Taboado de marionetas


Vexo moi pouca televisión. Escoito pouca radio. Porén, aínda así, decátome de como moldean e modelan, máis do que nunca, especialmente a televisión, os espectadores e ouvintes, a sociedade. Decátome, porque, as poucas veces que desexo saber con que intención emiten, de forma experimental e directa, e algunhas nas que son receptor casual, me abonda para comprender por que a opinión social hexemónica sobre moitas cousas é a que é. Comprobo como se orienta e constrúe a opinión en materia política, posibilitando a aparición de novas lexitimidades como forma de mudar algo para nada substancial mudar. En concreta, no caso de Galiza, a sociedade receptora está máis indefensa, é máis vulnerábel e fácil de desorientar, porque apenas conta con protección mediática alternativa, que lle sirva de contraste desde unha perspectiva informativa e analítica propia.

A experiencia das persoas é limitada e parcial. A miña experiencia persoal éo tamén. Cando tomo un taxi en calquera parte de Galiza, resulta difícil escoitar normalmente, na radio posta, algo que remita, de forma remota sequera, á realidade do meu país, en calquera das súas facetas. Sempre abafa o españolismo madrileñista, reverbera o flamenquismo salao e impera a chismosa labia de Corte. Boas doses de futbolería, españolidade xerárquica e machismo irredento, completan a sesión, amenizada sempre, de ser o caso, por melodía española en curso ou anglosaxona strong ou light. A miña pregunta íntima sempre vai na mesma dirección: que ten a ver todo isto con nós? cal é o noso papel neste sarao? quen está zombi e quen na realidade próxima existente? Tanta inmersión no cociñado en casa allea, a distancia, ou asumido como unha natural impostura, ten que ter as súas consecuencias, debe telas, tenas... E sempre acabo por concluír: Deus, como é que aínda estamos vivos, como é que aínda existimos na nosa condición de galegos e galegas conscientes!

A miña última inmersión televisiva derivou da miña disposición a contemplar, entre indolente e pampo, a Albert Rivera na Sexta, co consabido formato de lanzamento, tan do estilo da casa, cando convén. Que estupefacción aparvada a miña! Amortecido todo o meu espírito crítico, como condición para a empatía, non fun quen de librarme da sensación de estar perante un loro que recitaba a lección aprendida, xestos e acenos incluídos, malia algún tic revelalo na súa debilidade máis íntima, posibelmente o único natural. Intentando non considerar, mesmo esquecer, o seu pasado inmediato de mociño moderno, con vocación confesional europea-española neonazi, abrinme aos seus razoamentos de liberalismo renovado. Porén, non fun quen de albiscar máis que verborrea para agochar a promoción da desigualdade en todos os aspectos da vida. Era o seu o discurso oligárquico da xestión privada dos servizos públicos, como a sanidade e o ensino, por moito que a súa titularidade permanecer pública. Supuraba individualismo competitivo para os traballadores mentres ficaba intacta a concentración e o control oligopólico empresarial... Mais, de maneira especial, pairaba por todo el unha rampante, excluínte e arrogante españolidade, diluída coa pretensión de ulir como perfume natural..Que vella a súa ladaíña de que somos persoas e non pobos (menos o español, que ese si vai a misa...)! Para nós, os galegos e galegas, o seu catón escolar trilingüe como novidosa proposta para escorrentar os males do ensino en catalán, debería ser fácil saber a onde conduce. Témolo experimentado en carne propia e sabemos dos seus resultados e obxectivos: a marxinación até a anulación da nosa lingua como vehícular no sistema educativo... E de paso colaborar á promoción da emigración e a afondar o espírito servil con España e coa UE...

Axiña cavilei en que, perante tanta quincallada e oquedade, un psicoanalista detectaría no mozo Rivera uns tics nervosos, propios de quen sabe que foi erguido a un papel protagonista español, de forma súbita, por necesidades do guión e do espectáculo poder continuar sen desenlaces aventurados ou descontrolados... Deume a impresión de que era consciente de estar pasando por un exame como actor, o guión previamente aprendida, perante un público destinado ao embeleco, programa debidamente formateado. Mais tamén de que se sentía observado polos mestres que o prepararon, e moito máis polos patrocinadores directos da promoción e principais beneficiados, aqueles a quen verdadeiramente non lles pode fallar...

O público interrogante ficou satisfeito das respostas, como non podía ser menos. Pero quen máis contundente satisfacción mostrou, foi quen de forma máis radical e ofensiva preguntou. Após facer un canto da lingua española, tan fermosa ela, e universal, inquiriu sobre cando se ía acabar iso de non poder aprendela nin falala en Cataluña... Nin o menor desmentido ou matización... Catón trilingüe como solución, isto é, exclusión, marxinación e subordinación da lingua propia, unha experiencia ben viva para os galegos e galegas que arrastramos como proba de indignidade... Xa ven como foi Galiza privilexiada na aplicación das novas políticas!!!... Funme durmir coa xa vella sensación de que onde antes había dous monicreques principais da españolidade, no taboado de marionetas, agora íamos ter catro, dous deles con petulancia, estilo e credenciais renovadas...Albert Rivera é un e quen move os fíos do armazón articulou esta marioneta case de forma impúdica...


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.