O medio ambiente no ollo do furacán da crise

O medio ambiente no ollo do furacán da crise

A tan mencionada crise é utilizada polos poderes económicos e políticos como ariete. Con este golpe pretende adurmiñar as conciencias e atar de pes e mans á sociedade, tratando de minimizar a súa resposta diante das novas normas do xogo que tratan de impoñer.

Non hai que buscar moito para decatarnos da afirmación anterior, mais imos plasmar como en toda esa cuestión o medio ambiente atópase no cerne, no ollo do furacán da depredación capitalista, que trata de chegar a estremos que nunca acadara.

O capitalismo utilizou nas últimas décadas diversas terapias de choque, herdanza das experimentadas polo fascismo, e outros réximes totalitarios, consistentes nunha presión desproporcionada, mesmo violenta, que provoca pavor na sociedade. Táctica sobradamente coñecida despois do levantamento fascista do 1936, sendo laboratorio e antesala da segunda grande guerra. A novidade desta ferramenta foi o seu uso a nivel socioeconómico e a súa translación aos mercados, o que nos reafirma en que se trata dun elemento máis inherente ao capitalismo, como a propia crise.

O esloveno Slavoj Žižek , na súa obra: Primeiro como traxedia e despois como farsa, fálanos deste elemento relacionado coa guerra do Irak, recolléndoo da Doctrina do sock da canadiana Naomi Klein . O choque no que se basea o impacto e a presión actual do mercado libre, mesmo o pavor causado polo fascismo, teñen a intención de aterrar ou achanzar o terreo para reformas posteriores, ben o sabemos. Así estamos vendo como se nos escorren entre os dedos das mans as melloras sociais conseguidas nos últimos cincuenta anos.

O efecto directo da crise non é o radicalismo político, esquerdista ou ecoloxista, senón o sometemento social, o belicismo, o racismo, a división social e o aumento da pobreza, que avanzan como castelo de naipes por todo o mundo. Directamente o pánico provoca un regreso ao básico, á economía submerxida e de subsistencia e á permisividade medio ambiental.

Lonxe de que o trauma avive a conciencia ambiental achanza o terreo para novos investimentos capitalistas. Xa o comprobamos tamén despois do desastre do Prestige, cando nunca tanto investimento houbo en asfalto e tantos proxectos foron deseñados, ao menos como proposta, todos eles para degradar máis o litoral. Paradoxalmente, dunha crise ambiental sae máis impacto ambiental.

Así, despois do golpe de choque que imprimiu o sistema capitalista, para impoñer novas relacións socioeconómicas, ao que aínda non formos capaces de respostar politicamente de xeito suficiente e contundente, agora chega a infantería a xeito de privatización dos montes, espoliación ambiental mineira, apropiación do territorio mediante prevalencias industriais estratéxicas ou baleirado dos recursos renovábeis, pois máis vale paxaro na man que cento voando.

E que facer?, dende logo a premisa que sempre utilizamos como mantra, ladaíña, responso ou compulsión supersticiosa, isto último tamén acuñado por Žižek, é actuar, non permanecer pasivos. Mais, como? Con debate e coñecemento do que pasa ou con reacción visceral baseada no que nos din que pasa?. Así tamén actúan os mercados, reaccionan invocando a súa verdade, o que eles din que pasa ou pode pasar: baixa o investimento da bolsa de valores se cren que vai morrer Chavez, se cren que pode haber un ataque preventivo surcoreano ou din que outros cren que Obama pode executar ou non reformas.

Cantas veces non se actúa sen ter en conta o que verdadeiramente nos interesa? Por exemplo en accións tan dispares como darlle diñeiro público ás entidades bancarias en plena banca rota, executar unha obra de impacto ambiental irreversible, ou oporse por sistema a un plan eólico con consideracións positivas para o país, por certo, hoxe desaparecido.

A receita non é nin sequera doada, mais pode ir pola liña de: máis diálogo para logo actuar consensuada e axeitadamente. Máis soberanía, para decidir sobre o noso, e menos soberanos. E finalmente buscar a raíz dos problemas para incidir neles, e non só dende os valados das nosas propias leiriñas. Porque o medio ambiente está no ollo do furacán da crise, e se xa tiñamos só medio imos quedar sen ningún.