Política ambiental local e festa da confusión

Política ambiental local e festa da confusión

A apertura do debate para as propostas locais, diante do proceso electoral, abre a caixa o orgullo verde, ademais doutros adicionais, isto significa que moitas persoas declararanse verdes e ecoloxistas, mais non só iso, senón máis verdes e ecoloxistas ca ninguén.

O movemento ecoloxista galego ven de facer unha fonda reflexión que foi transladada á sociedade a través do documento
, estas reflexións e propostas foron concienzudamente elaboradas e cheas de sólidos argumentos, sendo lanzadas altruistamente á area política, cousa moi de agradecer pois para algúns significa o alivio de ter un traballo completo na man enchéndose a boca co de que aceptarán TODO, aínda que sexa cun dubidoso compromiso. Fronte a este digno traballo, digo, atopamos o bater no peito dalgunha outra xente, declamando ser máis ecoloxista ca ninguén. Declámao o cazador empedernido, de dedo furabolos frouxo, que extermina todo o que se move no monte; declámao o opositor á enerxía eólica, acérrimo defensor de hipotéticos ventos ceibes; declámao o opositor á compostaxe cheo de apodrecidos e febles argumentos....así o país está cheo de pseudoexpertos en todo que en realidade conforman unha santa compaña contrarevolucionaria de novo cuño, que levan na lapela a escarapela gravada en ouro co lema: movemento por unha presunta dignidade, que en realidade ninguén ten.

Cales son os retos pois á hora da elaboración dun programa electoral local de medio ambiente?. Cales son as competencias municipais nesta materia?

Por unha banda a concienciación e a formación das persoas que deseñan os contidos dos programas. Neste últimos anos o BNG ten asumido multitude de cuestións ambientais e forman parte xa do seu acerbo político, non é nada novo, incluso as súas propostas políticas van máis alá en valentía e decisión que as propostas de moitas oportunistas e mornas plataformas, moi radicalmente ruidosos mais que non pasan da fronteira do idealismo.

Este sentir do nacionalismo foi forxado dende as primeiras loitas ambientais dos anos 70 que marcaron unha liña de traballo acorde coa defensa do noso e do medio ambiente, que é dicir a mesma cousa. Posiblemente dende o punto de vista político, a traxectoria ao longo dos anos puidera ter amosado dúbidas ou mesmo derivas, mais o facho daquel primeiro lume foi recollido polo movemento ecoloxista, que, se ben heteroxéneo, é o suficientemente consciente como para estar aí para lembralo, coo así fixeron no documento anteriormente mencionado.

,A iniciativa política do BNG na defensa do medio ambiente foi acertada nos elementos cruciais, mesmo na tan criticada norma relativa á enerxía eólica do goberno bipartito. Ben é verdade que daquela non conseguiu reverter a previsión da explotación do vento, mais do que era o decreto ao que é hoxe é como falar do día e da noite, tanto no relativo á protección ambiental, na que a decisión dunha instalación quedaba na man da veciñanza, como na repercusión social do beneficio. O mesmo pode dicirse na frustrada lei de montes que quedou na gaveta daquel goberno e que foi dada a volta como luva invertida no goberno popular destes últimos anos.

No eido municipal non temos máis que ver a situación do incondicional impulso do goberno municipal do BNG á recuperación da Ría de Pontevedra ou na compostaxe, ambas cuestións infestadas de opositores con múltiples argumentos, deseñados nas oficinas de contrainformación, mais vestidas sempre dun velo tecnicista e pseudoecoloxista, inaceptable para calquera cidadá de moitos lugares de Europa, onde eses mínimos ambientais son mesmo asumidos pola dereita.

As competencias municipais en materia ambiental poida que estean limitadas, mais son abondas para reverter unha situación de degradación ambiental continua e en moitos casos irreversible. En moitos concellos estanse levando a cabo obras de saneamento absolutamente inadecuadas, con criterios clientelares e de beneficio ás empresas executoras mais sen ningún criterio ambiental, destruíndo as beiras dos ríos e contaminando augas abaixo a partir do punto de verquido das augas residuais, aparentemente depuradas, que dan lugar a moreas de zonas C pechadas ao marisqueo como na ría de Ferrol, A Coruña ou na Foz do Miñor. Se ben a xestión das depuradoras é asumida pola Xunta, o concello ten moito que dicir neste aspecto. No relativo á nova construcción non terían cabida aqueles proxectos nos que non se separen as augas pluviais das fecais, chave do funcionamento axeitado das depuradoras. Os proxectos de saneamento son investimentos a tan longo prazo que cando se aborda a última fase a primeira está obsoleta.

En materia de residuos os concellos teñen a chaven da xestión, tamén na reeducación da veciñanza para conseguir outro uso e revalorización dos residuos. Todos estamos pagando o capricho dos que tiran a herba do xardín ao lixo, cando é unha materia con valor que se despreza. Estase permitindo a queima incontrolada de biomasa vexetal e ao mesmo tempo rexeitando a compostaxe. Cuestións absurdas e contraditorias que os que baten no peito declamando ser máis ecoloxistas que ninguén non contribúen máis que a xerar confusión na cidadanía.

Así, este período electoral municipal é unha boa oportunidade para aclarar a festa da confusión á que algúns nos queren levar, imprimir fondas propostas de carácter ambiental dun xeito transversal, e que unidas á participación e transparencia, aporten á mensaxe nacionalista no eido electoral un carácter propio, que os demais non van ofertar, e ao mesmo tempo, impriman unha fonda vocación de respecto ao medio ambiente que deberá ser o cerne da aplicación das políticas municipais alá onde se goberne. Agardemos que así sexa.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.