O novo Papa e a pederastia

O novo Papa e a pederastia

O cardeal arxentino Jorge María Bergoglio, foi elixido Papa o 13 de marzo, segundo día de conclave, na quinta votación. Novidades. En primeiro lugar a súa sinxeleza, tan afastada da pompa do seu antecesor Benedicto XVI; elección do nome, Francisco; a súa procedencia, a Compañía de Xesús.

A grave crise de desafección dos católicos debido na maior parte á pouca credibilidade da xerarquía eclesiástica pola súa hipocrisía, segundo denunciou o anterior Papa logo de anunciar o seu retiro, ancorada nun conservadorismo impropio duns tempos en que, o que máis e o que menos, ten capacidade intelectual e preparación suficiente para ser autónomo nas súas decisións, sen necesidade de que lle digan o que ten que facer, e no que ten que crer. Esta crise reflíctese na falta de vocacións e nun alongamento dos católicos de practícaa relixiosa, consubstancial coa necesidade que o home sentiu desde sempre de crer en algo, aínda que non sexa en nada, e de transcender despois da vida.
Este é un dos retos do novo Papa que no seu primeiro mes de pontificado deu mostras de querer cambiar e renovar. Nunha enquisa recente, case o cento por cento dos católicos practicantes consultados, estaban a favor de investigar a fondo e castigar os casos de pederastia ou abusos a menores cometidos ou ocultados por eclesiásticos.

Sobe do setenta por cento os que admiten o uso de anticonceptivos, o divorcio e acabar coa discriminación da muller no goberno da Igrexa. Pasan do cincuenta por cento os católicos practicantes partidarios dun novo concordato axustado ás circunstancias actuais, acabar cos tratos fiscais favorables e admitir que o concepto de familia non ten porque referirse exclusivamente á constituída por un home e unha muller. E enlazando co anterior un significativo corenta e seis por cento pensa que se debe aceptar que unha parella do mesmo sexo está tan capacitada para criar a un neno como unha heterosexual.

O celibato e a castidade do clero


A resposta práctica ás preguntas, augura que ese distanciamento do clero, e especialmente da súa xerarquía, vai seguir existindo, porque é materia de difícil dixestión para quen foi educado nuns principios morais tan estritos que despois a experiencia demostra que nin sequera son capaces de cumprir os que llos impuxeron.

Bo sería que este Papa désese solución a algunha destas cuestións, que abra o camiño para que os seus sucesores poidan avanzar nunha posta ao día, o famoso aggiornamento, que Xoán XXIII pretendeu co concilio Vaticano II. Pero tamén hai que entender que “non se lle poden pedir peras ao olmo”, ou que de entrada a xerarquía admita estas cuestións, pero que se queren poden cambiar de opinión sobre asuntos impostos por eles no percorrer do tempo.

É seguro que se avanzará para castigar os casos de pederastia e abuso a menores. A xerarquía daría un gran paso, e solucionaría en gran medida este problema, si deixase o seu comportamento hipócrita, de condenar algo tan natural como a sexualidade, da que tamén gozan, acabando co celibato dos sacerdotes e recoñecendo as distintas opcións sexuais.

Comportamento hipócrita, porque os feitos recentes e a historia así o demostran. Paulo II (1464-1471), foi un coñecido Papa homosexual que morreu dun infarto mentres era sodomizado por un efebo. Oficialmente buscóuselle unha morte máis estética e doce, e díxose que fora debido a unha indixestión con melón.

Na historia da Igrexa houbo papas casados, e outros fillos de membros do clero ou doutros papas. Case todos os papas do século XVI tiveron fillos. Alexandre VI (1492-1503), nove fillos, tres con nai descoñecida, catro con Vannozza Cattanei, e dous con Xulia Farnesio ; Xullo II (1503-1513), tres fillas; Paulo III (1534.1549), tres fillos e unha filla; Pío IV (1559-1565), tres fillos e Gregorio XIII (1572-1585), un fillo.

Por iso a cuestión da castidade obrigatoria, é unha obsesión enfermiza e ridícula da xerarquía católica, unha opción respectable para quen a desexe voluntariamente, pero que non se debe impoñer aos demais. Foi o Concilio de Trento (1545-1563) o que estableceu que o celibato e a virxinidade eran superiores ao matrimonio.

Casos de clérigos, relixiosos e xerarcas homosexuais practicantes

Moitos os coñecemos. Na nosa contorna temos algúns de recente actualidade, que se airearon discretamente, e que por proximidade e por un dereito fundamental, o dereito ao honor, non imos mencionar. Pero nada impide citar casos probados e publicados.

O cardeal chileno, Francisco Javier Errázuriz, foi encubridor de Fernando Karadima, un influinte cura ao que no ano 2011, o Vaticano ordenoulle retiro, a “unha vida de oración e penitencia”. O cardeal norteamericano Roger Mahony, tamén foi vinculado con 508 casos de abusos sexuais cometidos nos Anxos, polo que a Igrexa tivo que pagar preto de 660 millóns de dólares en indemnizacións.

O cardeal Keith O' Brien, renunciou o 25 de febreiro ao seu posto de arzobispo de St Andrews e Edimburgo tras ser acusado de "comportamento inapropiado" nos anos 80. Logo de telo negado, unha postura habitual na xerarquía católica, admitiu que a súa "conduta sexual" non foi sempre a que se esperaba del, pediu perdón e recoñeceu que, "ás veces, a miña conduta sexual caeu por baixo dos estándares que se esperaban de min como sacerdote, arcebispo e cardeal". Como bo hipócrita non é partidario de que os gays se poidan casar.

Antes do último Conclave, a asociación estadounidense “Rede de Superviventes de Víctimas de Abusos por parte de Sacerdotes”, pediu que se retirase da lista de papables a doce cardeais aos que acusou de non actuar con suficiente decisión contra os casos de pederastia, por ser “a peor elección en termos de protección á infancia, curación das víctimas e loita contra a corrupción”.

Francisco I quere que a Igrexa actúe con decisión para erradicar os abusos sexuais a menores por parte de sacerdotes e que asegure que os culpables sexan xulgados. O novo Papa indicou ao arcebispo Gerhard Muller, presidente da Congregación para a Doutrina da Fe, que combater os abusos sexuais é importante para a Igrexa e a súa credibilidade.

O escandaloso caso dun crego hipócrita


Hipócrita ou arrepentido, Benedicto XVI, que durante 23 anos foi o presidente da Congregación para a Doutrina da Fe, a onde chegaban as denuncias de casos de abusos, freábaos e non lles daba trámite para sancionalos. Segundo o teólogo Juan José Tamayo “Nin acabou coa pederastia nin lle deu resposta”. Pero cando se converteu en Papa non lle quedou máis remedio que admitir o que outros prelados seguían negando coa desculpa de que eran campañas dos inimigos da Igrexa. ¿Impedíallo Xoán Paulo II? É posible, pois Ratzinger cando chegou ao papado, condenou a Marcial Maciel Degollado, un sacerdote mexicano, que tamén viviu en España, fundador da asociación seglar Regnum Christi e da congregación católica Lexión de Cristo, falecido o 30 de xaneiro de 2008.

Este individuo, con tres identidades, foi acusado formalmente de cometer abusos sexuais por algúns membros da congregación e estudantes dos establecementos dos lexionarios a partir de 1997, aínda que hai constancia da existencia de queixas desde os anos corenta. En 1997, a través dunha carta aberta ao papa Xoán Paulo II, oito ex membros da Lexión de Cristo acusaron a Maciel de abusar sexualmente deles e de que nin a congregación nin outros membros da xerarquía católica os atenderan.

Como consecuencia destas acusacións, Maciel deixou a dirección da Lexión de Cristo en 2004. Joseph Ratzinger, prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, permitiu continuar a investigación canónica e en 2006, cando xa era Papa, anunciou a pechadura da investigación. Debido á súa avanzada idade e quebrantada saúde, ordenoulle o retiro do sacerdocio público para consagrarse a unha vida de “oración e penitencia”.

A hipocrisía deste individuo, protexido do papa Xoán Paulo II, é abraiante. Este aspirante a santo, como todos os fundadores de ordes relixiosas, impoñía aos seus membros unha rigorosa disciplina sexual, mentres el era pederasta, levaba unha tripla vida con nomes falsos, e tivo tres fillos con dúas mulleres, un varón do que tamén abusou en máis de cen ocasións.

De maneira que daqueles pos veñen os lodos da pederastia, dos abusos sexuais e da dobre moral dalgúns clérigos e xerarcas, condutas reprensibles que sempre toleraron mediante a ocultación, e en ocasións coa mentira, poñendo en dúbida a veracidade das víctimas.

O Vaticano tamén recoñeceu no seu día a violación de monxas e aspirantes por parte de curas en vintetrés países, a maioría de África, ás que se autorizou a tomar a píldora para evitar os embarazos e os abortos.

A monxa denunciante, sor María Mc Donald, superiora das Irmás Misioneiras da Nosa Señora de África, referiuse a curas que acudiron a médicos "de confianza" de hospitais para que efectuasen abortos a monxas e rapaciñas que deixaran embarazadas. Unha superiora denunciou que vintenove monxas da súa congregación quedaron preñadas polos curas da diocese e que a única medida que se adoptou foi cambiala de cargo e afastala do lugar. Cando lle preguntaron por este asunto ao que era bispo de Mondoñedo, Xosé Gea Escolano, dixo: “Donde hay hombres, ya se sabe”.

Benedicto XVI, lamentou na súa homilía do 13 de febreiro, a última antes de facer efectiva a súa renuncia, a "hipocrisía relixiosa", e "o comportamento dos que aparentan".