Sucursalismo


Eduardo Blanco Amor, sen ningunha confesionalidade nacionalista, mais experimentado coñecedor da realidade colonial de Galiza, alertaba, nos primeiros anos da andaina do actual réxime, da necesidade de contar cunha forza política propia, galega, con capacidade para nos representar nas institucións, se non queríamos que volvese o sucursalismo de sempre. Efectivamente, tivemos case 20 anos de sucursalismo puro e duro, pois desde 1977 até 1996 Galiza estivo ausente dos debates no Congreso, os seus intereses ignorados, tanto pola dereita como pola esquerda española, que monopolizaban a representación do pobo galego, sen os seus deputados eleitos por Galiza abriren endexamais a boca para defendelo. Coa chegada do nacionalismo galego en 1996, a mudanza foi radical. Non só pasaron os problemas de Galiza a seren obxecto de iniciativas continuas, senón que acabou o cómodo silencio das forzas políticas de ámbito estatal, obrigadas agora a definírense verbo deles. E non foi menor o efecto de inducilas a ceder que os seus deputados e deputadas galegas tivesen algún protagonismo, á vista da dinámica que a representación nacionalista imprimiu nas Cortes. Claro está que non mudou a función estrutural de Galiza dentro do Estado e da UE, porque iso non se logra só coa capacidade de iniciativa política nas institucións. Porén, houbo mudanzas como o tratamento orzamentario ou a execución de infraestruturas ferroviarias, entre outras moitas, inexplicábeis sen a presenza do nacionalismo galego e a súa presión constante en defensa dos intereses do país. Paga a pena lembralo, porque non foi unha presenza inútil do punto de vista dos intereses inmediatos, e desde logo foi sempre o nacionalismo galego unha voz vangardista na defensa dos intereses das maiorías sociais, e senlleira na súa perspectiva internacionalista e antiimperialista do mundo.

Fálase moito da crise do réxime actual. Parece evidente que houbo un desgaste da lexitimidade social que emanaba da Constitución de 1978. Cabe lembrar, con todo, que esta carta magna naceu xa como un arma ofensiva, para meter medo. De facto, empregouse como unha especie de dogma fóra do cal non había razón democrática algunha. Quen non comulgase con ela, era sospeitoso de herexía, e merecía a condena da Inquisición. Xa entón a ameaza ía dirixida aos nacionalistas que non se acomodaran a un consenso autonómico. A grave situación económica e social dos últimos anos orixinou máis desasosego e malestar popular, con grave impacto na consideración da política, dos partidos en xeral, e mesmo de institucións como a monarquía. A conciencia social, debidamente moldeada por quen ten máis capacidade para facelo, expresa máis o noxo e irritación moral perante unha corrupción que parece salpicar todo, que unha crítica contra o modelo económico-social, político e cultural, do tándem Estado Español/Unión Europea, que tanto prexudica as maiorías sociais e a nacións ou pobos como o galego, e moito menos a asunción clara dunha alternativa ao mesmo. Nesta conxuntura, algo había que facer non tanto para rexenerar o réxime, como para revitalizalo, nos seus alicerces básicos (a monarquía, a idea de nación española…), e noutros instrumentos fundamentais, o sistema de partidos e as formas de facer política.

A globalización capitalista que a UE representa e a propia inserción do Estado español nese marco afondaron na hostilidade contra os movementos nacionalistas. En especial o problema catalán serviu de catalizador. Unha parte moi considerábel do pobo catalán orientou o seu desacougo crítico, neste contexto, contra o Estado español, abrazando a causa do dereito a decidir e mesmo a independencia, como unha vía para lograr mellorar as súas condicións de vida en todas as ordes. Mentres, encirrouse desde todos os poderes fácticos no resto do Estado as clases populares contra Catalunya, como unha forma de afirmación da españolidade, dinámica na que Galiza sempre é aproveitada para cavar máis fondo na inconsciencia e ignorancia dos seus intereses, do seu papel. Porén, os actores tradicionais do bipartidismo español xa non daban conta cabal da situación. Non abonda só con antinacionalismo rampante, cómpre maior sutileza demagóxica, outra aparencia na intervención social, maior banalización da política, privilexiando escenarios mediáticos. A denominada nova política non oculta, en calquera das súas versións, que pretende facer inviábel o proceso independentista catalán, malia ás veces afirmar, na versión progre, compartir o exercicio do dereito a decidir. Por iso, está disposta a xogar en Catalunya a un aparente hibridismo electoral, Podemos-outra cousa… Curiosamente, o mesmo que en Galiza, se ben no noso caso, o obxectivo é reducir ou aniquilar calquera nacionalismo relevante, apostando pola integración dos que, en nome dunha denominada unidade popular de ámbito estatal, estean dispostos a unha coalición electoral que engorde o grupo parlamentar de Podemos no Congreso.

As formas e os detalles son ás veces na política moi ilustrativos do que está a pasar, do que se coce e con que intención. E faríamos ben e non pecar dunha inxenuidade infantil. O BNG, con total lexitimidade, está empeñado en manter, agrandándoa, a presenza específica de Galiza, nas Cortes, e declarou a súa apertura a calquera fórmula que o posibilite, incluída a renuncia ás súas siglas. Curiosamente, o alcalde da Coruña apresurouse a expresar a súa animosidade contra o BNG, como se nada puidese dicir nin facer. En contraste, a Marea Atlántica, o alcalde de Santiago, e as mareas de Pontevedra, Vigo e Ferrol, reciben, engaiolados, as consignas do portavoz dunha forza política estatal no Congreso, o Sr. Garzón, a quen lle cabe o Estado (il quererá dicir España?) na cabeza, segundo unha das súas submisas fans, igualiño que lle pasaba a Fraga. E non deixa lugar a dúbidas, unidade popular diversa para converxer nunha plataforma estatal única, nun grupo parlamentar único. Dentro de pouco, teremos a visita de Pablo Iglesias, que será recibido con maior idolatría, dependendo del o formato final, pois aquí os mareantes, na súa maioría, parecen estar rendidos á cociña madrileña. A esta altura, conviría comezar por sermos críticos co que se agocha nesa suposta unidade popular e no que se nos quere vender como candidaturas cidadáns para as eleccións xerais: son siglas de partidos e organizacións vellas e novas, procesos controlados desde arriba, deseños decididos nas centrais madrileñas, operacións sucursalistas. Desde logo, farán todo o posíbel por presentárense como unha alternativa galega: forma parte da fraude do aparente, da nova política.

O nacionalismo non está de moda. Pero ten potencia e capacidade. Debemos ter un amplo e intenso diálogo aquí, con todos os que aceiten unha unidade popular galega, un diálogo entre iguais, organización, partidos, persoas, conscientes e comprometidas coa idea de o pobo galego existir e necesitar expresarse como tal politicamente, sen inxerencias nin controis externos. Todos aqueles que, valorando como unha conquista a presenza do nacionalismo galego nas Cortes desde 1996, desexan vela reforzada, nesta conxuntura tan crítica. Máis de noventa anos, desde 1840 até 1931 levou arribar a unha autoorganización política do pobo galego sen ambigüidade, coa fundación do Partido Galeguista. Os seus deputados actuaron como tais deputados nacionalistas nas Cortes da II República. Xusto no momento de maior necesidade, o dunha globalización españolizadora ruinosa, sería suicida prescindir desa autoorganización. Mesmo é a única que garante calquera diálogo fraterno, positivo, calquera unidade entre iguais cos de fóra para perseguir obxectivos comúns. O pobo galego non pode renunciar a existir como tal en todas as institucións democráticas internas e externas. Galiza, o pobo galego, non pode servir para engordar posicións que a obvian, descoñecen, secundarizan ou instrumentalizan. Esta era a vellísima política do que Blanco Amor consideraba o sucursalismo de sempre. Temos que optar con autoestima por existir, mantendo como irrenunciábel o principio de que a política se decide aquí, con actores internos e deseños nosos. Só con este criterio e desde el, poderemos procurar, en calquera parte, coincidencias, alianzas ou pactos que non nos anulen.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.