Pobo galego


Alguén me acusará de esencialista. Tanto me ten se é por opinar con naturalidade do sentimento que se deriva dunha relación de inequívoca pertenza, identificación, co meu pobo, coa miña nación, co meu país. Sen dúbida existe. Chámase Galiza, un pobo e unha terra distinta, diferente, xenuína e específica dentro do que chaman oficialmente España. Logo non podo aceitar con tranquilidade, como normal e inevitábel, con pasividade, un deseño político que, aplicado secularmente, en cada fase con maior ímpeto e forza, pretende conducirnos á desaparición, á negación de nós mesmos por nós mesmos. O deseño do dominio para a desaparición está artellado, dirixido e inducido polos poderes que fundamentan a unidade de España, esa nación inventada como xerarquía superior, unha especie de fantasma imperial que nos atrae e succiona até desaparecermos aniquilándonos na súa fantasmagoría.

Hai tópicos na vida política galega que se conectan coa fantasmagoría que as esencias de España inxectan no pobo galego para este desviarse do seu deber humano e racional, da súa aspiración á dignidade e á liberdade. Voume referir a algúns deles, por estaren moi en onda, ao servizo do despiste. Un deles é endogámico, para consumo de cenáculos e círculos avisados e ilustrados. Aparece cando, pertencendo ao clube dos entusiastas da unidade a toda custa, como un valor per se, o avisado, que ás veces di considerarse nacionalista, advírtenos de que non persigue a unidade do nacionalismo. Tal unidade non só pode esperar, senón que parece non necesitarse para nada. Rechamante actitude esta que consiste en desprezar a unidade dos que, en teoría, debían e terían que estar máis próximos. Descóbrese axiña que quen así opina é, nembargantes, un entregado entusiasta á causa da unidade coa esquerda estatal, española, caia quen caia e por enriba de todo, sen obxectivo algún específico referido a Galiza. Resulta difícil de comprender esta propensión, nun país dominado, penetrado e minado por un deseño españolizador extremo, a procurar a unidade cos de fóra, é dicir, os que toman as súas decisións noutra parte e con deseños onde non existimos como pobo galego. Contrasta con tanta reticencia e desprezo pola unidade fraterna cos da casa. Non lle vexo unha explicación racional, a non ser o síntoma dunha fonda desconfianza sobre a capacidade de Galiza a valerse e expresarse por ela mesma, unha consecuencia ideolóxica do dominio que se exerce sobre nós. En todo caso, estes avisados e suspicaces entendidos transitan do nacionalismo a outra cousa, non sei como denominala, pero outra cousa. Parecen necesitar a bendición da esquerda estatal, para se purificaren do seu pecado orixinal, o nacionalismo. Refugando este, o éxito, electoral enténdese, estaría asegurado. Foren como foren os resultados eleitorais, desde logo no mellor dos casos éxitos moi relativos, é unha mala forma de proceder, pois só valerá para afondar na irrelevancia política de Galiza e, desde logo, na falta de conciencia nacional e de autoestima, tan necesarias.

É polo devandito que defendo e valoro tanto o esforzo colectivo por construír e expresar por nós mesmos o camiño para a nosa redención e as demandas que debemos formular. Que o pobo galego conte con instrumentos políticos propios, sen dependencia do exterior e con confianza na nosa propia capacidade, é substancial. Velaí o único vieiro que acabará por dar resultados no obxectivo de seguirmos sendo, existindo con normalidade para nós propios e a carón dos demais: a nosa responsabilidade. Alguén pensa que hai outro camiño para ser libres e decidir por nós mesmos o futuro? É máis, os unionistas da esquerda, por enriba de calquera outra consideración, deberían cavilar en como se pode construír unha unidade entre iguais para descubriren que non é posíbel máis que a partir da total liberdade, independencia e capacidade de decidir dos dispostos a conformala. Digámolo claramente, non haberá federalismo xenuíno se previamente non hai a ruptura da unidade xerárquica e desigual que o Estado español conforma. Só após de exercitaren as nacións, os pobos, o dereito a decidir, con conciencia plena dos seus dereitos e exercéndoos plenamente, hai a posibilidade de abrirse paso un proceso onde podan pactar unha unidade con igualdade, unha unidade entre iguais. O exercicio da soberanía é a cuestión, se se quixer, a plena capacidade de decidir, a independencia real, sempre previas e indispensábeis tamén para calquera creación supranacional democrática e igualitaria. Naturalmente non é esta a concepción, nen o deseño nen a práctica dos chamados federalistas da esquerda española, cando recorren ao tópico federal para revitalizar un novo Estado das autonomías: para eles a soberanía nunca deixará de residir exclusivamente en España. Ningún instrumento político articulado desde dentro do deseño coercitivo, xerárquico e desigual que o Estado español representa, amparará a nosa liberación como pobo, nin acabará coa política que nos minimiza, reduce, deforma e aniquila, quer no aspecto económico, demográfico, cultural ou lingüístico.

,Teño que confesar a miña preocupación pola proclividade de moitos galegos e galegas a aceitaren mansamente, como se for por vontade propia, como se non houber ningún elemento coercitivo, malia estaren presentes, premeren e castigaren debidamente na dirección oportuna, a súa conversión en caricaturas, por servilismo á españolidade. Asumida esta deformación con naturalidade condúcenos a vivir a nosa condición de galegos e galegas como unha futilidade, insignificancia e ridiculez, da que non paga a pena ocuparse. Xa outros máis importantes se preocuparán por nós. Maniféstase na aceptación da subordinación, irrelevancia e marxinalidade de todo o que ule a galego, o idioma en primeiro termo, en lóxico correlato da negación que a españolidade, a españolización, con teimosía entusiasta, se encarga de proxectar até o paroxismo sobre nós mesmos para abrazarmos a causa da España excluínte, pomposa, xerárquica e desigual. Efectivamente, ás veces dá a impresión de que somos os propios galegos e galegas os inimigos máis mortíferos de nós mesmos. Pode parecer empiricamente real. Porén, é inexplicábel sen a imposición dun deseño de dominio xa secular e sen termos presente a forma de incardinación de Galiza dentro do Estado español. Estas son dúas realidades obxectivas, causais, da actitude e comportamento de amplos sectores da sociedade galega, e das lacras máis graves que padecemos: envellecemento, redución da poboación, emigración, eliminación progresiva de sectores produtivos, falta de autoestima, retroceso, marxinalidade e discriminación contra o noso idioma…

A colonización cultural e lingüística existe, sempre como correlato da económica e política. A dependencia de Galiza dentro do Estado español é un factor fulcral para explicar a nosa situación. Non podemos pretender limitar a vida política galega a unha cómoda e simplista, esta si o é, dialéctica dereita-esquerda estatal, española. E non por capricho ou prurito ideolóxico, senón para podermos dar conta dunha dialéctica e dunhas necesidades que son prioritarias para o pobo galego existir e ter futuro. Esta dialéctica e a resposta ás necesidades de todo tipo que temos como pobo só aparecerán e serán asumidas como alternativa política se hai nacionalismo, isto é, expresión política xenuína, exclusiva e con centro de decisión na Galiza.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.