinski, fundador da Comisión Trilateral, do Club Bilderberg e promotor do Daesh e o Estado Islámico, entre outros “méritos”, no seu día xa postulou traballar pola imposición dun Novo Orde Mundial Imperial; nunha sociedade máis segura e controlada, que avogue polo condicionamento da poboación por parte da elite a través da manipulación psicolóxica , explotando as últimas técnicas de comunicación; quer dicir, unha sociedade mundial con forza de traballo escrava robotizada, e sumida na pobreza, con crecemento cero; sendo así esta moito máis segura para a oligarquía mundial. Era consciente que a expansión ilimitada da riqueza é un perigo para a supervivencia da elite capitalista e manifestándose esta incompatíbel con calquera Soberanía Nacional; pois a ideoloxía nacionalista soberana é a antítese do Imperialismo, aínda que este se presente en agochado para crear falsas realidades que facilitan a manipulación deste poder.

Por desgraza para a seguridade da elite capitalista global, parece que os chinos colléronlle a dianteira e xa contan coa tecnoloxía comunicativa máis avanzada que Occidente, ademais da robótica, espacial… Este feito, engadido a renovada alianza sen subordinación de China con Rusia, tan exitosamente rota no pasado coa axuda da influencia occidental, resultan os peores augurios para a elite dos EEUU e os seus vasalos,malia a súa sistemática inxerencia e agresións, aproveitando as máis mínimas contradicións entre eles e apuntando ao principal inimigo estratéxico cos seus conflitos internos. Pero China conta coa experiencia da antiga Unión Soviética e carece das súas debilidades. É sintomático, que a intelixente directora do FMI, Christine Lagarde, como boa oportunista, tanto, que non se deixa arrastrar pola súa ideoloxía ultra fascista, xa se decatou do panorama e desiste do seu proxecto de presidir o FMI en Pequín, como capital financeira global, conformándose cun cómodo posto como directora do BCE na degradada Europa.

Mais a historia segue e parece que se achegan novos tempos, mellores ou peores? En todo caso diferentes. O evidente é que imos cara o final do Imperialismo Unilateral estadounidense. A tremenda dúbida que nos acompaña é se a elite do capitalismo global vai a aceptar esta nova realidade , inda que lle supoña custos,, renunciando ao seo dominio, ou os seus medos lles levará a promover no mundo o terror, nazi-fascista e sionista para que sucumban as forzas en pugna nun mudo arrasado pola guerra mundial, e así evitar que a humanidade poida vivir a súa liberación. É sintomático o auxe da extrema dereita?