Sen inocencia


Non cabe dúbida. Temos unha situación complicada e crítica, difícil. Pode dar a sensación de estarmos nun confronto sen sentido xustamente aqueles que máis nos podemos ou debemos parecer, isto é, os que dicimos ser nacionalistas. Sería de esperar que, se existe coincidencia na preocupación polo país, Galiza, como factor determinante das nosas condutas e posicións, o camiño a seguir fose acordado en base aos dados reais que a experiencia política á vista nos fornece.

Hai factores que contribúen a dificultalo. Somos moi reticentes a ir ao fondo das cuestións. Hai unha vaga moi poderosa de banalización, aparencia, simplismo demagóxico e infantilismo na política, reducida ao efectismo electoral como expresión fetichista da posibilidade de gobernar. O como, o para que e con que instrumentos e base, máis ben importa, a cada paso, menos. Tratándose de partidos e/ou alternativas de ámbito estatal ten certa lóxica, pois están para xestionar o existente. Tratándose de forzas políticas e alternativas nacionalistas todo resulta máis complicado e conflitivo. Sobre todo, se non teñen detrás unha base social suficiente nin uns resultados electorais que o fagan incuestionábel. Non é que non sexa necesario gobernar; falamos de en que condicións asumilo, con que papel e con que capacidade. Merece unha reflexión seria. Temos experiencia detrás a este respecto. Agora, as circunstancias empeoraron sensibelmente para nós no terreo electoral, cando menos.

Hai quen ofrece unha solución tan rápida como ilusa para superar o noso problema electoral, o do nacionalismo que se presenta como tal: defender unha coaligazón técnica do BNG con En Marea, como forma de participar no mel do éxito, superar así o noso declive electoral, garantir que participamos no próximo goberno da Xunta e seguimos mantendo, ao mesmo tempo, unha organización nacionalista activa e viva socialmente. Unha bonita forma de pretender contentar a todos e todas.

Non vou razoar sobre a imposibilidade desa coalición técnica porque xa se encargaron, en diferentes ocasións, de considerala imposíbel os que controlan En Marea. Aí só se entra en desbandada, individualmente e/ou subordinadamente, e aceitando o acervo construído. Un acervo no que, de forma consciente, o nacionalismo está excluído, pois se considera un factor de desunión. E o grave é que iso conduce a que Galiza non sexa factor determinante ou condicionante de nada, tampouco referencia básica das súas análises económicas, sociais, políticas, culturais, lingüísticas, e moito menos dunha perspectiva internacional. Iso si, está claro que aspiran a lograr o poder da Xunta de Galiza nas próximas eleccións autonómicas.

A pregunta, pois, que nos deberíamos facer é se nos renxe ou non a política que practica, xa dabondo contrastada a esta altura, En Marea, para decidir por onde debemos camiñar. Se é verosímil, realista e acertada, necesaria para Galiza, unha confluencia deste tipo e o que significaría respecto do pluralismo político e ideolóxico, o contraste de alternativas, e a medio e longo prazo, para un pobo como o noso no contexto do Estado español.

Somos moi proclives a definir, con acerto, cuestións básicas que nos parecen elementais para xustificar a necesidade dunha alternativa nacionalista. Porén, existe a posteriori, se as circunstancias son duras, a tendencia a facer como que non vai con nós, mesmo dándonos a realidade a razón con creces e evidenciándose os retrocesos dos que alertamos. Agora non hai nin grupo político galego nacionalista, nin grupo parlamentario galego, nin presenza específica dos intereses de Galiza no Congreso, porque nin sequera hai vontade política de existir. Son un eco de Podemos, todo o máis, o apéndice dun partido estatal, cuxa política moitos e moitas nacionalistas non compartimos. Para min foi patético ver como se vendía que eran galegos os que ían exercer dúas portavocías de Podemos en Comisións do Congreso, Cultura e Agricultura e Pesca. Só entre Guillerme Vázquez e máis eu tivemos sete ou máis no Grupo Mixto, fomos portavoces del varias veces ao ano, e sempre naturalmente exercemos a voz propia, definida e independente do BNG, con iniciativas de todo tipo e en todos os debates, sen estarmos pendentes nin sometidos a ninguén. Tan é así que, con boa lóxica, Compromís, xa é dicir, ao non haber grupo parlamentar propio, optou por integrarse no Mixto, rompendo a coalición con Podemos. Por algo será. Velaquí o caso de realistas e pragmáticos que non se limitan a vender ilusionismo, con recurso previo ao notario como nas partillas ou herdanzas. Agora Compromís participa como tal nas conversas co PSOE para intentar formar goberno, presentando unhas condicións específicas. En Marea, sumida en Podemos, como se encargou de subliñar un dos seus eleitos pola Coruña, ten o mesmo papel que os podemitas eleitos por Castela-La Mancha ou Extremadura (aclaro, pero estes forman parte de España e nela teñen a súa salvación). Non hai convición nacionalista mínima: a portavoz de En Marea, na rolda co Rei, non mencionou nin a palabra Galiza. Porén, recitou as consignas de Pablo Iglesias sen saírse do guión, incluído denominar o monarca cidadán con ese aparente radicalismo tan fatuo que se desmonta cunha estúpida pregunta: Se só é cidadán a que foi velo?

,Sabían que non ía haber Grupo parlamentar propio. O máis grave é que tampouco estaba na súa vontade nin entraba dentro dos seus obxectivos. Só se trataba dunha concesión para a galería en vista do incordio da existencia do BNG, das súas pretensións, xa históricas, e da experiencia precedente da presenza nacionalista galega, como tal, nas Cortes. O retroceso á vista está, incluída a confusión e o desarme do pobo galego a este respecto. Porque En Marea é só a cobertura galega dunha alternativa política estatal, a de Podemos, caracterizada por un principio excluínte, que o nacionalismo debe quedar aparcado e fóra. Considérase un elemento de desunión, algo puramente identitario e antitético aos marcos da modernidade global, que, ao ser fráxil electoralmente na Galiza, se pode aspirar a esmagalo. É algo non recomendábel para casar co que debe ser o marco da política española, vendida como nova, mais que reúne os peores ingredientes da vella en doses extremas, o antinacionalismo, en primeiro lugar. E digamos que tamén a demagoxia simplista, a aparencia teatral, a banalización e o personalismo individualista que chega até a caricatura….

Poderíamos referirnos á política municipal. Limitándome á cidade na que vivo, Ferrol, é radicalmente certo que, nos problemas estruturais, de fondo, os da nova política defenden o mesmo que o PP ou o PSOE: o mesmo convenio con Defensa que sacraliza a submisión e o espolio con graves consecuencias para as arcas municipais e a viabilidade de transformación positiva dos espazos urbanos; a mesma demanda para o sector naval público, mantelo enterrado dependendo en exclusiva da construción militar; servilismo suicida perante os despropósitos construtivos do Ministerio de Fomento, en concreto, da obra de saneamento, da súa exclusiva competencia, con sobrecustos que se trasladan aos veciños e veciñas….E poderíamos continuar. Causa tristura observar a subordinación indolente deste goberno municipal –incluída o reverencial recoñecemento ao Almirante-, como dos anteriores, ás decisións dun Estado que hipoteca o futuro e inviabiliza que a cidade levante cabeza, sen piedade…

Teño a seguridade de que o nacionalismo galego, por útil e necesario, acabará por superar esta difícil situación, se se mantén a vontade de ser, a perseveranza, e a definición de obxectivos non só, que tamén, no plano electoral. A falta dunha alternativa nacionalista na Galiza sería letal. O noso país, que case non é xa referencia específica a ter en conta fóra, corre o perigo de deixar de ser unha referencia mesmo para os de dentro. Temos ese problema. Porén non se soluciona afondándoo, agravándoo, aprestándonos gozosos a desaparecer, en nome dun único obxectivo: desprazar o PP da Xunta. Obxectivo no que, por certo, tamén concorda o PSOE, partido, este si, sen o que un goberno alternativo na Xunta será imposíbel.

Non somos inocentes, nesta conxuntura. Ninguén o é dentro do BNG á luz do que levamos visto desde Amio e o que estamos a ver no último ano, unha auténtica revelación de incapacidades, fraudes, demagoxias e contradicións que non deixan lugar a dúbidas. É curioso que haxa, dentro do BNG, quen nos abafe e martirice coa cantilena de querer acabar por decreto co seu pluralismo interno recoñecido, mentres avoga, ao mesmo tempo, por ingresarnos nunha gaiola de grilos na que hai até partidos con dúas persoas. Non hai inocencia.

Non vou negar que, hoxe por hoxe, só unha minoría de electores que se consideran nacionalistas, e votaron ilusionismo, estean dispostos a rectificar, recoñecendo o erro cometido. Porén, xustamente cando o ilusionismo aparece desvendado, que haxa nacionalistas que preman e aposten polo BNG colectivamente caer na trapela, resúltame rechamante e non o podo considerar inocente. Preocupémonos da nosa presenza na sociedade, da axilidade na nosa iniciativa política, de como facer intelixíbel e asumíbel o necesario para o pobo galego. Temos o instrumento, vexamos como adaptalo aos novos tempos, non para sucumbir a eles, senón para o nacionalismo avanzar socialmente na Galiza, considerando as eleccións un medio moi importante, non exclusivo. Sen nacionalismo, o país é eco, mímese do que definen e deciden fóra, con nulo proveito para o pobo galego, cando non prexuízo manifesto. E por que non dicilo, é a única maneira de estarmos no mundo con dignidade, respectados, e contribuíndo ao respecto e irmandade entre os pobos do mundo.

Témolo moi duro e difícil. Mais está claro que o máis suicida é diluírnos no seo de que non comparte as nosas análises básicas e veu ao mundo precisamente facendo ostentación de Galiza non poder nin valer por si mesma.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.