Os vellos. As vellas

Grato resultou para min neste 1º de Maio cadrar no lugar da manifestación da CIG no que ía un grupo de vellos e vellas tras unha pancarta na que se reclamaba unhas pensións dignas. Con grande animación, a cada pouco, erguían os brazos e coreaban ese lema xa vello tamén, pero orgullosamente adaptado a eles-nós mesmos: Os vellos, na rúa, a loita continúa. Uninme inmediatamente ao canto e ao aplauso (así se fai, berraba un señor que nos miraba desde a beirarrúa). Esa forza e ánimo trouxéronme á cabeza aquela sentencia de Cicerón no seu estudo "Sobre a vellez" (filosofía que levo sempre na cabeza e no corazón), Pois así como admiro a un mozo que ten algo de vello, do mesmo xeito a un vello que ten algo de mozo. E remata esa gran verdade deste xeito: quen siga este criterio poderá ser vello de corpo, mais nunca o será de ánimo. Cicerón escribiu este libro no ano 44 antes de Cristo. Xa choveu, verdade?, mais o afirmado segue sendo actualísimo.

Pois si, as vellas e os vellos coa súa forza produto da historia, da experiencia, e de moita, moita ferida, incidindo na evolución social dun xeito activo e reclamando precisamente o froito do seu traballo cando o voraz capitalismo e os seus servidores intentan roubalo tamén. Alivio, por outra parte, para o paro criminal que eles, vellos e vellas, adozan un pouquiño entregando os cartos e axudando á xente nova á que aquel lle rouba tamén dereitos e futuro. É clásica xa esa paisaxe urbana do vello, e sobre todo da vella, levando o neto ou neta no carriño ou pola man e falando cariñosamente, cadro máis fondo aínda do que os ollos poden apreciar, pois indica sobre todo a relación, a comunicación entre dúas xeracións que intercambian precisamente a forza e a sabedoría.

Non é só neste espazo familiar onde a aportación destes homes e mulleres coa mocidade xa vencida resulta importantísima. Importantísima se se quere aproveitar como lección práctica xa vivida e como xeito de avanzar con máis forza e rapidez e menos equívocos se os novos, as novas xeracións, o queren aproveitar no outro espazo máis amplo: o social, o colectivo. Cando eu era novo e iniciabamos na negra etapa fascista a loita polos dereitos sociais e nacionais de Galiza, é dicir, pola mellora plena das necesidades das galegas e galegos, non tiñamos, non coñeciamos esa sabedoría. O fascismo levara as mulleres e homes nacionalistas vellos e novos que nos podían axudar, ás cunetas ou ao exilio. Tivemos que facer todo partindo de cero, nós soas. Como iamos montar os partidos, os sindicatos, as asociacións culturais, sociais... a loita de cada día? Ninguén nos podía guiar. E cando conseguiamos xuntar xente para unha acción, todos os presentes eramos novos e botabamos en falta ver entre nós xente vella. Ao revés do que pasa agora: seguimos os vellos e vellas ou xente de mediana idade, pero non, en termos significativos, a mocidade. Lección para aprender e resolver. Podemos dicir algo nós?

Nos distintos campos sociais, tanto persoais, familiares ou políticos, esa parte da organización activa non se pode completar sen o traballo xa feito, sen a historia, xa que logo, se se actúa con intelixencia e amor, ou se non vos gusta a palabra, con humanidade ou camaradaría, pois para min son o mesmo. Facelo, significaría unha pexa brutal que leva a frear o proceso histórico, é dicir, a facelo máis lento por incidir en erros que do outro xeito non habería ou se reducirían. As novas xeracións son, obviamente, as que deben coller a bandeira para levala á fronte. Pero se non está sostida tamén por quen viviron xa esa historia, o proceso non só estará eivado, senón que tamén será incomprensíbel.

Resúltame tristísimo ver unha roda potente movida só polos que teñen a forza física, deixando de lado a quen, pola experiencia, posúen o segredo de facela correr empregando tamén a experiencia. E volvo a Cicerón, aínda que esta frase se poida axeitar mellor aos tempos de hoxe: ...pois a intelixencia, a racionalidade e o bo xuízo están nos vellos. Dígoo como imaxe, a xeito de reflexión ou análise (a palabra análise segue sendo a miña favorita), para que o debate entre no fondo das cousas e das accións e non no compadreo ou man que con artificio suaviza, e valla para corrixir o que non se pode aceptar, mais si mellorar. E vai, máis que para un grupo ou sector social en exclusiva, para a vida, para o sociedade en xeral, pois coido que esta etapa histórica que nos toca vivir e sufrir, está enterrando elementos humanos fundamentais (pode haber progreso sen humanismo?) sen os cales será imposíbel destruír esa máquina global que nos está a substituír, é dicir, que nos está a mudar nun arremedo dela mesma.