Os de sempre seremos os que paguemos a crise

Os de sempre seremos os que paguemos a crise

Fai uns días víamos en Grecia as manifestacións contra as medidas que estaban a tomar no seu goberno. Medidas impostas, en certa medida, fora das suas fronteiras. Un podía pensar que era un castigo por falsear as contas públicas, por pasar uns anos a "velas vir", e que podían merecelo. Desde a distancia, é doado teorizar sobre a responsabilidade dos demais. E que os erros que fixeron os seus dirixentes políticos, posto que son "os seus representantes lexítimos", teñen que sofrilos os que os votaron e deronlle, polo tanto, a responsabilidad de gobernar o país.

Pero claro, agora que "os nosos políticos" van a artellar medidas similares ás do caso grego, caemos na conta que nós, como pobo, realmente non somos responsábeis de chegar a onde estamos agora. Esto da responsabilidade delegada é un pouco "toco mocho".

Eleximos aos nosos representantes para que traballen para os nosos intereses colectivos, para o pobo, pero cando os eleximos, aos poucos días, eu teño a dúbida si realmente traballan para os intereses da realidade social a que eu pertenzo, que resulta ser a maior parte da poboación, ou se son "abducidos" ou encantados po algunha sorte de élite que lles nubla a visión.

Isto ven a conto das medidas que nos van a receitar nestos días. E que non van a ser as de poñer no seu sitio a los "sinley" da cousa económica. Seguro que seremos os de sempre, isto é, o pobo, os que teremos que pagar as impericias e a soberbia dos políticos e a codicia dos ricos de sempre.

Non é xusto que no século XXI, os erros dos "señoritos" os paguemos os currantes, xa seamos funcionarios, traballadores autónomos ou por conta allea ou pequenos empresarios. Somos os novos pobres, eses aos que agora nomean como "clase media". Todos os pobres de outra época, somos agora "clase media". É unha perversión máis do sistema.

Temos que traballar toda a vida para pagarnos o sustento e para pagar a nosa vivenda, igual que o facían os nosos antergos. Imos a pior. Eles, cando menos, tiñan conciencia do que eran, e nos cremos o que nos dín "os que saben moito". Pero o problema e que a corda está a punto de rachar.

Fai uns anos, co tema da burbulla inmobiliaria, conseguiron que moita xente nova tivera unha forte atadura, un préstamo, que o facías menos independente. E agora depois de pasar polo "pais do outlet", van a baixarlle o soldo, incluso aos funcionarios.

E todo esto intentando que toda a xente prexudicada asuma que ten a culpa do que está pasando (isto da crise) e que a ten que pagar, porque seguro que tamén, como no caso dos gregos, despreocuparonse da súa realidade e deixaron que os seus reprensentantes fixeran e desfixeran.

Cada día vexo máis complicado unha solución. Porque pretender que a xente non se sinta enganada polos seus dirixentes e non coñecer o país. E cando as solucións que se toman polo camiño de "ordeno e mando", son sempre para quitarlle aos de sempre, mal imos.

Escoitei que Obama chamou a Zapatero para que puxera orde e fixera recortes creibles para ter creto ante o "Dios Mercado". Seguro que antes chamara Merkel o seu colega de Grecia para o mesmo.

Teño para min que fai falta alguén que lles faga chegar un aviso de que "os de sempre" pode ser que se estén cansando de pagar os erros (por acción ou inacción) duns políticos que están máis pendentes de agradar ás elites que de ter o respaldo do pobo. E iso pode chegar a ser moi perigoso. Europa pasou un mal medio século, sendo un campo de batalla. Non repitamos os mesmos erros que nos anos trinta. Temos moitas cousas polas que loitar. E temos que facelo loitando contra as elites nacionais e internacionais e os seus socios políticos. O poder é para mellorar as condicións de vida da xente ou non serve para nada. E a economía debe estar para eso, non para xogar no casino da bolsa ou para engordar as contas de banqueiros que toman prestado no BCE a x% e prestan ao goberno a 3x%. E despois rebaixas na calidade de vida da xente.

Ocurreseme pensar que actúen sobre ese mundo "financeiro" para mudar de camiño. Poden protestar, pero necesitan normas e vixiancia. E se isto non se fai, vai vir un verán moi quente.