O papel do noso monte no Cumio de París

O papel do noso monte no Cumio de París

Falabamos en xaneiro do Cumio de París, ennegrecido polos atentados, e de que o que debía ser a decisión do século pasou sen pena nin gloria polas nosas vidas. Prometemos entón debullar o sentido dos acordos relativos ao monte en canto ao seu papel na redución do Cambio Climático, polo que faremos unha breve achega ao que ten que ser un estudo e unha planificación realizados por especialistas.

Castelao xa nos deixou dito “vale máis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos”, agora estamos vendo o tesouro nos nosos montes, aínda que non gustemos de moitas especies que están plantadas, ese é outro debate.

O monte é bosque?

Na tradución do documento do Cumio de París para o español, o termo "forests" está traducido como "bosques", figura así en varias partes do documento. Eis o primeiro desatino, pois, nos nosos montes, o que podemos clasificar como bosque é unha pequena parte, o resto son cultivos ou mesmo invasións a eito, naturais ou fomentados. En definitiva, os eucaliptais nin son bosque, nin mato, nin foresta, son un simple cultivo, como un campo de trigo. É por iso que a pesar de que a palabra non describe a realidade do noso monte, temos que aceptala, a contragusto, como sinónimo de monte en xeral, arborado ou non.

A biomasa forestal, o bosque segundo o Acordo, ten unha influencia fulcral no proceso de cambio climático, fixa o carbono atmosférico na madeira, nas follas e no chan, e emíteo de novo á atmosfera ao morrer e podrecer, ao arder ou cando é substituída por cultivos agrícolas ou urbanizados. É unha medida importante para a análise da produtividade do ecosistema e tamén para avaliar o potencial enerxético e a función dos bosques no ciclo de carbono.

O contido do acordo

O Preámbulo do Acordo salienta a importancia de conservar e aumentar os sumidoiros e depósitos dos gases de efecto invernadoiro mencionados na Convención, este é o primeiro paso para falar dos bosques.

Así, a sección financeira da decisión do cumio recoñece “a importancia duns recursos económicos adecuados e estables, incluíndo pagos por resultados". No capítulo relativo ao financiamento, punto 55, "recoñécese a importancia que revisten os recursos financeiros, entre eles os incentivos destinados a reducir as emisións debidas á deforestación e á degradación forestal e a promover a función da conservación, a xestión sostible dos bosques e o aumento das reservas forestais de carbono, así como para a aplicación de enfoques de política alternativos, como os que combinan a mitigación e a adaptación para a xestión integral e sostible dos bosques, á vez que se reafirma a importancia dos beneficios non relacionados co carbono que levan asociados eses enfoques, alentando a que se coordine o apoio procedente de, entre outras, as fontes públicas e privadas”.

É dicir, admítese a posta en marcha de recursos económicos, públicos e privados, destinados á redución de emisións por causa da deforestación e degradación forestal, mediante a conservación e xestión sostible e integral dos bosques, como reservorios de carbono.

Posteriormente, as partes acordan no artigo 5 que deberían adoptar medidas para conservar e aumentar os sumidoiros e reservorios de gases de efecto invernadoiro, acadando un equilibrio entre as fontes emisoras e os sumidoiros, entre os que se atopan os bosques, insistindo nos medios financeiros para adoptar estas medidas.”

Por primeira vez, o papel da cobertura forestal é recoñecido na loita contra o Cambio Climático e así figura no Acordo de París. Un paso de xigante respecto do Protocolo de Kioto, que non asignaba máis ca un discreto e limitado papel ao bosque.

Volvendo de París

É por iso que as medidas de promoción da forestación e a biodiversidade nos montes e a súa xestión integral e sostible deben ser liñas básicas do desenvolvemento da política do monte, liñas a defender e impulsar. Agora, o noso papel, de volta de París co Acordo baixo do brazo, debe ser o de esixir eses apoios financeiros para a conservación e xestión sostible e integral dos bosques, como reservorios de carbono, e non como unha moda ou un novo negocio.

Valoración do noso monte

Os economistas tenden a darlle valor a todas as cousas, a pesar de que aínda é incomprensíbel a día de hoxe pórlle prezo á auga e ao aire, mais é o único xeito de ponderar relativa e comparativamente estes recursos básicos que nunca valoramos como corresponde. Así, no Inventario Forestal hai feita xa unha cuantificación económica da fixación do carbono que pode ser aplicada ao noso monte, está realizada en base ao método de valoración de activos naturais, ambos documentos do Ministerio do Medio ambiente do Estado, que non imos detallar polo miúdo agora. O caso é que aos 2 millóns de hectáreas de monte de Galiza (do que o 46% é superficie arborada e, desta, o 29,3% conta con especies autóctonas) adxudícaselles un valor total, por todo tipo de actividades realizadas neles, dende a explotación forestal, á gandeira e á cinexética, duns 1.131 millóns de euros. Destes, 496 millóns corresponden á fixación de carbono. O que estamos a dicir é que o valor económico medio da fixación de carbono no noso monte é de 260,7 € por hectárea.

E que significa isto en termos relativos?. Neste momento, o maior aproveitamento do monte galego é a obtención de madeira, fundamentalmente para celulosa, mais tamén para outros usos. Pois ben, o valor da madeira producida é de 105 € por hectárea. É dicir, o valor da fixación de carbono é 2,4 veces máis alto que o máximo rendemento económico tirado da madeira extraída dos montes. En resume: a madeira vale máis en pé que cortada.

Mais, cal é o problema?

O eucalipto, dado o seu rápido crecemento, fixa unha grande cantidade de carbono, 4,8 toneladas en 40 anos, mais a idade óptima do eucalipto é considerada entre 9 e 14 anos. Ademais, debido á predominancia do eucalipto e ao uso que se lle dá, celulosa ou enerxía, o carbono retido na madeira é liberado rapidamente de novo á atmosfera, polo que as plantacións destinadas á explotación a curto prazo non son un reservorio eficaz de carbono. Polo que, a xestión do monte como monocultivo, e como monocultivo de eucalipto, choca co seu interese como reservorio para a fixación de carbono.

Este é o verdadeiro papel do noso monte no mundo de hoxe, e por iso, ademais de mellorar a produción, procurar o cambio de especies e a digna comercialización da madeira, debemos esixir que as penalizacións e achegas dos países máis contaminantes, compensen o papel daqueles nos que o monte aporta solucións de futuro contra o Cambio Climático, coma nós.

Como Castelao, tan lucidamente, proclamou hai xa ben tempo: vale máis unha terra con árbores nos montes....



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.