A mediados da primavera de 1978, arredor dun cento de militantes do Partido Socialista Galego (PSG) decidiron abandonar esta formación e integrarse no Partido Socialista Obreiro Español (PSOE)

Celso Emilio Ferreiro, militante do PSOE

Detalle do cartaz da homenaxe a Celso Emilio Ferreiro  organizada por CCOO e UGT en Compostela o 28 de outubro de 1979.
Detalle do cartaz da homenaxe a Celso Emilio Ferreiro organizada por CCOO e UGT en Compostela o 28 de outubro de 1979.
Celso Emilio Ferreiro, militante do PSOE

A mediados da primavera de 1978, arredor dun cento de militantes do Partido Socialista Galego (PSG) decidiron abandonar esta formación e integrarse no Partido Socialista Obreiro Español (PSOE). Este grupo viña defendendo desde un ano antes a fusión do PSG co partido de Felipe González e Alfonso Guerra, formalizando varias propostas nese sentido no interior da súa organización e mantendo un diálogo constante á marxe da dirección do mesmo cos responsábeis do PSOE. O colectivo tiña como cabeza visíbel o avogado coruñés Xosé Luís Rodríguez Pardo e del facían parte cadros significados como Fernando González Laxe, Ceferino Díaz, Xaime Barreiro, Bonifacio Barreiros ou Xerardo Estévez, todos eles cunha destacada traxectoria posterior nas filas do socialismo español. Un dos membros significados desta facción era o poeta Celso Emilio Ferreiro, afiliado ao PSOE en 1978.

As posicións políticas e ideolóxicas que explican o camiño de Celso Emilio Ferreiro e do resto de militantes do PSG que deciden saltar ao PSOE están recollidas nos textos elaborados por este grupo para presentar ao congreso en tres partes realizado polo PSG en 1977 así como nos textos “Documento dos 19” e “Carta dos 40”.  A este respecto, Eduardo Gutiérrez, membro da dirección desta organización e defensor da súa inequívoca orientación nacionalista, explicou en 1999 nun artigo da revista Terra e Tempo que “durante todo este longo proceso, un importante sector do PSG leva a cabo unha loita ideolóxica no fondo ao tempo que unha serie de tirapuxas e cambadelas na superficie co fin de conducir o partido a unha fusión co PSOE”.

O papel do MSG

Gutiérrez sitúa este proceso como resultado do “estoupido dunha serie de contradicións internas latentes xa desde a súa fundación” e destaca entre “os máis importantes elementos causais de orde interna”, “unha certa indefinición partidaria, a participación desde a súa orixe dun sector claramente `socialdemócrata´ e a precipitada e imprudente fusión co Movemento Socialista da Galiza (MSG)” . Neste caso, refírese ao papel que xogaron os adherentes desta formación, unha vez integrados no PSG a finais de 1975, no combate ás posicións nacionalistas dentro do partido e no seu apoio á fusión co PSOE. Un exemplo disto foi a actitude de destacados dirixentes da formación como o arquitecto Xosé Bar, Macamen Blanco ou Francisco González Amadiós “Panchulo”, militante dos primeiros tempos da Unión do Povo Galego (UPG) e deputado e senador polo partido de Felipe González.

Celso Emilio Ferreiro chegou ao PSG desde o MSG. Esta formación fundada a mediados de 1974, liderada por Alfonso Álvarez Gándara e Xosé Bar e onde militaban bos amigos e camaradas do poeta na súa etapa venezolana, como Ignacio Sexto ou Darío Álvarez Gándara, na súa primeira declaración pública asinada en abril de 1975 declárase favorábel “ao autogoberno, ao socialismo democrático” e aposta por constituír “unha federación de partidos socialistas ibéricos”. Porén, a fiabilidade nacionalista desta organización foi cuestionada desde a súa constitución polo PSG e a UPG, que vía no partido “un instrumento do Partido Comunista para xerar confusión no campo galeguista e debilitar aínda máis o PSG”, merecendo destaque a súa negativa a definirse como nacionalista  e a participación dunha parte significativa da súa militancia na Xunta Democrática, plataforma de oposición promovida polo Partido Comunista de Galicia (PCG).

Unhas posicións ideolóxicas recoñecíbeis

As formulacións do sector do PSG que rematou no socialismo español non deixan dúbidas da súa renuncia ao nacionalismo. Así, o “Documento dos 19”, presentado en febreiro de 1978 polo sector do partido onde se integraba Celso Emilio Ferreiro, sinalaba que “o falso enfrontamento entre nacionalismo/españolismo extrapolou dos obxectivos do PSG a verdadeira oposición que se dá na sociedade burguesa, entre as clases explotadas e explotadoras e o rol que deben xogar nela as forzas políticas de esquerda e, fundamentalmente, as forzas socialistas ou, concretando máis, as que se definen polo socialismo democrático”. Na mesma dirección, continúa que “nunha correcta definición política do termo, o nacionalismo galego só poderá ser considerado como marco no que se ha desenvolver a política na Galiza e como unha doutrina política propia que pode orientar ideoloxicamente un partido marxista”.

A proposta de acción política deste sector, incorporada como conclusión ao “Documento dos 19”, aposta no plano internacional por “influír na estratexia do Pacto do Atlántico Norte”, aliñándose sen ningún xénero de dúbida coas posicións atlantistas, lideradas polos Estados Unidos de América. Asemade, a actuación no Estado concrétana “en función da unidade dos socialistas como alternativa clara á dereita” e no ámbito nacional defenden unha “política galega de unidade da esquerda como eixo mesmo do acordo socialismo-galeguismo”. Precisamente, a dirección nacionalista do PSG, con Mario López Rico, Claudio López Garrido e Eduardo Gutiérrez á cabeza, rebateu estas teses, sinalando que “a unidade dos socialistas españois nin é nin foi unha alternativa para os socialistas galegos” e aseverando que “o fracaso da esquerda na Galiza débese precisamente ao sucursalismo”.

A coñecida como “Carta dos 40”, oficialmente denominada “Declaración pola unidade do socialismo na Galiza”, presentada publicamente en marzo de 1978, deulle continuidade ao fío argumental estabelecido no “Documento dos 19”, introducindo novos elementos de debate de orde máis táctica. Neste sentido, formula como urxente “o logro da unidade socialista na Galiza, a necesidade dun partido socialista galego que axunte nas súas filas todos os socialistas da Galiza. Un partido que loite polo construción do socialismo en liberdade e artellado de xeito federal cos demais socialistas do Estado, para incidir conxuntamente na política global do Estado”. Na mesma dirección, defende “o artellamento da unidade tamén necesaria para garantir a constante e activa incidencia na política xeral do Estado”.

Un dos razoamentos empregados no “Documento dos 19” e na “Carta dos 40” para xustificar a integración do PSG no PSOE é a falla de apoio electoral da primeira forza. Así, no segundo dos textos, afírmase que “as pasadas eleccións xerais”, en relación aos comicios estatais de 1977, “a fin de contas, supuxeron un lamentábel fracaso para as forzas galegas de esquerda. Agora formúlansenos novas tarefas nas que debemos salvar erros pasados”. Neste sentido, resalta que “a escasa incidencia actual da política socialista, reflexada dalgún xeito no resultado das eleccións, e a súa pequena capacidade transformadora da sociedade galega, falan da necesidade dun partido forte que sexa capaz de recoller as arelas das clases traballadoras da Galiza e ofrecer o marco organizativo destas clases”.

Un afiliado do PSOE convencido

Celso Emilio Ferreiro non só partillou estas análises como membro da corrente interna do PSG que defendía a integración desta formación do PSOE, senón que as defendeu de xeito público e privado ao longo da segunda metade da década dos anos 70. Así, ficaron reflexadas na súa correspondencia persoal, nos escritos elaborados durante ese período e nas entrevistas concedidas a diversos medios de comunicación, onde expresou a súa coincidencia ideolóxica e programática coas teses dos socialistas españois, analizou criticamente as súas experiencias políticas anteriores, apostou pola unidade da esquerda en detrimento da converxencia nacionalista, defendeu o proceso de reforma pactado e o réxime constitucional e autonómico, cargou contra a alternativa rupturista e non aforrou ataques ás expresións políticas do nacionalismo en diferentes partes do Estado.

O poeta de Celanova achegouse ao PSOE como resultado dun proceso de decantación ideolóxica que arranca dos primeiros anos da década dos setenta e mantívose fiel á formación até o final dos seus días. Nesta liña, emparenta co sinalado en maio de 1977 a César Antonio Molina e Luis Suñen, nunha entrevista para revista madrileña Ozono cando aínda formaba parte das filas do PSG, onde lonxe de afirmarse como nacionalista, sinala que “son un galego de esquerdas, formado no marxismo como método de análise da sociedade e da historia”. Precisamente, sobre esta idea volvería máis tarde para explicar as razóns da súa militancia, sen ningún tipo de complexo, nas filas no PSOE.

O número 169 da revista viguesa El Pope, correspondente á primeira quincena de setembro de 1979, recollía unha entrevista concedida por Celso Emilio Ferreiro tres días antes do seu falecemento ao xornalista Fernando Franco. Na conversa, sorprendentemente esquecida nos traballos biográficos sobre o poeta de Celanova, este preséntase como “un home sen vocación política”, que “estou no PSOE como militante de base, como veciño que son de Madrid e porque é o que está máis próximo ao concepto que eu teño de socialismo”. Ao tempo, explica o seu abandono da militancia nacionalista e a súa integración nunha forza de obediencia estatal porque “eu vivo en Madrid e estou vinculado a unha serie de cousas quizais alleas á cuestión galega pero que tamén interesan”.

Os contactos de Celso Emilio Ferreiro co socialismo de dirección española viñan dos anos finais do franquismo e son anteriores á súa afiliación ao PSG. A este respecto, na referida entrevista apuntaba que “eu estiven ligado cando cheguei a España a unha sociedade, Argumentos SA semiclandestina, polas normas que rexían daquela. A miña misión alí era intentar que o sentido das nacionalidades hispánicas se implicara na doutrina socialista”. Concretamente, en relación coa entidade Argumentos SA, o historiador Antonio Muñoz, no seu libro El amigo alemán, onde estuda as relacións entre o PSOE e a socialdemocracia alemá, afirma que era “unha entidade a través da cal a Fundación Friedrich Ebert financiaba os socialistas de Felipe González”.

As críticas sobre as súas experiencias políticas anteriores pairaron nas reflexións do escritor. Un caso significativo disto, na liña da corrente do PSG posteriormente incorporada ao PSOE, sitúase respecto da súa participación nas listas ao Senado da Candidatura Democrática Galega, unha coalición electoral que agrupaba o conxunto das forzas da esquerda galega, coa excepción dos nacionalistas do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), nos comicios estatais de xuño de 1977. O poeta de Celanova, integrante desa agrupación electoral na súa condición de militante do PSG, fixo autocrítica posterior por ter participado desa fórmula por razóns de orde táctica, -non conseguiron a vitoria en ningunha circunscrición electoral-, pero tamén de carácter estratéxico, -por non favorecer a unidade da esquerda-.

A finais de 1978, nunha carta remitida a uns amigos venezolanos e reproducida por Ramón Nicolás na biografía do autor, Celso Emilio Ferreiro sinala que “nas eleccións do ano pasado o PSOE (Partido Socialista Obreiro Español) propúxome ser un dos seus candidatos a senador por calquera das provincias galegas. Eu non aceptei porque tiña un compromiso sentimental co Partido Socialista Galego, en cuxo nome me presentei en Ourense apoiado polos partidos da esquerda”. A continuación, afirma, “creo que cometín un erro ao non aceptar a proposta do PSOE, ao que agora pertenzo, convencido de que a unidade dos partidos afíns é unha obriga histórica no momento político que estamos vivindo”.

Esta formulación é recorrente nos últimos anos do poeta. Neste sentido, na entrevista de El Pope, interpelado por Fernando Franco sobre “a unión de todas as esquerdas”, insiste en que “xa sería tempo máis adiante de deslindar campos. A dereita segue mangoneando e caciqueando no país, aproveitándose da desunión da esquerda”. Porén, esta análise, coherente coa defendida dentro do PSG polo sector incorporado despois ao PSOE, tiña unhas derivadas na práctica política concreta e facía parte esencial do argumentario dos socialistas de Felipe González, convencidos de que o éxito da súa proposta pasaba por aglutinar todo o espazo da esquerda. Asemade, a mesma resultou unha constante que se ten manifestado de xeito reiterado desde o propio momento fundacional do nacionalismo na década dos 20 do século pasado até o momento presente.

A defensa da unidade da esquerda significaba naquel contexto concreto a renuncia a calquera práctica nacionalista. Neste sentido, a proposta tiña unha derivada estratéxica que partía de diluír a problemática nacional, ao situala á marxe dunha determinada dialéctica de clases e separada de toda alternativa de autoorganización política, reducindo o problema galego a unha cuestión cultural. Ao tempo, esta análise respondía ao obxectivo táctico de unir todo o espazo político da esquerda arredor das siglas do PSOE, co obxectivo de avanzar no proceso bipartidista como vía chave no proceso de consolidación do réxime político que estaba en camiño, deixando fóra do xogo aquelas forzas que continuaban apostando pola ruptura democrática.

A confesionalidade co réxime de 78

Celso Emilio Ferreiro formulaba unha defensa confesional do réxime institucionalizado na Constitución de 1978, en contradición coa posición defendida polas diversas expresións do nacionalismo galego. A este respecto, os seus argumentos eran os propios da esquerda constitucionalista española, empeñada en apostar polo novo marco político como o único posíbel. Nesta liña, nunha carta escrita a finais de 1978, sinalaba que “non podemos pedir cousas excesivas nin maximalismos porque o dilema é este: democracia ou ditadura militar. Democracia burguesa por suposto. Democracia que non nos gusta pero que hai que consolidar”. No mesmo texto sinalaba que “Suárez é un marrullero que manobra con eficacia e intelixencia. Pero está embarcado na tarefa de democratizar o país e nós non temos outra alternativa que seguirlle a corrente”.

A referencia aos militares e o espantallo dun golpe de Estado reaccionario foron empregados naquela altura como coartada para pór freo aos avances sociais e sacralizar o disposto na Constitución. A este respecto, o poeta de Celanova apúntase a este relato, escribindo que “a dereita máis ou menos civilizada sabe que o franquismo é irrepetíbel e busca unha solución aos seus intereses dentro dun marco aparentemente democrático (...) E debemos seguirlles o xogo porque sabemos que se Franco é irrepetíbel, Pinochet, non o é e as Forzas Armadas españolas están cheas de Pinochets en potencia”. Nesta lóxica, a súa conclusión é evidente, “debemos pois pospor as nosas aspiracións en aras dun afianzamento da democracia, que polo menos nos permitirá seguir loitando, reforzando os partidos e creando unha conciencia de responsabilidade política”.

O poeta de Celanova defendía como alternativa para a organización territorial do Estado o modelo autonómico, porén recoñecía que se trataba dunha solución non exenta de complicacións e cuxa concreción final ía depender da correlación de forzas. Aínda en febreiro de 1978, nunha entrevista concedida a Alfonso Magariños para o xornal El Pueblo Gallego, depositaba a súa confianza nesta proposta, sinalando que “a autonomía por moi elemental que sexa está obrigada a propiciar a supervivencia das nosas realidades culturais”. Malia considerar “escasas as garantías de que a autonomía que van artellar sexa aquela pola que os vellos galeguistas loitamos a cara descuberta na clandestinidade”, advirte que “temos que apandar coas consecuencias do 15 de xuño”, en relación ao proceso electoral de 1977.

“Unha Galiza independente e socialista é simplemente unha tolería”

Celso Emilio Ferreiro non aforrou críticas á proposta soberanista formulada polo nacionalismo galego. Así, na entrevista de El Pope, afirmaba que “pretender que hoxe podemos conseguir unha Galiza independente e socialista é simplemente unha tolería” e apostaba por avanzar na solución recollida no texto constitucional. Neste sentido, débese ter en conta que as súas análises foron pronunciadas cando aínda o proceso de Transición non estaba fechado e o conxunto das formacións nacionalistas do Estado situaban no primeiro plano da súa actuación táctica unha alternativa que superase o proxecto autonómico. A maiores, nunha orientación de orde estratéxica, significaban a renuncia á consideración da Galiza como suxeito de dereitos políticos, elemento medular do proxecto nacionalista desde o período das Irmandades da Fala.

A súa proposta para resolver o conflito lingüístico pasaba nos seus últimos anos pola cooficialidade, precisamente nun tempo onde todo o campo social e político do nacionalismo e da esquerda rupturista defendía a oficialidade. Así, na referida entrevista con Alfonso Magariños, afirmaba que “pensar no galego como lingua única e oficial de Galiza hoxe, tal como están as cousas, é soñar. A cooficialidade será un paso adiante e consecuentemente un paso positivo”. Nesta mesma liña, nese período manifestábase como un escritor bilingüe, sinalando tres días antes do seu falecemento ao xornal vigués El Pope que “se a lingua galega morre, o país deixa de existir como tal. Pero iso non quere dicir que eu entenda que sendo bilingüe teña que renunciar a escribir noutra lingua. Unha lingua coa que vivín e da que vivín”.

A belixerancia de Celso Emilio Ferreiro contra a alternativa rupturista, que cuestionaba o réxime de 1978 e onde formaban os nacionalistas das diversas parte do Estado, é moi sintomática do estado de opinión da esquerda española daquel tempo. A este respecto, en relación coa crítica de “españolista” polo nacionalismo após a súa incorporación ao PSOE sinala en 1978 “aos grupúsculos delirantes e utópicos que coa súa conduta insolidaria non fan máis que favorecer a dereita. Como pasa coa ETA, a quen todos defendemos e apoiamos, situándose hoxe nunha posición, hoxe por hoxe, insostíbel”. Precisamente, esta actitude contra as correntes políticas non confesionais co réxime contrasta coa benevolencia con alternativas ou persoas de marcado carácter reaccionario, como Camilo José Cela ou a presidenta do Ateneo de Madrid e falanxista Carmen Llorca.

Un militante socialista entregado

A militancia nas filas do PSOE de Celso Emilio Ferreiro non ten merecido a atención debida. Máis alá das diferentes razóns que provocaron este esquecemento interesado sobre esta etapa da súa traxectoria política, fundamentalmente asociadas a presentar este período como unha anécdota non relevante na súa vida e non evidenciar as supostas contradicións desta toma de posición, o certo é que se caracterizou pola súa grande actividade, que semella desmentir en boa medida a imaxe trasladada polo autor da súa incapacidade para a práctica política organizada. A este respecto, son abondosos os testemuños do seu compromiso co partido, significándose o seu labor na elaboración da proposta de proxecto de Estatuto da Galiza da formación, na loita electoral e mesmo nas batallas internas da organización.

Celso Montero, fundador do PSOE de Ourense, compañeiro de Celso Emilio na Candidatura Democrática Galega e senador socialista en diversas lexislaturas, foi autor dunha das escasas achegas a este tema. Neste sentido, escribe en 1980 que “sen presumir nin avergonzarse diso, Celso Emilio estivo sempre disposto como militante a colaborar nas tarefas que o partido lle encomendou”. Montero, que fixa a data de entrada do poeta no PSOE en abril de 1978, destaca a súa colaboración “na redacción do proxecto do Estatuto da Galiza elaborado polo partido; ou na tradución ao galego dos cartaces empregados polo noso partido na campaña para as últimas eleccións lexislativas”.

A finais de abril de 1978, o recentemente nomeado presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón lanza un proceso de participación pública co obxectivo de axilizar a redacción do texto estatutario, que finalmente foi contestada con diversas propostas pola totalidade das formacións políticas, agás a Unión de Centro Democrático (UCD) que sustentaba o seu Executivo e o BN-PG que rexeitaba o marco autonómico. Neste contexto, o PSOE elabora un anteproxecto de Estatuto, mediante un proceso de debate interno en todas as súas agrupacións locais, que conclúe coa realización dun encontro de dirixentes e cadros celebrado no Hotel Samil de Vigo o 1 e 2 de novembro de 1978. Precisamente, os socialistas presentaron este acto como “un encontro para culminar a elaboración do anteproxecto de estatuto galego que servira de base de discusión para a definitiva do Estatuto por parte da Xunta”.

Celso Emilio Ferreiro xogou un papel de relevo neste proceso. Así, El Pueblo Gallego recollía na súa edición de 3 de novembro que o poeta “participou activamente na elaboración desde anteproxecto de estatuto elaborado nas xornadas pasadas por este partido e onte sentouse na mesa de discusións xunto aos secretarios das agrupacións locais, provinciais e a executiva do partido na Galiza”. A proposta final sería defendida polos representantes do PSOE no marco da denominada Comisión dos 16, constituída o 10 de xaneiro de 1979 coa exclusión do BN-PG e do PSG e, posteriormente, no plenario da Asemblea de Parlamentarios de 5 de maio, onde os representantes da UCD e de AP rexeitan o estatuto elaborado polos 16 e comezan o proceso de recortes do texto, rematado pola Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados na súa xuntanza de 22 de novembro de 1979.

O anteproxecto de estatuto redactado polos socialistas no seu encontro de novembro de 1978 atopábase nunha dirección federalizante. Era coherente coa nova posición fixada polo PSOE no Estado no debate do texto constitucional, onde renunciaba ao dereito de autodeterminación, recollido no programa deste partido desde o congreso de Suresnes (Francia) de 1974 e onde apostaba por un novo modelo de Estado das autonomías, en base ao concepto de “nación de nacións” recuperado por Peces Barba e reivindicado anos máis tarde por Rodríguez Zapatero. Ao tempo, na proposta defendíase unha Cámara galega de 150 parlamentarios, a cooficialidade, recoñecendo o galego como lingua propia do país e gardábase silencio sobre a sede da capitalidade da Galiza, afirmando o seu secretario xeral, Modesto Seara, que se trataba dun “debate non oportuno”.

Candidato frustrado do PSOE

A comezos de 1979 facíase pública a presenza do poeta na lista do PSOE ao Senado por Ourense. Así, o 23 de xaneiro, os medios escritos da Galiza recollían que a candidatura dos socialistas á Cámara Baixa estaba formada por Celso Montero, Ángel Estévez e Celso Emilio Ferreiro como titulares e Juan Manuel Iglesias Rivera como suplente. Dous días máis tarde, El Pueblo Gallego indicaba que “Juan Manuel Iglesias Rivera substitúe Celso Emilio Ferreiro no Senado, sendo un dos motivos de Celso Emilio para abandonar a candidatura a pouca dispoñibilidade para dedicarse a unha campaña electoral”. O propio Celso Emilio daría por boa naquel momento esta explicación, rexeitada polo sector crítico do partido e, pasado o tempo, polo mesmo Celso Montero, home de Madrid no PSOE de Ourense.

O grupo do PSOE de Ourense enfrontado a Montero e á dirección estatal afirmou nunha rolda de prensa un día despois de coñecerse a ausencia do escritor nas listas que “Celso Emilio Ferreiro non quixo meterse neste lío. O da falla de tempo é unha escusa”. O propio Montero explicou en 1989, coincidindo coa dedicatoria do Día das Letras Galegas a Celso Emilio, que en 1979 “chamei entón a Madrid a Celso Emilio propóndolle formar parte da nosa candidatura ao Senado por Ourense. El pareceu dubidar un momento, pero logo non aceptou, aducindo que as informacións que el recibía da Galiza eran que o partido estaba desfeito aquí e non iamos sacar nada”. Efectivamente, os socialistas só acadaron unha acta na Cámara Baixa por esa circunscrición, no marco dunha forte división interna na formación.

Os socialistas ourensáns padeceron unha importante crise nos primeiros meses de 1979. Tiña a súa orixe na operación da dirección federal do partido en apartar da secretaria xeral galega Modesto Seara, que tivo o momento chave no proceso de conformación das candidaturas para os comicios estatais, onde o máximo responsábel do partido na Galiza foi desautorizado pola dirección central do PSOE. A consecuencia disto producíronse dimisións de diversos cargos do partido en Ourense, como os dirixentes provinciais Manuel Villar e Avelino Rodríguez, ou os secretarios dunha ducia de agrupacións locais. Neste contexto, as perspectivas electorais na circunscrición non eran as mellores e a análise de Celso Emilio Ferreiro sobre as posibilidades de éxito da súa candidatura acertadas.

O distanciamento de Celso Emilio coa UPG

O desembarco de Celso Emilio Ferreiro no partido de Felipe González e Alfonso Guerra é o resultado dun longo proceso de decantación ideolóxica que arranca nos comezos da década dos anos 70. Nesta perspectiva, merece o noso interese achegarse ás razóns explicitadas polo poeta para explicar a súa saída da UPG e as súas posicións políticas naquela altura non coa intención de entrar nun debate que xa consumiu moitas páxinas, senón para botar luz sobre a súa evolución posterior. A este respecto, ofrécese o testemuño de diversos protagonistas directos e indirectos daqueles feitos e coñecedores de primeira man do acontecido, algúns deles amigos do escritor e outros dirixentes de relevo da organización nacionalista que contribuíu a fundar en 1964.

Celso Emilio Ferreiro sempre negou a súa expulsión da UPG e argumentou a súa marcha dese partido como consecuencia das discrepancias coa liña política da organización. Así, na entrevista concedida á revista Ozono, preguntado por ese partido afirma que “fun un dos seus fundadores, pero por discrepancias xurdidas despois da miña marcha a América en maio de 1966 separeime da organización cuxa forma de actuar e enfocar a problemática galega respecto, pero non comparto”. Precisamente, esta idea repetiuna o poeta sempre para explicar as razóns da saída da organización en cuxa fundación participou.

Fernando Franco preguntou ao poeta por esta cuestión na entrevista para El Pope concedida tres días antes da súa morte. Alí, Celso Emilio Ferreiro insiste en que “eu separeime da UPG estando xa en América, por razóns que non veñen agora ao caso. Separeime querendo manter a miña amizade con eles, pero xa non as obrigacións militantes. Parece que non foi posíbel isto, porque na UPG moita xente dedicouse a sacarme a pel e eu non son un pelón. Agora non son amigo deles, aínda que tampouco inimigo. Síntome simplemente á marxe”. Máis alá das consideracións críticas expresadas sobre a liña dese partido, sitúa na esfera das discrepancias ideolóxicas e políticas a súa saída do mesmo por propia vontade.

Os argumentos aportados por Celso Emilio Ferreiro coinciden no esencial co sinalado por dous militantes de primeira hora da UPG e amigos de longa data do poeta, Bautista Álvarez e Xosé Luís Méndez Ferrín. Álvarez, fundador e dirixente durante décadas deste partido, que mantivo unha longa correspondencia con Ferreiro custodiada nos seus arquivos, deixou testemuño en agosto de 2006, nunha conversa mantida en San Amaro -o seu concello natal- con Roberto Vilameá Ponte e co autor deste texto, que “nas vacacións de Nadal de 1972, coincidindo cun día de feira en Celanova, desprazámonos Ferrín e mais a eu Celanova para atoparnos con Celso após tantos anos, sabedores de que estaba pasando uns días na casa familiar para preparar o seu retorno ao Estado, algo que coñecía desde tempo antes porque mo tiña comentado en Madrid Totora [Vitoria Armesto], que lle buscara un traballo co Álvaro Xil, para posibilitar a súa volta”.

Álvarez continúa sinalando que “Celso Emilio díxonos que non tiña posibilidade de continuar coa militancia polas súas particulares circunstancias persoais, algo que nun primeiro momento comprendemos pola súa precaria situación, pero xa decontado fíxonos ver as súas discrepancias coa liña do partido. Díxonos que non tiña problema coa definición comunista pero que consideraba equivocada a nosa posición nacionalista a favor da soberanía nacional. El pensaba que unha Galiza independente non era posíbel nin desexábel e que era necesario manter algún tipo de vencellos con outras forzas do Estado para loitar contra o franquismo. O que máis nos sorprendeu foron as súas críticas ao nacionalismo, do que dixo que non tiña sentido naquela altura, e a súa aposta polo federalismo. Eu alí xa me din conta de que el estaba a outra cousa, despois, como é sabido, acabou marchando da UPG”.

A versión de Bautista Álvarez é coincidente coa formulada por Celso Emilio Ferreiro en 1979. Así, na entrevista de El Pope, o poeta explicaba a súa participación desde o seu retorno ao Estado no grupo Argumentos SA, co obxectivo de que “o sentido federalista auténtico non se perdera na doutrina socialista” e critica a UPG porque “son moi nacionalistas e moi pouco socialistas”. Á evidente reserva fronte á ideoloxía nacionalista que se deriva destas últimas palabras sumáselle a evidente incompatibilidade entre facer parte dunha entidade como Argumentos S.A. e a defensa da alternativa federal, coa militancia nun partido patriótico e comunista, cuxa proposta programática pasaba polo recoñecemento da soberanía nacional da Galiza, para construír un Estado socialista galego.

Xosé Luís Méndez Ferrín tense referido á saída de Celso Emilio Ferreiro da UPG. Así, no seu libro de conversas con Xoán Manuel Casado e Xosé Manuel Salgado, dá conta que antes de aceptar a súa responsabilidade na Aula de Cultura Galega do Ateneo de Madrid no verán de 1974  “Celso Emilio sepárase xa da UPG, pero non dunha forma traumática; tiña as súas propias estratexias pero continuaba cunhas excelentes relacións co noso partido”. Nesta mesma publicación, explica súa colaboración co Ateneo de Madrid e con Carmen Llorca “pola súa propia iniciativa e decisión e a responsabilidade tamén foi súa”, se ben sinala que “cando el tomou esa decisión, consultouna coa UPG e, concretamente, falou comigo por teléfono”.

Xosé González Martínez, “Pepiño de Teis”, un dos pesos pesados da dirección da UPG entre o verán de 1971 e o outono de 1976, afirma sen ningún xénero de dúbidas que Celso Emilio Ferreiro non foi expulsado da UPG. A este respecto, ten explicado ao autor deste texto en maio de 2023 que “cando retornou Celso Emilio de Venezuela  estábao agardado eu na alfándega do porto de Vigo, acórdome ben por ser un día de moita calor e após acompañalo polas rúas da cidade para conversar con el, pediume separarnos para que non nos viran xuntos e continuou coa súa andaina cara á libraría dos Álvarez Blázquez, despedíndonos finalmente e ficando en continuar en contacto. Na conversa non me deu pé a cruzar ningún comentario político e confirmoume que tiña pensado estabelecer a súa residencia en Madrid”.

González Martínez afirma que “Celso Emilio Ferreiro vaise a Madrid e non mantén ningún contacto con nós. El vai por libre e non ten ningún tipo de práctica militante, algo que era impensábel para un afiliado naquela altura, até que soubemos da súa decisión de incorporarse ao Ateneo de Madrid cara ao verán de 1974 da man de Carme Llorca. Precisamente a reconstitución desta institución neste momento era unha operación promovida polo grupo GODSA [Gabinete de Orientación y Documentación, S.A.], plataforma fundada en 1973 polos sectores do franquismo ligados a Manuel Fraga, da que Carmen Llorca, delegada de cultura da Secretaría Xeral del Movimiento, era membro. Despois fixéronse públicas as críticas desta muller a todas as literaturas do Estado non escritas en español, dimitindo os responsábeis da sección de cultura catalá e vasca do Ateneo e Celso Emilio non. Aínda así decidimos non expulsalo, se ben na práctica naquela altura xa non tiña nada que ver coa UPG”.

Francisco Rodríguez Sánchez, naquela altura membro do Comité Central da UPG e posteriormente secretario xeral dese partido, explicou nun artigo publicado en 1989 nun especial de A Nosa Terra, “Celso Emilio Ferreiro, común temos a patria”, que “as relacións de Celso Emilio Ferreiro coa UPG durante a súa estadía en Venezuela facíanse a través de Europa (Suíza e París). Estas relacións foron progresivamente máis distantes até o extremo de que, á súa volta, podemos consideralo desvinculado deste partido. Dificilmente podía a UPG expulsar en 1974 do seu seo a Celso Emilio cando non era militante”. No mesmo traballo, revela que “en todas as manifestacións Celso Emilio razoaba sobre a falta de substantividade do adxectivo galeguista, a súa distancia coa alternativa nacionalista na que militara”.

Documentación interna da UPG

A documentación interna da UPG acredita a versión ofrecida por Bautista Álvarez, Méndez Ferrín, Xosé González, Francisco Rodríguez e polo propio Celso Emilio Ferreiro. Así, a posición oficial da dirección do partido sobre o sucedido, recollido nun escrito elaborado en decembro de 1974 pola Delegación do Exterior da UPG, dirixida desde Porto por Margarita Ledo Andión, sinala que “Celso Emilio Ferreiro, en certo xeito, autoexcluíuse xa que se negou a todo tipo de traballo e a non integrarse nunha estrutura organizativa nin sequera a un nivel primario, polo que, e segundo os estatutos e as normas mínimas internas que deben terse en conta nunha organización comunista, deixou de ser considerado como un militante e nestes momentos só se lle pasa propaganda”.

O concepto de autoexclusión non era empregado naquela altura  na UPG como un eufemismo para referirse á expulsión. Tanto é así que na documentación interna do partido úsase un ou outro termo en función das diferentes circunstancias que provocan a baixa dun militante, reservando o primeiro termo para aqueles afiliados que causan baixa pola súa propia vontade no partido e o segundo para aqueloutros adherentes obrigados a deixar o partido contra a súa vontade, como resultado dunha decisión dun órgano de dirección do mesmo. Neste sentido, o propio Terra e Tempo, voceiro público da formación, ou o Canle, órgano de información interno, deron conta da expulsión de diversos militantes, algúns deles de máis relevo público que o propio Celso Emilio Ferreiro, documentándose tamén nos textos elaborados pola dirección da organización.

A orixe do equívoco sobre a saída da UPG de Celso Emilio Ferreiro pode estar na comunicación remitida en xullo de 1974 polo responsábel da Delegación do Exterior da UPG en Suíza, Carlos Díaz, a Luís Ferreiro, dirixente da UPG en Venezuela, fillo do poeta e ligado ao PSOE desde 1978. Porén, esta información enviada desde Suíza foi desmentida pola propia dirección do partido en decembro de 1974, como se sinalou anteriormente, respondendo o interese en manter a versión da expulsión a motivacións de orde política, con escasa base histórica. Neste sentido, presentar o poeta de Celanova como un expulsado da UPG é funcional ao relato de tentar converter este partido nunha sorte de ogro responsábel de todos os problemas do nacionalismo, onde converxen posturas ideolóxicas a priori antitéticas.

A lóxica deste discurso adoita, tamén, pór o foco nunha suposta persecución da UPG ao poeta desde o seu retorno de Venezuela. Sen ir máis lonxe, un dos primeiros recitais organizado ao poeta tras o seu retorno ao Estado realizouse en maio de 1974 en Ourense, baixo o impulso da asociación cultural Auriense, participada naquela altura pola UPG, que tiña como responsábel na zona Francisco Rodríguez. Precisamente, Rodríguez, principal promotor do acto, lembra como naquel momento a dirección do partido non tiña o contacto de Celso Emilio Ferreiro, véndose obrigado a conseguilo a través da profesora Pilar Vázquez Cuesta. A xornada destacou polo seu grande éxito de público que encheu o local da entidade, onde tamén se fixeron presentes varios membros da Brigada Político-Social, habituais neste tipo de actos.

Celso Emilio Ferreiro retornou a Galiza sen disposición de asumir ningunha militancia na UPG. A este respecto, nunha carta remitida a Carlos Díaz desde Venezuela o 3 de maio de 1973, só 19 días antes de desembarcar en Vigo no transatlántico Begoña, escribe que “respecto ás miñas relacións coa U, direiche que de momento terán que ser totalmente pasivas. Sei, dunha maneira evidente, que vou estar estritamente observado, como o estiven tamén na miña viaxe de Nadal”. Nesta liña, advirte que “cómpre, pois, que eu apareza polo de agora un tanto marxinado. Os masóns teñen un nome para esta clase de situacións: durminte. Mentres non pase o tempo suficiente para situarme e ver as miñas posibilidades de actuación quero permanecer durminte”.

A Aula de Cultura Galega do Ateneo de Madrid

A asunción da responsabilidade da Aula de Cultura Galega do Ateneo de Madrid no verán de 1974 evidenciou as diverxencias absolutas entre o poeta de Celanova e a UPG e as contradicións da súa práctica política coa liña defendida cunha parte da oposición democrática. Precisamente, esta viña denunciando a operación dos sectores reformistas do réxime, agrupados arredor de Gabinete de Orientación e Documentación S.A. (GODSA), impulsado por Manuel Fraga, de reactivar o Ateneo de Madrid, unha entidade intervida polo franquismo en 1939 e dependente organicamente até 1977 da Dirección Xeral de Información do Ministerio de Información e Turismo. Neste sentido, o movemento de GODSA respondía á intención de contar cunha plataforma social coa que actuar publicamente na capital do Estado.

Celso Emilio Ferreiro explicou nunha entrevista concedida a Xosé Fernández Ferreiro en 1977 e publicada en La Voz de Galicia que o plan de traballo da Aula de Cultura Galega do Ateneo de Madrid e a súa designación como responsábel débense a Camilo José Cela. Nesta liña, afirmábase na crónica que “a sección do Ateneo comezou a funcionar a finais de 1974, de acordo co esquema realizado por Camilo José Cela e no mesmo xa figuraba o nome de Celso Emilio Ferreiro como director”. Precisamente, a gran relación entre o poeta e Cela é pública e coñecida, ficando recollidos moitos testemuños da mesma en diversos traballos e publicacións.

A creación das aulas de cultura catalá, galega e vasca do Ateneo de Madrid e a incorporación ás mesmas de persoeiros dunha traxectoria democrática respondía á intención de lexitimar a entidade e de cooptar para a estratexia dos grupos aperturistas do réxime sectores dunha procedencia diferente ao franquismo. Porén, todos os membros da directiva eran nomeados polo Goberno, recaendo a presidencia en Carmen Llorca, delegada de cultura da Secretaría Xeral do Movimiento, persoa da máxima confianza de Manuel Fraga e futura deputada e europarlamentaria de Alianza Popular. Concretamente, Carmen Llorca non dubidou en atacar as literaturas diferentes á española no tempo do ingreso de Celso Emilio Ferreiro na institución, o que provocou a dimisión inmediata en sinal de protesta dos responsábeis das aulas de cultura catalá e vasca.

O poeta de Celanova mantívose na súa responsabilidade e asumiu a defensa de Llorca diante dos ataques que lle chegaron da práctica totalidade da oposición democrática e do conxunto do mundo cultural catalán, galego e vasco. Neste sentido, asumiu a versión da presidenta do Ateneo de Madrid, afirmando nunha entrevista nese 1974 en La Voz de Galicia que “Carmen Llorca non estivo afortunada, se é que verdadeiramente dixo iso porque ela asegura que as súas palabras interpretáronse mal”. Porén, Celso Emilio Ferreiro vai máis alá nunha entrevista con Maribel Outeriño en La Región, sinalando que “pensamos que a nós non nos importa, que esa señora que dirixe o Ateneo, non lle interesaran o que ela chama literaturas rexionais e que nós consideramos tan españolas como a castelá”.

A actividade desenvolta pola Aula de Cultura Galega do Ateneo de Madrid non contou con incidencia na importante comunidade galega emigrada na capital do Estado e, particularmente, entre o público estudantil, moi activo naquela altura. A este respecto, entre as persoas convidadas aos seus actos abundan as persoas vinculadas ao espectro do Partido Comunista de España (PCE), en cuxa órbita xiraba o mundo político do MSG, destacando entre ela Xesús Alonso Montero ou Valentín Paz-Andrade, compañeiro de viaxe dos comunistas na Xunta Democrática na Galiza. Ao tempo, signifícanse as persoas situadas arredor da órbita do denominado piñeirismo, entre elas Andrés Torres Queiruga ou o propio Piñeiro, con quen o autor de Celanova buscou a reconciliación.

Fixo parte Celso Emilio Ferreiro do PCE?

A boa sintonía entre Celso Emilio Ferreiro e o mundo social e político do PCE é coñecida. Porén, a súa militancia nesta formación con anterioridade á súa incorporación na UPG mantense aínda como unha nebulosa entre os estudos sobre o autor, malia os diversos testemuños nesa dirección, na liña do avanzado por Alexandre Cribeiro no artigo publicado no especial de A Nosa Terra, “Celso Emilio Ferreiro, común temos a patria”.

Cribeiro, cineasta, poeta, membro do colectivo Brais Pinto, militante do PCE e bo amigo do autor, sinalou que Celso Emilio “entrara no Partido en 1960, na época na que estaban integrados Agustín Pérez Bellas, Antón Beiras, Cal, Mercedes Ruibal, José Ruibal, Alonso Montero -por entón disciplinado e aínda agarimoso militante convencido da causa- Alonso Amat e unha persoa fundamental, entón farmacéutico no Calvario, Antonio González, que despois se exiliou en México. Cando marchou, foi substituído por alguén excepcional, o Camarada Ruiz -posteriormente concelleiro en Vigo e coñecido xa polo seu nome real de Carlos Núñez”.

Os traballos de Celso Emilio Ferreiro como afiliado do PCE son debuxados por Cribeiro. Neste sentido lembrou que “a súa contribución neses anos -1962, 63 e 64- non só era intelectual e maniféstase a ir onde fose, como demostrou”. Así, recolleu unha viaxe a París “nun momento dado de 1963/64” de “Alonso Amat, Celso e mais eu” para reunirse con Enrique Líster e Santiago Álvarez co obxectivo de crear as bases para pór en marcha o Partido Comunista da Galiza (PCG), como sucursal galega do PCE. Porén, esta decisión adiouse no tempo, formalizándose en decembro de 1968, cando na capital francesa se constituíu o PCG.

A versión de Cribeiro resultou confirmada por outros militantes daquel momento do PCE. Nesta dirección, Carlos Núñez, peza chave na estrutura dos comunistas de obediencia española en Vigo, responsábel do sector intelectual dese partido na cidade olívica desde 1963 e cadro de referencia da organización, certificou a Víctor Manuel Santidrán a militancia de Celso Emilio Ferreiro nas filas do PCE. A relación entre o poeta e o dirixente do PC foi intensa neste período, chegando a escribir Xesús Alonso Montero sobre “a relación con Celso Emilio Ferreiro, a quen Carlos Núñez lle mecanografou moitos poemas”.

Alonso Montero, militante de longa data do PC, tamén se ten referido á afiliación de Celso Emilio Ferreiro neste partido. A este respecto, son numerosos os traballos onde estuda a ligazón do poeta cos comunistas de obediencia española neses primeiros anos 60, revelando a constitución do comité de intelectuais do Partido Comunista en Vigo a comezos de 1964, nunha xuntanza desenvolta na clínica de Antón Beiras, onde participaron, entre outros, o referido Antón Beiras, Alonso Amat e o poeta. Alén da data concreta da formalización desta estrutura, a información achegada por tres protagonistas directos da mesma confirman a súa existencia e a presenza de Celso Emilio Ferreiro.

Víctor Manuel Santidrán, investigador de referencia para a historia do PC na Galiza e autor dunha tese de doutoramento titulada O Partido Comunista de España na Galiza, 1920-1968, dirixida por Xusto Beramendi, non dubida da militancia do poeta no Partido Comunista. Precisamente, a persoa que máis ten estudado este partido escribiu que “cando Carlos Núñez chegou a Vigo, a principios de 1963, nese comité de intelectuais probabelmente xa estiveran presentes Antón Beiras, Fernando Alonso Amat, Alexandre Cribeiro, Celso Emilio Ferreiro, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal e José Ruibal”. Nesta liña, revela “os nomes de Celso Emilio Ferreiro, Agustín Pérez Bellas, José Ruibal e Fernando Alonso Amat, Alexandre Cribeiro” como “as das persoas que estiveron claramente na órbita do PCE nalgún dos momentos da década dos 60”.

Celso Emilio Ferreiro mantivo certa colaboración co PCE unha vez constituída a UPG. A este respecto, significáronse as súas achegas á prensa do Partido Comunista, estando presente a súa poesía en publicacións deste partido como Nova Galicia, revista de política e cultura ligada ao Partido Comunista e cuxa dirección efectiva levaba Santiago Álvarez. Transcorrido o tempo, Nova Galicia rematou por converterse no órgano teórico do PCG, xogando un papel análogo ao de Nuestra Bandera para o PCE e asumindo o galego como lingua maioritaria a partir de 1975.

Os seus poemas e artigos poden seguirse na hemeroteca de Nova Galicia. Así, no seu primeiro número, editado en París en 1966, aparece o seu poema “Contribución ao plan de desenrolo económico (Índices estatísticos)”, que segundo Amador Martínez “Ramón”, membro do Comité Central do PCE, foi un pedimento de Santiago Álvarez a Celso Emilio Ferreiro, que remitiu o texto directamente á capital francesa. A colaboración continuou en número posteriores, como o número 2, do primeiro trimestre de 1967, onde aparece unha versión en español do seu poema a Lorca.