Unha sociedade muda, unha mocidade sen futuro

Unha sociedade muda, unha mocidade sen futuro

A mocidade non ten futuro, pero tampouco os traballadores e os xubilados. Parece que os únicos que o teñen son algúns dos que se dedican á política, cuxos soldos, malia que din que son baixos, resultan os duns privilexiados si os comparamos cos dos demais, e para quen vai todo "vento en popa" para a banca e as grandes empresas cuxos intereses están protexidos polos gobernos dos dous partidos turnantes.

Estes días fálase de dúas cuestións que preocupan. Por unha banda a crise da natalidade, non só en Galicia que é gravísima, e por outra a cuestión das pensións. Dinnos que o noso futuro demográfico non está asegurado nin nas cidades, e que son os inmigrantes os que contribúen a rexuvenecer a nosa maltreita pirámide de poboación.

Logo da Conferencia de Presidentes de comunidades autónomas celebrada en xaneiro, o Goberno de España nomeou a unha comisionada para o chamado Reto Demográfico, Edelmira Barreira Diz, senadora do PP por Ourense, figura creada para buscar solucións ao envellecemento, á despoboación do medio rural e a baixa natalidade. Polo inicio dos contactos con dirixentes da Xunta para facer un diagnóstico das medidas tendentes a fomentar a natalidade, todo parece indicar que será unha perda de tempo dado que pensan que para ter fillos o fundamental é a conciliación, cando sendo este un elemento máis, o imprescindible é ter un traballo cun soldo digno, e despois unha batería de medidas complementarias.

Reducir postos de traballo


Os que están en idade de procrear son os mozos cuxa taxa de paro esta por encima de 40 % e, segundo a Comisión Europea no seu Informe España 2017, o 22,6 % dos fillos de traballadores viven en fogares con rendas por baixo do limiar da pobreza. Con esta situación ¿está a nosa mocidade en condicións de formar unha familia e ter descendencia?, pois non. Menos mal que a comisionada nun acto de realismo admitiu que economía e emprego son claves na recuperación económica "porque non hai conciliación sen traballo co que conciliar".

Os nosos mozos con carreiras universitarias teñen que emigrar en busca dun traballo, poñendo a disposición doutros países o seu potencial laboral e demográfico. Eu teño dous afillados fisioterapeutas, un en Burdeos e outro en Londres, porque aquí non tiñan posibilidade de emprego. E non é porque nos sobren este tipo de facultativos, senón porque as políticas que se aplican á Administración para reducir o gasto e baixar o déficit público, están deseñadas en base a reducir postos de traballo.

É frecuente comentar que sobran funcionarios, o cal non é certo xa que moitos colectivos viron aumentada a súa carga de traballo por non repoñer as xubilacións, pero aínda que o fose, un funcionario cobra un soldo que gasta no lugar onde vive e xunto cos xubilados, estes dous colectivos contribúen a mover esa roda que permite que as cidades do sector terciario poidan sobrevivir. Algúns comerciantes deixáronse levar pola demagoxia e alegráronse cando aos funcionarios lles quitaron a paga extra. Despois déronse conta que non vendían e moitos tiveron que pechar os seus negocios.

,Traballar gratis para a Administración

Os nosos gobernantes descubriron o "negocio do século", traballar gratis para as administracións públicas e os bancos. Agora estase creando un sistema perverso que consiste en que a Administración en lugar de estar ao servizo do cidadán é o cidadán o que ten que estar obrigatoriamente ao servizo da Administración. Si por exemplo uno vai solicitar un CIF a Facenda, xa entra nunha rede da que non lle deixan saír, a administración electrónica, de maneira que é un desde a súa casa a través do seu ordenador o que fai o traballo que antes facía un funcionario, e encima ten que pagar unha taxa. Despois está obrigado a entrar cada dez días nunha páxina determinada para ver si ten unha comunicación, co cal, a eficiente administración afórrase non só o diñeiro do papel, sobre e franqueo, senón dos funcionarios que o terían que escribir, embuchar e levar a correos.

Ao aforrar o sobre e o folio, estanse eliminado infinidade de postos de traballo, do que plantou a árbore, o que a coidou, o que a cortou, o que a transportou, ao que fabricou e vendeu o coche, ao que o asegurou, ao que fabricou, transportou e distribuíu o combustible, aos talleres de reparación, a fábrica de celulosa, aos que produciron a enerxía para que funcione, aos múltiples empregados que elaboraron a pasta de papel, aos que o fixeron, cortaron, empaquetaron, distribuíron e venderon, aos que recolleron a carta en correos, e a fixeron chegar ao destinatario. E en todos estes procesos a Facenda Pública, sen dar golpe, beneficiouse cargando varios impostos a todos os que interviñeron nesta longa cadea do papel e o sobre, en concepto de IVA, IRPF, ou de sociedades. E encima faille vostede o traballo á Administración para aforrar postos de traballo que á súa vez, iso é o que lle venderán cinicamente, lle repercutirá en que pagará menos impostos.

E os bancos van polo mesmo camiño. Neste punto algunhas entidades bancarias para ocultar o seu afán de aumentar os beneficios móstranse ecoloxistas e tratan de convencelo argumentando a cantidade de árbores que se poden salvar si renuncia á información escrita. Pero tamén lle van a ofrecer a Banca Electrónica, que non ten por finalidade todos os beneficios que lle venden, senón que vostede traballe para eles gratis, ou desde o seu ordenador ou nunha máquina colocada na oficina do banco. Xa anunciaron que van desaparecer as libretas, e como paso previo cando a leva para facer unha operación, non lla queren actualizar, se non que lle obrigan a que o faga no caixeiro. Todo isto, para reducir traballadores e aumentar os beneficios.

As pensións, favorecer aos bancos e ao Estado

Luís María Linde, gobernador do Banco de España, cun soldo de preto dos 200.000 €, recomenda elevar a idade de xubilación por encima dos 67 anos, e completar as pensións con plans privados, "activos financeiros", é dicir, plans de pensións, accións ou outros activos dos mercados financeiros, e baixar a súa contía, "que debería ser significativa", e manter uns mecanismos de revalorización baixos. E dicir, converter aos xubilados en indixentes. Outro "negocio do século", para os que eles protexen.

Argumentos: "o incremento da esperanza de vida, o atraso na entrada no mundo laboral, as menores necesidades físicas requiridas pola maioría dos traballos na actualidade e mellora das condicións físicas en idades máis avanzadas". ¡Toma estado social e de benestar!

Precisamente os xubilados son os que hoxe están sostendo aos seus fillos ou netos en paro, e os que coa súa dedicación á infancia contribúen a que os seus fillos poidan conciliar a vida laboral coa familiar, sen que ao Estado lle custe un euro. Polo que parece aquí os únicos que teñen dereito a descansar en boas condicións e con plans de pensións de millóns de euros son os xerifaltes da banca. A plebe que traballe ata que se morra, e si ten a sorte de sobrevivir e ter unha pensión, canto máis cativa mellor.

Ante este escenario de perda de poder adquisitivo ao que se enfrontarán os xubilados no futuro, Linde pide medidas encamiñadas a fomentar o aforro privado para "suplementar as futuras pensións públicas". Todos os que hoxe estamos xubilados e no seu día fixemos un plan de pensións, puidemos comprobar que son unha estafa legal amparada polo Estado. A finalidade real dos plans de pensións non son a de garantir un futuro mellor ao pensionista, senón que os bancos dispoñan de inxentes cantidades de diñeiro alleo co que fan os seus negocios e do que o propietario non pode dispoñer ata que se xubile, salvo circunstancia grave, é dicir, que vaia a morrer, e neste caso xa non lle fai falta. O Estado ponlle o incentivo da desgravación fiscal, outro engano, pois cando retire o que acumule, xeralmente menos do que investiu, Facenda resarcirase.

Linde tamén apunta, como unha das opcións, eliminar do sistema de pensións da Seguridade Social todas as que non sexan de xubilación, o que supoñería un gran aforro para o sistema. Con todo, esta medida trasladaría o gasto do resto de pensións aos Orzamentos Xerais do Estado, o que obrigaría a "aumentar a imposición xeral ou reducir outros gastos públicos".

O lóxico sería que propuxera medidas do fomento do emprego, elevación de salarios para aumentar o consumo, o emprego, a cotización para o sistema de pensións e a recadación.

Pois fagámoslle caso ao señor Linde, reduzamos outros gatos públicos empezando polo seu soldo, e que co aforro fagan un fondo para dar unha pensión non contributiva a unhas xeracións de mozos que malia o seu esforzo, non lles demos a oportunidade dun traballo que os faga independentes e que os dignifique.

Á vista deste panorama desolador hai que preguntarse: ¿Onde están os sindicatos para alzar a voz en defensa do traballo e dos traballadores? ¿Onde está a sociedade que cala ante tanta infamia? ¿Canto tempo máis estamos dispostos a manter este sistema de salvaxe capitalismo e a soportar tanta indignidade pagada cos cartos de todos?

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.