Práxedes Carreira Salgueiro: cantante e francmasona

Práxedes Carreira Salgueiro: cantante e francmasona

Práxedes Carreira Salgueiro tería nacido o 11-12-1868 na cidade de Lugo. Era filla de Tomás Luciano Carreira Prado, nacido o 7-1-1828 na mesma cidade, inspector de Ensinanza. Nada sabemos da nai. Tiña unha irmá, Gervasia, nacida o 19-7-1856 en Viveiro (Lugo). (Padrón da cidade da Coruña, 1894: tomado da web family search).

O seu pai fora inicialmente mestre en Viveiro. Dende 1850 aparece nas sucesivas Guía de forasteros en Madrid como inspector de Instrución Primaria en Lugo. Home interesado pola cultura, foi presidente, durante un tempo en 1863 e outro en 1870, do Círculo das Artes de Lugo (Gonzalo Fraga Vázquez: “O Círculo das Artes de Lugo”, Lucensia, 5 (1992), pp: 43-57, p. 57), así como director da sección de declamacion da sociedade El Arte. (Diario de Lugo, Lugo, 31-12-1880, p. 2). De novo no ámbito profesional, no albor de 1875 é nomeado secretario da Xunta provincial de Instrución Pública.de Lugo. (La idea, Madrid, 4-1-1875, p. 3).

Probablemente polo exemplo familiar, participa dende moi nova na vida cultural da cidade. Mantén boa amizade con Emilia Quintero Calé (filla da poeta Emilia Calé Torres e de Lorenzo Gómez Quintero), que lle dedica a súa tradución do italiano de “Dominico Cimarosa, que verá a luz en El Correo de la Moda (Madrid, 1878).

De 1879 é a primeira noticia que achamos que relaciona a Práxedes Carreira co mundo da música. Nunha velada lírico-dramática celebrada en Lugo en socorro dos damnificados polas desgracias ocorridas nas provincias de Levante, “la bella y agraciada señorita Práxedes Carreira” cantou, acompañada ao piano por Isidoro Blanco, a arietta Non posso vivere seuza di ta e a cavatina da Favorita, Ó mío Fernando: “De esta señorita diremos que posee hermosa voz de contralto, de gran extensión, especialmente en las notas graves; tiene excelente escuela; canta con muchísimo gusto y sentimiento, revelando que es una artista de corazon y acusando en todos los detalles que ha sido aprovechada discípula del Conservatorio”. Finaliza a reseña con diversos parabéns; entre eles, a Práxedes, Emilia e o seu profesor, Blanco, “á cuya inteligente direccion se debe en gran parte la altura á que se encuentran aquellas, cada una en su género”. (Diario de Lugo, 11-11-1879, p. 3).

En febreiro de 1880 sabemos que o artista lugués Leopoldo Villaamil realizara bo retrato ao lapis dela. (Diario de Lugo, 29-2-1880, p. 1).

O 17 de xuño deste mesmo ano celebrouse no Café Méndez Núñez de Lugo un concerto benéfico en socorro dos pobres da cidade. Actuarían Valentina Pozzi (canto), Práxedes Carreira (canto), Emilia Quintero (piano), María Quiroga (piano), Rosina Rodríguez (piano), Juan Quiroga (piano), Alonso (violín) e Latorre (frauta), os profesores Blanco (canto e piano) e Xoán Montes (piano e dirección), o Orfeón Lucense e a orquestra do teatro. Tamén leríanse poesías. (Diario de Lugo, 16-6-1880, p. 3; Juan Bautista Varela de Vega: Juan Montes. Un músico gallego. Estudio biográfico, Deputación da Coruña, A Coruña, 1990, páxs. 149-150, poñendo, errado, 17 de maio).

Uns días despois, o mesmo medio publica unha extensa crónica do acto, da que entresacamos as referencias a Práxedes Carreira:

“No hemos de emitir juicio acerca de las condiciones que para el canto reune la señorita Práxedes Carreira, porque eso ya lo hicimos al tener la satisfaccion de juzgarla por primera vez. De la ejecucion de las piezas con que figuraba en el programa, y que eran La Mendicante, [na que foi acompañada ao piano por Emilia Quintero] romanza del género dramático, y la brillante ária de contralto de la ópera Dinorah, diremos que nos ha hecho sentir con los acentos delicados é impregnados del más exquisito sentimiento en la bellísima composición de Martarello, siendo esta pieza casi puede decirse de circunstancias por el contenido de su letra: parecia que la artista se hacia eco del dolor con que en iguales circunstancias reclamarian nuestro socorro los desgraciados mendicantes que nos rodean. El ária de Dinorah, siendo de un género completamente opuesto á la anterior, alivió nuestro ánimo de la triste impresion que la primera nos produjo. Brillantez, limpieza de ejecución, colorido acertado y la dulce é ingénua expresion que tan bello rostro caracteriza, todo fué dicho por la señorita Carreira con el mayor acierto. Creemos que una senda de triunfos le espera si á la carrera artística se dedica”. (Diario de Lugo, 20-6-1880, p. 2-3).

No verán de 1884 o poeta Enrique R. Garrido dedicaralle dous poemas (nunha serie que iniciara nun folletín do Diario de Lugo, “Composiciones poéticas de Enrique R. Garrido”, que comezara o 19-6-1884), destacando nos dous as cualidades canoras da moza. O primeiro titúlase “Á la señorita Práxedes Carreira” (Diario de Lugo, 26-6-1884, p. 3 e 28-6-1884, p. 3), e o segundo, máis longo, “Á Práxedes Carreira. En la Mariña”. (Diario de Lugo, 24-7-1884, p. 3).

Precisamente en agosto deste ano 1884 o seu pai separado do posto de secretario da Xunta provincial de Instrución pública de Lugo (El magisterio balear, Palma de Mallorca, 16-8-1884, p. 4), pero será resposto en maio de 1885. (La Correspondencia de España –en adiante, LCDE-, Madrid, 31-5-1885, p. 2). No verán de 1885 deixa o citado cargo de secretario en Lugo ao ser nomeado inspector de Primeira Ensinanza de Ourense. (El Anunciador, A Coruña, 8-8-1885, p. 2).

Quizais no curso 1884-1885 (seguro, no 1885-1886), Práxedes ingresa na Escola Nacional de Música e Declamación de Madrid. Sobre este asunto, encontramos algunhas noticias do seu devalar académico:

No curso 1885-1886, obtén a cualificación de notable no 2º ano de canto, sobresaínte en 1º e 2º ano de italiano (o seu profesor era Martín Peña), e tamén sobresaínte en 2º de francés, co mesmo profesor. (El Magisterio gallego, Santiago, 15-6-1886, p. 4; LCDE, 16-6-1886, p. 2 e 24-6-1886, p. 3). No curso 1886-1887, obtén sobresaínte tamén en francés e italiano. (LCDE, 5-8-1887, p. 4).

En 1888, aparece mencionada no capítulo de agradecementos que o músico madrileño José Inzenga, compositor e profesor de canto do Conservatorio de Madrid, inclúe no libro Cantos y bailes populares de España, que dedicaba un caderno a Galicia, que comezou a publicar en Madrid en 1888. Logo de sinalar que a maior parte dos cantos recolleunos e anotounos el, tomando algún tamén da Historia de Galicia de Murguía, “otros los debo á la bondad y decidido entusiasmo que á este ramo de la música profesan algunos hijos del país”, destacando os nomes de Francisco María de la Iglesia, Marcial del Adalid, Isidoro Blanco, José Varela Silvari ou Práxedes Carreira, “que tan acreedores son á mi eterna gratitud y al aprecio y consideración de todo buen español amante de las glorias de su patria”. (Juan Bautista Varela de Vega: “Un castellano, pionero en la recopilación del folklore musical gallego”, Revista de Folklore, nº 99 (1989), páxs. 100-102; Varela de Vega, 1990: 487; Xavier Groba González: O legado musical de Casto Sampedro Folgar (1848-1937): o canto galego de tradición oral, tese de doutoramento, Universidade de Santiago, Facultade de Xeografía e Historia, Departamento de Historia da Arte, Vol. I, Santiago, 2011 (edición dixital PDF).

Coidamos que Práxedes debeu ser alumna de canto de Inzenga.

Quizais finalizados xa os estudos, en marzo de 1889 intégrase na Compañia lírico-dramática de zarzuela dos Sres. Romero e Salas. No mes de abril está actuando no Teatro do Liceo de Salamanca. A compañía levaba no repertorio varias obras: un crítico, Aristini, destaca que, en Certamen nacional, “la bella contralto Srta. Carreira en su papel de baraja recitó con mucha intención y desempeñó con gracejo y soltura su papel”. (El Adelanto, Salamanca, 25-4-1889, p. 3).

Máis extensa é a reseña que se fai nunha publicación musical madrileña destes concertos en Salamanca:

En Las hijas de Eva debutó la nueva artista Práxedes Carreira y he aquí lo que acerca de ella dice La Concordia: «Con Las hijas de Eva hizo su debut en este teatro el miércoles, la tiple contralto señorita Práxedes Carreira, artista que hace poco más de mes y medio figura en los carteles, y ya tiene un nombre ventajosamente conocido en la escena. Hoy es una buena contralto, ganosa de crédito, pero un tanto miedosa, que se irá animando con los aplausos, y conseguirá, si persevera en el estudio, uno de los primeros lugares entre las contraltos de nuestra zarzuela. Posee una voz gratísima, que matiza con dulzura y sentimiento, haciéndola muy estimable en las notas graves, detalla muy bien, y declamando pone de relieve una instrucción nada vulgar y la naturalidad y discrección que exije el verdadero arte. Así que completo con la práctica su educación artistica, valdrá mucho más. En todo su papel estuvo acertadisima y y por la romanza oyó muchos aplausos”. (La España artística, Madrid, 8-5-1889, p. 4).

A xira debeu seguir por outras localidades e, en setembro, están en Daimiel (Ciudad Real), onde deron varias funcións durante a feira, recibindo Práxedes favorables comentarios: la contralto señorita Carreira es una artista de condiciones llamada á ocupar un puesto preeminente en la escena; en Las hijas de Eva, Boccaccio y Cádiz lo demostró cumplidamente”. (La España artística, 15-9-1889, p. 2).

Por influencias caciquís, o seu pai sería trasladado en 1890 á provincia de Albacete. (El Lucense, Lugo, 17-11-1890, páx. 3).

Practicamente coincidindo con este traslado, terá lugar a iniciación masónica de Práxedes, e a súa irmá Gervasia, na importante loxa Ibérica nº 7 de Madrid, pertencente ao Gran Oriente Español: a loxa “celebró el domingo último por la tarde, una ten:. extraordinaria de iniciación de un profano, pasando después á “Cámara de adopción”, para dar la luz á dos damas distinguidas”. Houbo numerosa concorrencia, interviñeron varios oradores e, antes de pechar os traballos, presentouse o Gran Mestre, Miguel Morayta Sagrario, que tamén dirixiu a palabra ás persoas asistentes. Finalizada a ceremonia, foron obsequiados con doces e viños: “Otro nuevo aplauso á la Logia Ibérica, que en esta ocasión los merece entusiastas, por dedicar atención preferente á un asunto de transcendencia tanta, como es la reorganización de la Masonería femenina en estos Valles. Adelante, pues, que en breve veremos en activo trabajo las Logias de señoras, tan necesarias á los fines de la Orden”. (Boletín Oficial del Gran Oriente Español, nº 26, Madrid, 9-12-1890, p. 7).

Aínda que no BOGOE non se citen os nomes, a historiadora Ortiz Alvear menciona a citada a tenida de adopción, coa iniciación de dúas mulleres, pero equívocase no n.º do BOGOE, indicando que é o n.º 25, de 9-11-1890, -que realmente recolle o discurso pronunciado pola Gran Mestra da Loxa, de Adopción Hijas de la Acacia, nº. 3, de Valencia, J. F., na noite da súa instalación-; sen embargo, na primeira das publicacións, cita a Memoria dos traballos realizados pola loxa Ibérica n.º 7 en 1890: nela dise que contaban xa “con dos distinguidas hermanas que tanto por su ilustración, su inteligencia y su aptitud, se honra esta logia en tenerlas en su seno, hasta que se instale la logia de Adopción”. Tratábase das irmás Gervasia Carreira Salgueiro, Livia, grado 1º, e Práxedes Carreira, Amarilis, grado 1º. (Natividad Ortiz Alvear: “Presencia femenina en la logia Ibérica n.º 7 de Madrid”, páxs. 159-190, en J. A. Ferrer Benimeli (coord.): La masonería en Madrid y en España del siglo XVIII ao XXI, 2 vols., Zaragoza, 2004, vol. I, páxs. 161, 184-185; Las mujeres en la masonería, Málaga, 2005, páx. 105; Mujeres masonas en España. Diccionario biográfico (1868-1939), Santa Cruz de Tenerife, 2007, páxs. 149-150).

Volvemos ter noticias de Práxedes moi pouco despois: a loxa Ibérica n.º 7 celebra o 28-12-1890 a ceremonia de adopción masónica do neno Alejandro Girod. Concluída esta, no salón de banquetes instalado no andar principal da Casa Templo, serviuse un abundante lunch ás persoas que enchían todas as instalacións. Finalizado o ágape, o Gran Maestre, Miguel Morayta, concedeu a palabra a varios Irmáns e a Práxedes Carreira: “... no pasaremos en silencio el notable trazado de la Iltre:: hermana Práxedes Carreira, cuya correcta palabra fué escuchada con religiosa atención por todos, y muy especialmente por las señoras invitadas, que oian por primera vez explicar por labios femeninos las excelencias de la Francmasonería y los importantísimos trabajos que ésta realiza en beneficio de la mujer. Una tempestad de aplausos premió á la quer:. h:.. Carreira”. (Boletín oficial del Gran Oriente Español, nº 27, 8-1-1891, páxs. 11-12).

Descoñecemos cales foron os contactos previos que as irmás Carreira tiñan na Orde francmasónica para desexaren iniciarse.

Menos dun ano despois o traslado a Albacete encárgaselle ao pai a Inspección da provincia da Coruña, da que toma posesión o 17-6-1891 (La Voz de Galicia, A Coruña, 18-6-1891, p. 2), permanecendo na mesma ata a súa morte. Posiblemente a finais de 1891 Práxedes e Gervasia trasládanse á Coruña para vivir co pai. No Padrón da Coruña de 1894 arriba citado (datado o caderno o 23-1-1894), residen os tres na rúa Orzán, nº 90 -2º; levaban dous anos na cidade. Nin dela nin da irmá faise constar profesión.

Dous anos despois Práxedes forma parte do xurado da “División quinta: Labores de señora” da Exposición Rexional de Lugo, que presentará o seu fallo no mes de outubro. (El Eco de Galicia, Lugo, 5-9-1896, páx. 2; El Regional, Lugo, 21-10-1896, páx. 2. Por esta participación recibirá un “Diploma honorífico especial de cooperación”. (Catálogo general de expositores y premios adjudicados, resultado de los juegos florales y certámenes musicales, Exposición Regional (1896: Lugo), Lugo, 1897, p. 114).