Que nos pasa?


Recentemente fiquei algo sorprendido coa leitura dunha carta, publicada nun xornal “católico-monárquico” madrileño, La Regeneración (28-07-1868), da autoría de Carolina Coronado, poetisa oficial na Corte de Isabel II. Tan eximia e viaxeira señora vén nela a ponderar, como superiores ás de Asturias, as condicións naturais da Galiza litoral, en contraste co criterio dun seu compañeiro xornalista que cantara as excelencias dos portos asturianos para tomar os baños e a vantaxes económicas que esta provincia ofrecía, cualificándoa de “nuestra Suiza”. Sen entrar a retocar esta opinión, Carolina Coronado retruca con esta outra: “Galicia con sus pintorescos valles y fértiles campiñas, extensas marismas y abrigados puertos, es la Ceylán de España, y como la Venecia en el Adriático, la rica `perla del mar de los cántabros. (…) No hay nada que le exceda y que le iguale apenas”. Curiosamente anota unha carencia cultural literaria, pois considera que non ten un Homero que entoe a súa Ilíada ou un Virxilio que cante a súa Égloga, deixando así constancia do descoñecemento ou desprezo que tiña de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, cando menos. Porén, non é isto o que desexo subliñar, senón a súa contundente afirmación de que, “en medio de la orfandad en la que yace”, no hubiese nunca un fillo de Galiza que lle tendese a man protectora. Deste xeito conclúe que os fillos do país son ingratos ou rebeldes con el, polo que non é estraño que de Galiza “se tenga formado tan mal juicio, no por culpa del país, sino de sus propios hijos”. Como vemos, coloca no fardo dos galegos e galegas todo o peso da desvalorización ou anulación que padecemos, esquecendo en exceso o deseño que se nos aplicou como pobo nesta unidade de España. Noutras palabras, da galegofobia, nos nosos tempos, como sempre, exercida con tal naturalidade que, orixinada fóra, non deixa de remitirnos, ás veces abusivamente, a algúns dos nosos riscos característicos como pobo colonizado, que cultivamos con veneración.

Vimos de pasar, aínda non saímos dela, unha etapa moi delicada, inzada de perigos, para a sobrevivencia e vitalidade do nacionalismo galego, un movemento orixinario e propio dos fillos e fillas do país que non renegan del e queren liberalo da súa orfandade. Non cabe dúbida de que o nacionalismo galego ten hoxe, malia as súas fraxilidades e carencias, máis amplitude social que na segunda metade do século XIX, os tempos de Rosalía e de Murguía. Cinxíndonos ao via crucis electoral, do que o nacionalismo galego parece comezar a saír, o resultado das eleccións autonómicas últimas chafou as profecías, convertidas case en realidade por infumábeis enquisas, da desexada desaparición e feliz ruína do nacionalismo galego. Por fin albiscaban a posibilidade dunha Galiza totalmente anónima, inexistente, absorbida, asimilada, sen o menor perigo, remoto sequera, de molestar a madre España. É verdade que, neste caso, tivemos a sorte de contar coa portavoz adecuada para enfrontar unha situación crítica, que aproveitou moi ben a oportunidade mediática coa que, conforme ás regras de xogo vixentes, contou. Prendeu lume así nunha mecha que conectaba cun sector social proclive a sentir e pensar en clave de país. Reavivouse a chama que ardía nos seu peito e na súa cabeza, mobilizándose en porcentaxe relevante a prol da causa da crenza na nosa capacidade como pobo e na necesidade de nos responsabilizar de nós mesmos. Triunfouse contra o desánimo e o derrotismo.


Velaí a deficiencia, avivada nesta conxuntura da nova política, que nos abafa: a levidade de Galiza como referencia política, o seu esvaemento ou anulación como obxecto de preocupación específica, e a deriva intelectual, emocional, moral e social de vivir como se non tivésemos capacidade nin responsabilidade algunha sobre nós mesmos como galegos e galegas, sobre o noso país, Galiza, e o seu futuro. Dá a impresión de esperarmos a ser arrastrados polo que a madre patria e a grandísima europea decidan, obviando de forma pueril as secuelas das súas decisións na Galiza. Cultívase aquí a amnesia e a fe infinita en quen te maltrata e usa só na súa conveniencia, adobiada polo fetiche, nada inxenuo, ben interesado e tiránico, da unidade de España e a da sorte de sermos europeos grazas á UE (pero é que non o fomos sempre? Europa non é algo máis que a UE?). Por onde os galegos e galegas, tan anónimos e silenciosos como tais galegos e galegas, cando non afervoados defensores do fetiche da españolidade, tal bos servos, aparecemos como xentes que non se debe tomar en consideración ou predicamento, pois non somos ninguén por nós mesmos.

A españolidade dos galegos e galegas é, a maior parte das veces, esperpéntica pois nos deforma e ridiculiza como un produto de imitación, e de renuncia a ser o que somos; outras é tráxica, pois expresa unha entrega ou un sacrificio burlado ou sen sentido; ás veces é gangsteril e interesada…Mirémonos dentro, e tamén fóra, especialmente na emigración americana, e constataremos que esas manifestacións de españolidade van sempre en detrimento e anulación de Galiza. Moitos galegos e galegas pensan que son alguén grazas a España, non por nós, por eles propios. Acabamos así sendo o país que nunca existiu, o facilmente prescindíbel. En todos os aspectos: na forma de contar a historia do que chaman España (o roubo, o espolio, a ocultación e a anulación de Galiza é algo practicado con natural arrogancia pola historiografía española); nas valoracións políticas (na Galiza sobra o nacionalismo, pois non hai capacidade para vivir por nós: en todo caso, cabe o hibridismo, é dicir, como facer mellor de comparsas…); na forma en que vivimos como natural a discriminación e subordinación lingüística, a do galego, interiorizando que a convivencia e a harmonía consisten en aceitar resignadamente que a lingua e a cultura de Galiza son unha curiosidade marxinal, unha excepción curiosa…

Levantamos cabeza, amigos e amigas. O nacionalismo galego existe. Tanto como a orfandade de Galiza é manifesta. Curiosa coincidencia de Carolina Coronado coa súa antítese, en grande maneira, Rosalía de Castro. Non o esquezamos. Traballemos co criterio de que non tivemos só un problema electoral. Pasamos e estamos a pasar pola agudización dun proceso de dependencia, subordinación e asimilación, en todas as ordes. De aí provén a miseria, o caos e a confusión na que seguimos vivindo. Non foi pequeno mérito sobrevivir politicamente. Porén saibamos que necesitamos tanto a lexitimidade electoral como actuar con obxectivos económicos, sociais, políticos, ideolóxicos, culturais, e psicolóxicos mesmo, que favorezan a toma de conciencia do pobo galego sobre si mesmo.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén