uniondopovogalego.org


A anovada paxina web da Unión do Povo Galego, alén de dar conta das propostas programáticas e da actuación deste partido político, acolle no seu seo o meirande arquivo existente hoxe na rede sobre o nacionalismo galego nos últimos 45 anos. É de agardar que os responsábeis desta organización vaian ampliando progresivamente este fondo documental, fornecendo novo material, porén o material que hoxe atesoura é, en si mesmo, un testemuño imprescindíbel para coñecer de primeira man a loita do nacionalismo após a súa reorganización na década dos sesenta. Agradecemos sinceramente esta iniciativa, na medida que vai facilitar a aparición de novos estudos sobre Galiza e o nacionalismo, pero particularmente porque vai posibilitar a achega e a divulgación entre o grande público, sen o tamis do prexuízo ideolóxico ou da distorsión interesada, do que fomos e do que chegamos a ser, isto é, dunha parte da historia do nacionalismo e do presente que estamos a escribir nos.

Merece especial relevo neste fundo a colección completa do Terra e Tempo, concretamente o 129 números publicados entre 1965 e 2003 etapa en que esta cabeceira dependeu organicamente -de diversos xeitos- da UPG, na perspectiva de que recolle unha visión máis ou menos precisa das loitas que viviu Galiza nestes anos así como das posicións doutrinais do nacionalismo. Son páxinas cuxos protagonistas teñen nomes propios, Castrelo de Miño, o Ferrol e Vigo de 1972, a Cota Empresarial de todas as aldeas labregas, Monforte, Quiroga, Baldaio, As Encrobas, Xove, Dices Rois, A Estrada, a expulsión do Parlamento, Castelao traizoado en Bonaval, outra vez Ferrol reconvertido, Folgas Xerais na Galiza, tractoradas, Nunca Máis. É a nación en loita que toma conciencia de si, que medra, que se organiza, que analiza, que se recoñece, desde os momentos previos ao Consello da Mocidade, até os xermes sindicais, frontismo, autorganización, autodeterminación, o noso marxismo, Riazor, proxecto común. O organizador colectivo que constrúe a Galiza rebelde, desde as pequenas loitas dos barrios e aldeas aos grandes movementos de masas, o organizador colectivo que forma sobre a nosa historia, sobre a nosa economía, sobre a nosa lingua e cultura porque todo estaba por descobrer. En fin, o organizador colectivo, que dá alento aos galegos e galegas da clandestinidade franquista e da clandestinidade democrático formal.

A par do Terra e Tempo atopamos unha escolla de publicacións, algunhas de carácter teórico outras de carácter axitativo, que nuns casos clarifican o papel do nacionalismo na conflitividade social do País, noutros dan conta de toda a construción doutrinal que fixo posíbel autoorganizar Galiza en todos os ámbitos, tamén ás veces delimitan os principios cardinais do proxecto político, e que sempre desmitifican e botan luz sobre paxinas de nós, escritas por pluma hostil ou man indocumentada. "Embalses non. Xustiza si", aquela folla voandeira de 1966 que deu folgos aos labregos de Castrelo de Miño, o Canle, órgano interno, o Denuncia, voceiro de loita, documentos de debate sobre o conflito lingüístico, sobre a igrexa ou sobre a autoorganización, sen esquecer as Bases Constitucionais ou o Documento conxunto UPG&PSG. Non quero pasar por alto, a posición da UPG arredor da constitución da sección galega do PCE, xa que neste documento aparecen xa delimitados os campos políticos na oposición ao franquismo á par que se precisan os fundamentos teóricos daquela UPG anterior ao 1972, isto é, Galiza como suxeito de dereitos políticos e poder popular como alternativa que garanta o exercicio do goberno polas maiorías sociais. É máis, neste texto fica xa patente unha preocupación doutrinal, común por outra banda a outros movementos de liberación nacional e outras forzas políticas da periferia sistema que naceron á marxe do paraugas doutros partidos progresistas gobernantes, de articular un pensamento propio que partindo da súa xenuína tradición nacional, no noso caso o acerbo do nacionalismo anterior, fosen quen de abrir camiños para que o proceso emancipador ao que se dispuñan fose completo.

Non podemos esquecer á hora de achegarnos a este arquivo dixital, que a UPG e o nacionalismo naceu e medrou na loita clandestina, o que dificulta ao acceso de moitos dos seus materiais, algúns desaparecidos e outros a espera de ser rescatados dos propios arquivos oficiais. Isto explica en boa medida o limitado material gráfico, carteis e autocolantes, que se recollen, se ben algún deles requiren unha mención particular. Neste sentido facemos un aparte no autocolante "Libertade pra Galicia", elaborado en Madrid e distribuído en Galiza no Nadal de 1967, que remataría coa detención de varios militantes nacionalistas e o proceso de parte dos mesmos no Tribunal de Orde Público, onde serían defendidos por Valentín Paz Andrade e Manolo Conde, aquel toledano militante da UPG madrileña. Sería bo, que alguén, máis tarde que cedo, se puxese mans a obra para reconstruír a represión ao nacionalismo no período franquista, unha represión que supera circunstancias concretas, por máis dramáticas que sexan, represión que é constante ao longo do período, e que ten nome de cadea, desterro, exilio e morte.

Un lugar de destaque neste fondo documental, por razóns evidentes, é o referido ao movemento xuvenil. Se houbo un sector permeábel a alternativa nacionalista este é a mocidade, até o punto que importante avance que vai ter o nacionalismo a partir da segunda metade da década dos setenta ten moito a ver co compromiso e a implicación deste sector social. Non se trata aquí de determinar o relevo de cada quen, e aínda que a transcendencia social de ERGA primeiro e os Comités e Galiza Nova despois supera ao da UMG, a vida do conxunto do conglomerado xuvenil nacionalista tampouco se explica sen o aporte desta ultima. A colección completa do "Guieiro" ou os textos congresuais da UMG a par que informan da vida e da loita da mocidade galega desde 1977 até hoxe, explican tamén os debates e os procesos no que se veu inmerso. Non vou ser eu quen prime, nin pretenda orientar a lectura duns ou doutros, pero considero de especial interese a preocupación presente en todo este material de defender a unidade do nacionalismo como un valor en si mesmo, e a vontade de utilidade e incidir na realidade práctica nun sector propicio a deformacións ideoloxistas.

A historia do povo galego, tamén do nacionalismo, vai ligada a individualidades, sen que isto signifique que o papel protagonista do que fomos e imos a ser lle correspondan a ninguén máis que a xente que viviu, vive e seguira a vivir nesta vella nación peninsular. Isto non quita que merezan un destaque particular determinadas traxectorias humanas, neste caso a de Xosé Ramón Reboiras e de Bautista Álvarez, que polo seu contributo e aportación ocupan un lugar de destaque nesta nosa historia compartida. Nun caso falamos dunha vida breve pero intensa, dun compromiso que se escribe con nomes de Fronte Cultural, xermes sindicais, células e traballo de masas e que remata en martirio naquel Ferrol proletario, unha vez máis reconvertido. Noutro, de máis de 50 anos de militancia patriota continuada, Brais Pinto, Consello da Mocidade, UPG e aquí segue, participando activamente, como participou e mesmo deseñou todo o proceso de conformación do nacionalismo galego na segunda metade do século XX e nesta primeira década do século XXI.

Mentres recibimos as novas dunha Libia á que chega a axuda humanitaria empaquetada en Tomawaks e sabemos de súpeto da preocupación de occidente pola democracia de canoneira que practica a VI Flota, matinamos no camiño andado pola nación galega desde 1964 e tomamos folgos para seguir a transitar con outros patriotas na procura doutro mundo, que non só e posíbel senón que é necesario, na procura doutra Patria, esta si, soberana.