Poder Xudicial, a Acrópole do Españolismo

Poder Xudicial, a Acrópole do Españolismo

Na Europa Occidental, no proceso de transición do feudalismo ao capitalismo creáronse as condicións necesarias para o xurdimento dunha proposta teórica da man do aristócrata frances Montesquieu.Esta proposición foi destinada a lexitimacion do desprazamento do Poder Absoluto desde a Monarquía feudal a burguesía capitalista para dar entrada no poder político a nova clase social emerxente, baséase na división do Estado en poderes autónomos separados. O Estado de Dereito, co Lexislativo, Executivo e Xudicial. A separación de poderes permitía equilibrar o poder das dúas clases oligárquicas en pugna, a nobreza feudal e a burguesía, limitando os excesos absolutistas de ambas.

Sen dúbida, naqueles tempos de escurantismo feudal baixo a ideoloxía relixiosa xudeo-cristiana, aquela separación de poderes proposta por Montesquieu, foi un gran avance político e social, para o progreso dos pobos europeos e as poboacións de orixe europeo nas súas colonias. Co desenvolvemento do capitalismo liberado de moitos atrancos feudais, grazas as Revolucións burguesas, e a inserción no mesmo da aristocracia feudal, o Poder económico do Capital convértese no Poder dominante que prevalece sobre todos os demáis, en loita social contra a clase traballadora asalariada, e os pobos oprimidos. Dada a incapacidade da nova clase, a burguesia propietaria dos medios de produción e intercambio, para exercer por si mesma, conxuntamente, o poder político e o poder económico, como así o fixeron as clases dominantes precedentes, introdúcese nos feitos a separación entre o poder político e o poder económico xestionado directamente pola burguesía empresarial.

Así, no Estado burgués o Poder Xudicial configura a cúpula do Aparello xurídico político, emulando a Grecia antiga cunha nova Acrópole da sociedade capitalista que constituíndo o seu último reduto defensivo, exerce a represión física e a ditadura totalitaria organizada a través dos seus esbirros sobre a clase asalariada en substitución da élite capitalista burguesa.

O Estado español é unha estrutura política superposta sobre pobos e nacións, como Euskadi e Catalunya, onde xurdíu certa burguesía que marcou o seu crecemento económico,porén, sempre supeditada a élite semifeudal española . Na Galiza non aconteceu este fenómeno, e si fortes rebelións populares e labregas que arrasaron coa súa incipiente élite feudal. Isto, foi aproveitado polos Reies Católicos de Castela e Aragón e as sucesivas dinastías monárquicas españolas para o sometemento e redución da Nación galega a seren un territorio colonizado e españolizado, sen desenvolvemento propio, baixo o poder político e económico español.

Mais, no ámbito territorial do Estado chamado España, as revolucións burguesas con transformacións capitalistas progresistas, nunca chegaron a suceder, e xa nunca terán lugar; pois estamos no último tramo do Imperialismo Unipolar, ao servizo dunha oligarquia Global da cal depende a española e, xa que logo, a existencia de España como estrutura estatal centralizada . España non é unha Nación, e non o será endexamais, debido a súa estrutura Frankenstein que repousa sobre anacos de pobos e nacións en permanente conflito, demandando mais autonomía, autodeterminación, independencia, separación....... incompatíbeis con ela, o que a converte nunha cárcere de pobos. España, nunca tivo nin terá unha Revolución burguesa porque careceu dese suxeito, e xa pasou o tempo propicio, aínda que si houbo intentos fracasados,e continúa cunha estrutura de poder dun Estado portador de moitas características feudais amais da dinastía monárquica dos Borbóns .Xa que logo, a división do poder burgués e a separación entre o poder económico e político, non pode ser mais que aparente.
A unidade monolítica e totalitaria do Estado español reúne no seu Aparello todos os compoñentes orixinais que o formaron, comezando polo poderoso Vaticano do tempo medieval, o principal promotor da España, como Poder Imperial de ideoloxía católica coa Santa Inquisición, prolegómenos do seu Aparello Xudicial, cara a expansión colonizadora polo mundo, especialmente nas Américas, co saqueo de recursos naturais, comercio de escravos negros e exterminio ou reconversión dos pobos orixinais rebeldes, para o enriquecemento da casta parásita feudal española.

Mais en España, a élite dos señores feudais non se adaptou ben ao capitalismo que avanzaba nos paises de Europa. Máis ben erixíuse na defensa das tradicións máis reaccionarias do Vaticano, hasta o presente. No período franquista a Xerarquia Católica española, en ausencia da iniciativa privada da nobreza parásita e ladroa española`dos Grandes de España, dos seus descendentes e servidores seculares, conscente do inevitabel capitalismo, e máxime ante a chegada histórica do comunismo ateo e materialista con perigo para os seus patrimonios, tentou de adaptarse intervindo na formación de xestores do capitalismo para dirixir as empresas estatais franquistas financiadas cos fondos da Seguridade Social das e dos traballadores asalariados. O Opus Dei a súa creación encomendada, estableceu para os seus tecnócratas centros de formación Tecnolóxica e Universidades, dando prioridade ao Aparello Xudicial e as grandes empresas franquistas do Estado agrupadas no INI, formando unha élite xestora opusdeista dentro do conglomerado do Poder de portas xiratorias españolista. As empresas foron privatizadas no Réxime do 78 para dar tamén entrada a os españolistas social comunistas.

A Xudicatura española do Opus Dei, fundida na estrutura do Poder españolista, tamén se enmascara con certo pluralismo, comezando polo bipartidista, manténdose sempre fiel a Constitución española inspirada no legado franquista, e leal a minoría financeira especulativa feudal, da que forman parte. O Poder Xudicial español esta composto na súa maioría por unha casta de homes e mulleres, herdeiros, descendentes e servos dos que sempre mandaron en España que transmiten os seus cargos e empregos por herdanza , de pais a fillos e netos, disimulada cunha enleada selección chea de nepotismo afastada do pobo. Así a Xudicatura españolista só está subordinada a ideoloxia ultraespañolista dos seus membros colexiados. Esta independencia e a” virtude “ máis esgrimida por esta casta xurídica con repetidas alusións a Montesquieu, da que fan ostentación como unha “democracia exemplar na defensa dos dereitos das e dos cidadans españois”, mais en contra dos dereitos nacionais dos pobos ocupados polo Estado español e a privación dos seus dereitos individuaís a ter dereito a súa nacionalidade con liberdade de elixir, e manifestarse en colectividade.

Todas as expresións políticas e sociais do españolismo, desde a dereita a esquerda son útiles para o fortalecemento do Estado español autoritario e totalitario. Na pasada transición, calificada de exemplar polo españolismo, o consenso e acordo coa esquerda españolista foi imprescindíbel para a permanencia da estrutura semi feudal do Estado español, incluída a Monarquía borbónica. Sen o apoio do Partido Comunista de España e despois do Partido Socialista Obreiro Español, o Estado Español non existiría. No presente, o ultraespañolismo representado pola estrema dereita fascista, Vox, é o principal defensor da Constitución española do 78 e do ordenamento político xurídico que lexitima en base a esta, a represión dos pobos coa violencia do Estado e o encarcelamento das e dos mulleres e homes que se manifestan dun xeito pacífico polo dereito a decidir, mentres a esquerda española, co seu xogo bipartidista, fai de botafumeiro para perfumar a podremia que destila o españolismo.

Galiza mantense nunha relación colonial, baixo a subordinación a Castela e a España, no presente centralizada en Madrid, onde reside a Acrópole do españolismo. A versión española da élite feudal e hoxe capitalista e neoliberal a súa maneira, mais que non pode renunciar ao seu orixe. Neste contexto,sobre as ruínas dos señores feudais galegos, na Galiza poido emerxer no pasado unha casta caciquil autóctona, mediadora entre o Estado español e o Pobo galego. Esta casta se disfraza no presente co pluralismo dos partidos políticos e sindicatos do ambito español, teledirixidos a distancia polo centro madrileño.

Ante este panorama que se nos presenta, non podemos agardar nada bo das mudanzas que teñan lugar no anacrónico Estado español para beneficio do pobo galego, xa que todas as modificacións e cambios posibles incluídos os de Goberno están destinadas a afortalar este poder opresivo ante calquera perigo de disgregación. Poderá ser mais ou menos tolerante ,porén, en todo tempo o polo dominante, xa que do contrario levaría ao seu colapso. Só a súa disolución pode permitir a nosa liberación, ao quedar libres da Xudicatura opusdeista española que sempre xoga coas cartas marcadas, e a constitución dunha Xustiza galega popular e democrática, deixando de depender da oligarquía parásita semi-feudal opresiva españolista; entón o noso raquítico caciquismo caerá como a auga dun cesto roto.

Todas as separacións son dolorosas e a de España, sen dúbida, tamén a sería, porén, para Nós a separación das familias galegas pola emigración , polo simple feito de estar dentro de España, é a máis dolorosa de todas. É dificil atopar unha familia galega que non soporte esta desgraza. As preguntas pertinentes son; que separación escollemos as e os galegos, con cal nos quedamos? Pois as dúas son incompatíbeis.


FRANCISCO GRAÑA – XULLO 2021