“Sobre a liberdade" e máis algunha cousa

“Sobre a liberdade" e máis algunha cousa

Das e dos sentinelas non remunerados do capitalismo, máis ou menos descubertos, máis ou menos inconscientes, máis ou menos culpábeis, arredor da xornada de Folga Xeral.

A xornada de loita do pasado vinte e nove de setembro, día da Folga Xeral foi, sen dúbida ningunha, unha manifestación de autoestima colectiva, que mesmo superou e foi inda máis exitosa que a última folga destas características convocada no ano 2002.

O pobo galego, a clase obreira galega, o estudantado galego teñen dignidade e deixan máis unha vez constancia disto ateigando as rúas das cidades e vilas do país, en múltiples manifestacións das que participaron unhas oitenta mil persoas en toda Galiza, canalizando a súa carraxe do xeito máis xusto, honesto e sincero posíbel: berrando un non rotundo á contrarreforma laboral do Goberno Zapatero e dos seus aliados, afirmando os seus lexítimos dereitos.

Tendo a honra de ter feito parte tanto das e dos piquetes da Confederación Intersindical Galega como depois, un pouco máis entrada a mañá, dos de Galiza Nova e Comités, sorprendinme a min mesma sorprendéndome outra volta polas actitudes que algúns destes sentinelas, mantiñan cara as e os compañeiros: como se a experiencia acumulada non for xa suficiente para agardalas! En fin, haberá cousas que non se queren dar nunca por sentadas...

Estes sentinelas non vos van de uniforme, non. Hainos encarnados por mulleres ben enfeitadas, con longos abrigos de peles e abondosa maquillaxe, que moi combativamente nos arrebolan co primeiro insulto que polas súas cabezas pasa nunha tentativa frustrada e case inintelixíbel de español vallisoletano. Hainos tamén con forma de homes maduros, lambidos, elegantes e ben parecidos, que optan temén por esta sinxela vía da descualificación barata.

Alén destes, sobre os que coido temos todas e todos xa unha concepción xeralizada en maior ou menor medida, temos tamén outros axentes do sistema cunha extraordinaria habilidade para o disfrace , que adoitan adoptaren "looks" sumamente revolucionarios e son mesmo quen de se misturaren coa masa protestante en determinadas circunstancias para sobresaíren co seu nivel de transgresión estética; estética no estático: peiteados exóticos, camisolas rasgadas con lemas en español, e estética no dinámico: berros "anti-todo"(tamén en español), e comportamentos tan valentes e produtivos como patear persianas de locais pechos, non atender as indicacións dos referentes sindicais presentes porque, para que? estes salvapatrias están moito por riba do ben e do mal... non se cortan porque privarse de calquera comportamento que no momento apeteza, porque a seriedade propria da consciencia da loita, do seu sentido e da súa necesidade, é para eles e elas, moi pouco revolucionario...

Pois velaquí uns exemplos en aparencia tan distintos mais en verdade tan semellantes entre si de colaboradores do capitalismo; porque é máis que obvio que ambos os modelos desempeñan un papel beneficioso para a patronal e para o sistema, e prexudicial para as e os compañeiros e para o traballo que como piquetes informativos, se pretendía desenvolver.

Fóra de casos tan caricaturescos como os citados, preocupa ou dan máis que pensar as reaccións de xente menos estereotipada, que se dirixe ás e aos piquetes para perguntar (o cal está moi ben, pois é evidente que a información é unha función básica que se pretende cobrir) os porqués da folga, mais sobre todo o porqué da presenza e sentido do seu traballo. Acontece en non poucas ocasións, que a seguir dunha explicación razoabelmente fundada e satisfactoria, asistimos a un discurso case proprio de autómatas uniformizados sobre unha suposta lexítima liberdade para non a secundar, sobre unha suposta lexítima liberdade para pacer ouvidos xordos ás motivacións explicadas... asistimos a unha fiel e inaudita disciplina en forma de discurso proselitista prosistémico.

Que facilmente penetra por todas as fendas que a democracia liberal deixa abertas nunha sociedade, que se encarga de desartellar e blindar atomizada, o discurso dunha liberdade prostituída como nunca antes na historia...

Fíxoseme abraiante poder ler nas tan de moda redes sociais, algún que outro comentario de persoas que se autodenominan progresistas a cuestionaren o papel e a figura das e dos piquetes nun día de Folga Xeral como o do pasado día vinte e nove de setembro. Nunha destas ocasións lin a palabra "indignación"; indignación porque os piquetes fagan presión, polos seus propios dereitos como traballadores e traballadoras e, lembremos, tamén polos dereitos laborais dos esquirois, presión contra vento e maré, contra o monstro xigante dun capitalismo encarnizado que aspira a nos zugar e usurpar os poucos dereitos e garantías laborais conqueridos coa loita e sufrimento de tanta xente ao longo da historia.

Cantos aliados ten instrumentalizado o sistema político e social en que vivimos para que, mesmo persoas que din non seren partidarias deste modelo, saquen a pasear a súa "indignación democrática" ante a lexítima forza da presión sindical, ante a loita máis honesta e valente que o ser humano coñece para loitar polos dereitos do conxunto da humanidade nun contexto en que, particularmente a mocidade, quedamos xuridicamente consagrada por decreto como "cleanex" laborais.

Amigas e amigos, se inda temos dignidade, se a democracia liberal burguesa en que vivimos non esterilizou inda por completo a nosa máis básica noción da xustiza material, se inda non lograron inocularnos o virus da hipócrita socialdemocracia que santifica os piares dun capitalismo remendado, que se acomoda no cumprimento dos formalismos máis baleiros e que envelena o sentido real da democracia e da igualdade (iguais pretenden estabelecer e lexislar o dereito á mobilización polo dereito ao traballo e o dereito á insolidariedade para cos mobilizados) entón, canalicemos a indignación na protesta e na batalla polas loitas de verdade e nosas como esta.