Topamos coa igrexa


Todas as relixións son poliédricas, teñen varios niveis de consideración por parte dos que as practican. O primeiro deles debía de ser o espiritual xa que parece que é o seu fin último. O segundo é a súa ampla vertente cultural xa que fai achegas a diversas ciencias que estudan algunhas das súas facetas, como é o caso da historia, a teoloxía, a antropoloxía, a socioloxía, a etnografía, o folclore, a arte, a literatura e algunha máis. A terceira é tamén moi importante, cal é, a súa vertente económica. As relixións foron e son no seu conxunto un gran negocio, non só para os que viven directamente delas, caso do clero, senón tamén para os que se benefician indirectamente como é o caso da variedade de negocios que se alimentan do turismo relixioso.

Baste dicir que calquera festa patronal de calquera das nosas aldeas xera actividade para moitas persoas, colectivos e institucións, desde o que vende un exvoto ou unha vela, ou un prato de pulpo, ata o músico e o cantante, pasando pola Sociedade Xeral de Autores e a Facenda. Por iso teñen interese os concellos en que as súas festas, case sempre en honor de Cristo, a Virxe, un santo ou unha santa, sexan declaradas de Interese Turístico, para atraer máis clientela.

As relixións, o invento do século

Hoxe sentimos admiración, e tamén certa envexa, polo éxito alcanzado no mundo contemporáneo polos propietarios de Inditex, Apple, ou Google, polo millonario volume que alcanzan os seus negocios que algún día entrarán en declive. Si puidésese cuantificar o volume de negocio, directo e indirecto de calquera relixión, quedaríanse pequenos, coa vantaxe destas de que, malia as súas crises, teñen continuidade no tempo durante centos e miles de anos.

Nun momento determinado da nosa historia, ese que por descoñecer o que ocorreu denominamos escuro, ao que se lle ocorreu inventar, non a aparición dun sepulcro, que seguramente foi certa, senón ao personaxe ao que pertencía, tivo non só unha idea xenial senón tamén a visión dun gran negocio que foi montado e perfeccionado ata os nosos días.

Nos primeiros anos do século IX o eremita Paio é alertado por sinais do ceo que lle indican onde estaba enterrado o apóstolo Santiago que fora decapitado en Xerusalén por orde de Herodes Agripa, e na catedral armenia din que conservan a súa cabeza. No lugar, o monte Libredón, xorde unha igrexa e ao seu redor un pobo que co tempo se converteu en Santiago de Compostela, un dos tres lugares de peregrinación da cristiandade.

No século XII, o arcebispo Xelmirez preocupouse por promover a peregrinación a Compostela axudado por algúns reis, como Afonso VI, que tiveron moito interese en repoboar con francos algunhas das cidades deshabitadas ou pouco poboadas situadas no Camiño. Ninguén mellor que os galegos para asegurar que o emigrante contribúe ao desenvolvemento económico dos pobos aos que se despraza. E ata hoxe.

Non só é unha cuestión de fe

A fe non só move montañas senón tamén inxentes cantidades de diñeiro. Non fai moito vía unha reportaxe sobre o negocio do pelo, onde saía o templo hindú de Balaji na India ao que acudían os fieis, para entregar as longas e preciosas cabeleiras das mulleres que eran rapadas ao cero, ou as barbas e cabeleiras dos homes para ofrecerllas ao deus Vishnu. Nuns talleres artesanais trataban o pelo para vender e exportar por valor dun millón de euros ao mes.

A construción de catedrais, mosteiros e igrexas, foron o Plan E de cada época que durante séculos garantiron salarios a unha multitude de obreiros, mestres e artesáns e, en consecuencia, garantiron a existencia das nosas cidades, porque sen consumo non poden sobrevivir.

Vén todo isto a conto a raíz do enfrontamento entre o bispado de Lugo e o Cabido de Santiago, amparado polo seu arcebispo, por unha credencial moi ben presentada realizada polo debuxante Chencho Pardo promovida por unha asociación de comerciantes chamada Lugo Monumental, La Voz de Galicia e o bispado de Lugo. O Cabido de Santiago ameazou con rexeitar aos peregrinos que saísen de Lugo con esta credencial. Con 100 quilómetros de percorrido xa se pode obter a Compostela, outra das cuestións en que discrepan algunhas asociacións relacionadas co Camiño que piden 300 quilómetros para evitar o colapso a partir de Arzúa.

O deán e o resto dos cóengos de Santiago debían facer unha viaxe ao mosteiro de Samos onde hai unha exposición con máis de 300 credenciais de diferentes épocas expedidas en distintos lugares e polos bispos para acreditar a condición de católico e de peregrino do portador. De feito os peregrinos poden levar un papel en branco ou credenciais doutros bispados para poñer os selos acreditativos de ter pasado polos distintos tramos do Camiño que son admitidas. Santiago é o lugar de chegada e xa que logo os peregrinos teñen que levar a credencial cos selos de todo o itinerario. Non ten porque ser só válida a que eles venden.

Pero estes señores que demostraron ser tan pouco dilixentes no control dos diñeiros que outros, como o electricista, levaban das esmolas, teñen uns testículos máis grandes que os do cabalo do seu Santo Apóstolo cando din, sen poñerse colorados que "la credencial que ustedes han emitido no será aceptada por esta oficina de acogida al Peregrino en ningún momento". ¿Cal é a razón que se oculta? Que a credencial de Santiago cóbrase, e a de Lugo era gratuíta, pero para que non digan que lles fan competencia desleal decidiron cobrar por ela 1 €, que será destinado a Caritas de Lugo.

Si non lles queren dar a Compostela en Santiago pódenlla dar no bispado de Lugo pois en nada difiren as competencias dos dous bispos de ambas dioceses na concesión das grazas que outorga a peregrinación.

Agora aducen que para declarala non sancta, que a credencial de Lugo non inclúe a frase "el sepulcro de Santiago, meta de la peregrinación jacobea", que como se ve neste caso é evidente, e xa que logo innecesaria. Pero os de Lugo seguirán adiante coa súa credencial incluíndo a tal frase nunha adhesivo para que non poñan máis pegas. Seguro que o papa Francisco diríalles "no sean ustedes egoístas y compórtense como verdaderos cristianos". Como se ve os peores inimigos da Igrexa están entre os que a dirixen. Que verdade é o dito "topamos coa Igrexa".


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.