Ollando cara va-güi-tua, a toniña do golfo de California

Ollando cara va-güi-tua, a toniña do golfo de California
No Golfo de California aínda habita un pequeno cetáceo, unha toniña (Phocoena sinus), é denominada no idioma vernáculo cochimí, como: va-güi-tua, e por iso é coñecida vulgarmente como "vaquita". Pertence á Familia dos Phocoenidae, que son os cetáceos de menor tamaño do planeta, familia á que tamén pertence a nosa toniña do Atlántico (Phcooena phcooena)

Neste momento a toniña do golfo de California está considerada como o cetáceo máis ameazado do mundo, xa que está na lista de especies en perigo crítico de extinción dende 1996 e a súa poboación caeu de 600 exemplares en 1997 a 22 no ano 2019, é por iso que pode considerarse practicamente extinta, pois o seu número de efectivos é tan baixo e a información xenética tan reducida que fai moi difícil o seu mantemento como especie a medio prazo. A va-güi-tua protagoniza, tristemente, a crónica dunha extinción anunciada, é demasiado tarde para a especie, as tentativas de reverter a situación estanse aplicando, mais a esperanza vaise perdendo.

Mais, cal é o motivo de rememorar esta información aquí?. Non é outra que falar da nosa toniña, da especie tamén máis ameazada das costas galegas.

De sempre foi coñecida nas nosas costas, e durante séculos formou parte dos produtos de mercados xunto coa carne de peixes matados nas Rías, así o constatan as Memorias del Arzobispado de Santiago do arce bispo Jerónimo del Hoyo, no mercado de Padrón do s. XVII. Nun tempo debeu ser moi abundante, mais, diferentes motivos levaron a esta difícil situación.

A toniña (P. phocoena) habita tan só nos mares do Hemisferio Norte, as do Atlántico europeo viven abundantemente dende as frías augas do circulo polar ao Golfo de Biskaia, onde descende a súa frecuencia, volven estar presentes nas augas galaico-portuguesas-saharianas, están extinguidas do Mediterráneo e reaparece outra poboación no Mar Negro. Esta fractura das poboacións, despois da última glaciación, corresponde con especificidades pola adaptación ao medio. Deste xeito demostrouse xeneticamente que a poboación peninsular-norafricana é peculiar, sendo considerada unha subespecie que se denomina Phocoena phocoena meridionalis.

Descoñécese o número exacto de efectivos desta poboación dado que está presente en tan baixa frecuencia que requiriría dunhas mostraxes moi intensas para avaliar a poboación cuns valores sólidos. O núcleo galaico-portugués é o cerne da poboación e vive nas augas costeiras ata os 200 m de profundidade cunha media ao redor dos 90 m. Hábitat con moitísima presión pesqueira polo que a día de hoxe é a peor ameaza.

As costas de Galicia poden albergar entre 300-600 exemplares e os modelos auguran unha caída poboacional que as fará desaparecer aos 20 anos, en menos tempo que a caída poboacional da toniña do golfo de California.

Podemos cruzar os dedos véndoas desaparecer a cada varamento, ou podemos facernos conscientes da situación e tratar de revertela, aínda estamos a tempo, non podemos agardar a que dentro de 18 anos queden 22 individuos. Eis a nosa responsabilidade, eis o noso reto.