Volve a peste e con ela os magnánimos e os infames

Volve a peste e con ela os magnánimos e os infames
Agora xa nos podemos imaxinar o que pode ser un guerra sen as armas convencionais, daquelas temibles de destrucción masiva que dicía o trío das Azoras que tiña Sadan Husein. Hoxe coa guerra biolóxica pódennos matar sen derramar un pingo de sangue. Un dos moitos problemas que padece a sociedade actual no mundo occidental, non sei se cualificala de posmoderna, é a súa vulnerabilidade debido a que non tivo que enfrontarse a grandes problemas ou cataclismos en comparanza coas anteriores que se enfrontaron a dúas guerras mundiais, especialmente no campo da saúde onde as melloras experimentadas debido aos avances científicos, as melloras socioeconómicas, especialmente no que atinxe á hixiene, a alimentación e a universalización do sistema sanitario, son algúns dos factores que foron determinantes para que alcancemos unha das maiores esperanzas de vida do planeta, pero cando nos atopamos cunha crise como a do coronavirus, cóllenos co pé cambiado e non sabemos como actuar, ou mellor dito, non todos nos sabemos comportar con responsabilidade e solidaridade. Ver aos madrileños fuxir para as segundas residencias nas praias mediterráneas ou de Sanxenso, é un exemplo de non saber o alcance do problema, un “sálvese que poida” irresponsabilidade de quen confunde o illamento para evitar a expansión do mal cunhas vacacións, cousa que se sabían os nosos antepasados como imos ver.

As ideas sobre o contaxio

Os hipocráticos, baseábanse na idea do equilibrio entre o home e o seu entorno, crían que as epidemias eran causadas pola conxunción de condicións atmosféricas e locais. Durante a Idade Media foi opinión xeral de que a enfermidade era producida por unha alteración ou corrupción da atmosfera, o que dará lugar, a unha serie de medidas hixiénicas como a limpeza das rúas, facer lumes no principio delas, ou botar os porcos que se criaban nas rúas fóra da cidade porque corrompían o aire. Este estaba poluído por miasmas, exhalacións nocivas que proviñan da materia orgánica en descomposición ou da auga apozada, e que producían a enfermidade por alteración dos humores corporais. Esta idea foi defendida por Guillaume Baillou (1538-1616) no Epidemiorum et Ephemeridum (1640). Tamén Thomas Sydenham (1624-1689) defendeu a teoría dos miasmas que proviñan da terra, cambiaban o estado atmosférico e producían alteracións epidémicas como a peste e a variola. Sen embargo Girolamo Fracastoro (1478-1553), en De contagione, Contagionis Morbis et eorum Curatione (1546), intúe que as enfermidades epidémicas debíanse á presencia no aire de seminaria, xermes ou sementes transmisibles específicos de cada epidemia. Tiñan intuición porque a eses miasmas hoxe chamámoslles bacterias e virus. Agora se comprenderá porque nos recomendan separarnos uns dos outros polo menos un metro, tusir sobre o brazo e non na man, e utilizar máscara no caso de ser positivo. O chamado mal negro ou tabardilla era a peste bubónica, que se adquiría pola picaduras das pulgas contaminadas que pasaban dos enfermos ou dos mortos aos individuos sans. As ratas eran o reservorio da enfermidade. Cando morrían, as pulgas portadoras do xerme abandonaban ao hóspede infectando a outros roedores ou ó home a través da picadura producida na pel. Por iso era perigoso estar co enfermo no momento da defunción ou nos velorios.

Como agora o coronavirus, a peste chegou a Europa procedente de Asia. Era endémica en China onde a levaran os Tártaros na década de 1340. En 1347 contaxiáronse en Caffa mercadores xenoveses que levaron a epidemia a Italia. A enfermidade apareceu nas cidades onde desembarcaron, Sicilia, Calabria, Marsella e Xénova. A fins de 1348 xa se difundira por gran parte de Europa occidental. Entre 1347 e 1351 matou a uns vintecinco millóns de europeos, unha cuarta parte da poboación. De novo aparece no escenario actual China e Italia.

Medidas para atallar o mal

Cando se tiña noticia da aparición da enfermidade, as autoridades civís tomaban unha serie de medidas drásticas para evitar a expansión do mal, e, de acordo coas relixiosas, organizaban rogativas para implorar a divina clemencia por medio dos avogados da peste San Sebastián, o deus Apolo cristianizado, e de San Roque, santo que está presente en case todas as parroquias do rural galego, organizándose procesións, celebrábanse misas, cantábanse ladaíñas e facíanse outras manifestacións externas de penitencia. Pero desgraciadamente para as persoas e para a economía dos gobernos que manteñen os sistemas de saúde, as enfermidades non se curan con oracións, anque nestes días un crego manifestaba que as igrexas debían estar abertas para que os crentes lle pedisen protección a Deus, como se non producise o mesmo resultado facelo na casa. Hoxe sabemos que o despoboamento da península Ibérica foi debido a mortífera acción dun catálogo de enfermidades contaxiosas, desde a gripe á tuberculose, pasando pola varíola ou o tifo. O remedio era controlar o movemento das persoas para evitar a propagación para o que se recorría as corentenas, o control de entrada nas cidades nas pontes das que tiñan muralla, medidas de hixiene como o espurgo e ventileo que consistía en eliminar do corpo e das roupas aos parasitos transmisores como os piollos e as pulgas, e o illamento, as veces dramático. Clausurábanse as casas dos doentes e rúas enteiras, non sabían o que era un virus pero intuían que a determinada temperatura desaparecía, por iso facían lume nelas, para desinfectalas, e expulsaban da cidade por un ano aos familiares que conviviran co que morrera apestado para evitar o contaxio por unha recaída. Na peste que padeceu Lugo en 1569, estando reunidos no consistorio os alcaldes e rexedores, e dicir, os políticos, acudiu o doutor Leitón, a autoridade sanitaria da época, e manifestou que conviña, para preservar a saúde da Cidade e dos veciños, mediante a garde Noso Señor para que estea na saúde na que estaba ata aquí, que se fixesen os lumes que tiña ordenado nos principios das rúas, que conviña mandar limpar todas as rúas e casas, e sacar as latrinas, e pregoar que todos os veciños regasen con vinagre os cuartos onde durmisen, que lavasen as caras polas mañás co mesmo producto, e que botasen os porcos fóra da cidade porque corrompían o aire. Dixo tamén que conviña que a Xustiza e rexedores sinalaran unha casa nos extramuros para que se acomodasen nela os enfermos de peste. É dicir, o que nos recomendan hoxe con insistencia: hixiene, control dos desprazamentos, confinamento e atención dos doentes graves nos hospitais.

En todos os tempos hai magnánimos e infames

Que fuxan para a súa residencia de Marbella José María Aznar e Ana Botella, que viven nunha urbanización madrileña, nun medio e nunha vivenda individual que favorece o illamento, non deixa de ser un mal exemplo e faime recordar o episodio do bispo lucense Fernando de Vellosillo no foco de peste que apareceu en decembro de 1569 que querendo abandonar a cidade as autoridades municipais pedíronlle que non o fixese. Diante das noticias de que o alcalde e os rexedores desexaban tamén marchar, seu compañeiro de consistorio Juan de Farnadeiros pediulles que non o fixesen, que non desamparasen a cidade. O alcalde nun acto de solidariedade e responsabilidade dixo que mentres fose alcalde e tivese voto no Concello, el asistiría e estaría, e mandou aos rexedores presentes e ausentes que non fuxisen, baixo a pena de 50.000 marabedís e de tódolos danos que se ocasionasen. E o mesmo dixo Juan Rodrigo de Parga. Francisco Pardo manifestou que levando ou enviando fóra a súa muller e familia, como o fixeran outros, asistiría ata que Deus provese outra cousa, e o rexedor Cabarcos indicou que mentres a cidade non estivese san de peste, estaría e asistiría. Como vemos a forma de actuar do home non cambia. Como dicía Andrea Rizzi nun recente artigo publicado en El País titulado “Pusilanimidad y magnanimidad”, na crise actual cada un de nós mostrarase, ante si mesmo e os demais, como o que realmente é, e que como sempre na vida haberá magnánimos e infames:

“Por tanto, este momento definirá mucho más que otros a cada cual: médicos y enfermos; empleadores y empleados; gobernantes y gobernados; países ricos y países que no lo son tanto, y en general a todos los ciudadanos en busca de arreglos en circunstancias que serán difíciles (aquellos que solo compran dos cajas de producto y los que se llevan toda la estantería, los que se declaran enfermos para no caer enfermos y los que siguen trabajando dando la cara)”.