Un ser humano normal


Logo de escoitar algunhas cousas e de comprobar tempo despois que o que din algúns non ten nada que ver co que fan, creo que merece a pena preguntarse quen son eu, ata palparme para comprobar que son verdade, que existo, que non son materia amorfa que nin sente nin padece, que son un ser humano normal, con autonomía para decidir, cos meus ósos, as miñas carnes, o meu ADN, a miña individualidade, unicidade, temperamento, biografía, experiencia, traxectoria, defectos, virtudes, con simpatías e antipatías, un proxecto vital, e sobre todo, un ser único cun cerebro, que quere pensar por si mesmo, que discorre, que razoa, convencido de que son eu e as miñas circunstancias.

Considérome unha persoa como calquera outra, pero neste momento coa miña dignidade agredida, que esta farta de escoitar sandeces dunha panda de oportunistas mantidos a conta do erario público, que nos insultan dicindo pouco menos que o que non é da súa corda e un imbécil, un ser anormal que non merece que se lle respecte o seu punto de vista, e, en definitiva, o seu criterio e o seu dereito a discrepar.

Como eu non me considero unha entelequia, nin 85 quilos de materia evanescente, nin carne de canón de políticos en campaña electoral, nin tampouco quero ser, segundo a definición marianista (enténdase de Mariano Rajoy), un ser humano normal (cando apareza en cursiva enténdase que quere dicir que ten que votar ao PP se non quere ser tachado de anormal), como Rodrigo Rato, Luís Bárcenas, Francisco Camps, Francisco Granados, Juan Cotino, Carlos Fabra, Jaume Matas, e un longo etc. de soados delincuentes, uns presuntos e outros xa confirmados, e por iso fago pública a miña indignación para dicir ¡xa está ben!

Un político sen calidades para a política


A última vez que vin en vera efigie a Mariano Rajoy e nos saudamos foi ao final dunha tarde nuns dos corredores da estación do Metro de Guzmán el Bueno de Madrid cando eu viña de visitar á un matrimonio amigo que vivía ao final da rúa Castelló. Xa o mandaran para Madrid seguindo as recomendacións de Fraga, que din que lle dixo "Dese una vuelta por Madrid y cásese", porque parece que iso era o que tiña que facer un ser humano normal, para dedicarse á política no PP. E chegou a onde nunca debeu chegar, limitándose a deixarse levar por un grupo de asesores.

Aínda que foi en Galicia cando Rajoy subiu por primeira vez a un coche oficial, no momento do noso encontro casual aínda era un ser humano normal, un peón máis, sen ir rodeado de escoltas, asesores, fotógrafos, cámaras de TV, periodistas e curiosos.

Despois pasou por varios ministerios, confirmando que é verdade que o que fai un cesto fai un cento, e así ata chegar a presidencia do seu partido e a do Goberno de España, onde se mantén, cunha valoración cidadá de 2,24 segundo a enquisa de xaneiro do CIS, nunca chegou ao aprobado, a peor de todos os presidentes que houbo na democracia.

Rajoy é un ser humano normal que fixo da política a súa profesión, o de rexistrador foi un accidente, a pesar de non ter ningunha das calidades que se espera dun político, como credibilidade, brillantez, toma de postura, rapidez nas decisións e nas respostas, tomar o traballo político en serio, dar a cara e mollarse. A razón pola que non responde ás preguntas dos xornalistas, ata chegar ao ridículo de agacharse tras dun plasma, ou facer roldas de prensa sen preguntas, é porque non sabe dar unha resposta que non estea escrita por un asesor, e cando escribiu algo da súa colleita, dixo que non podía responder porque non entendía a súa letra.

Cando unha cidadá lle preguntou nun programa de televisión canto gañaba non llo dixo, nega ter cobrado sobresoldos do partido e non sabe como se financia a pesar de ter sido secretario xeral e agora presidente; cando estaba na oposición utilizou a loita contra o terrorismo deslealmente por motivos electorais, acusando a Zapatero de "traicionar a los muertos y permitir que ETA recupere las posiciones que ocupaba antes de su arrinconamiento"; criticaron e encabezaron as manifestacións contra a lei do aborto que agora manteñen; recorreron o novo Estatuto de Cataluña en cuxa anulación está a orixe do proceso de secesión en curso; fixeron o mesmo coa lei do matrimonio gay, que tamén manteñen e utilizan; criticou as controvertidas medidas económicas de Zapatero afirmando que el nunca as tomaría, e tomounas acrecentadas, nin creou a confianza que prometeu para acabar coa crise; encomiou e defendeu a políticos corruptos do seu partido aos que puxo como exemplo a seguir e agora aparenta non coñecelos empregando o eufemismo de ese señor por el que usted me pregunta, e como desculpa agora parece que se decatou de que gobernar é moi difícil, e que os seres humanos normais, deben de votar ao PP. Que un ser humano así, que leva 34 anos na política, sendo parlamentario galego, presidente de Deputación, vicepresidente da Xunta de Galicia, sen nunca falar galego, e ministro de catro departamentos, chegue a ser presidente dun partido e do goberno de España, evidencia que ao sistema político algo lle pasa, que está en crise e que precisa un cambio radical.

,Unha metáfora desafortunada

E como non lle chegaba a ofensa á cidadanía anormal,(enténdase segundo Rajoy que é a que non vota ao PP), agora van a desprestixiar aos novos, a unha xeración de políticos limpos e ben formados, que naceu e se formou na democracia, seres humanos moi diferentes aos normais do PP, como Pablo Iglesias (37 anos), Íñigo Errejón (32 anos), Albert Rivera (36 anos), Alberto Garzón (30 anos), por citar a algúns dos máis coñecidos, que saben o que din, que responden ao que lles preguntan argumentando, que resisten airosos un debate, que están ao día e saben do que falan, que nos se esconde aos medios de comunicación senón que os buscan e dan a cara, que representan a unha xeración sen traballo e sen futuro, e que agora os voceiros do PP, para evitar que os cidadáns voten aos partidos onde están eses rapaces, recorren á estratexia do medo con argumentos ridículos e a estas alturas ineficaces.

Nesta táctica, inútil, está María Dolores de Cospedal, a que lle fai o traballo no partido a Rajoy, que a pesar de ter o seu primeiro cargo político con 35 anos, cometeu a torpeza de dicir que Cuando los dioses quieren castigar a los pueblos les envían reyes nuevos, esquecéndose de que acaba de entrar como rei Felipe VI con 46 anos e que o seu xefe Mariano Rajoy empezou na política aos 26 anos.

E para rematar o teatro da detención de Rodrigo Rato. Primeiro eles fixérono a base de gabanzas o mellor ministro de economía da democracia, aquel que nos daba leccións de porque había que pagar os impostos, e agora que está desprestixiado e encausado, de comprobarse que facía todo o contrario do que predicaba, non dubidan en presentalo como exemplo de que "Hacienda somos todos" e que "La Justicia es igual para todos", que non interfiren nela, e que están loitando a fondo contra a corrupción, incluso cos deles, eso si procurando dicir que o de Rato é un asunto persoal que no ten que ver co partido porque xa pediu a baixa.

A estratexia consiste en primeiro colócanos, despois cando se descubre que son corruptos, suspéndenos de militancia, ou piden eles a abaixa, rara vez os expulsan, e como xa non son do partido, pois din que nada teñen que ver co asunto, acto seguido distribúen o argumentario para que todos repitan o mesmo seguindo a estratexia de que unha mentira a base de repetila se fai verdade. Traizónanse e véndense entre eles para manterse.

¡Vaia personaxes! ¿Son estes os seres humanos normais aos que hai que votar?


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.