O encubrimento dos abusos dos clérigos e a diminución da relixiosidade

O encubrimento dos abusos dos clérigos e a diminución da relixiosidade

O papa Francisco nun libro entrevista La fuerza de la vocación, di estar preocupado pola homosexualidade no seo da Igrexa. Supoño que quixo dicir entre eles, porque Igrexa din que somos todos os bautizados, e moitos dos que son desa opción, e ademais católicos, deberían saber que esa cuestión non lles preocupa nada. O preocupante non é que ignoren que os hai en todos os colectivos senón que sexan homófobos, algúns practicantes e a maiores encubridores.

Por entender non entenden nada, porque a orixe dos innumerables casos de pederastia, quérenos ver no celibato e na homosexualidade, cando non ten nada que ver, porque tamén hai casados e heterosexuais pederastas, o cal non quere dicir que non haxa tamén solteiros e gays pederastas.

O Papa, que cualifica de moda a visibilidade deste colectivo na nosa sociedade, evidencia tamén a súa ignorancia sobre o tema, ignorancia que se agrava cando non queren que se admitan aos homosexuais nos seminarios, unha discriminación que aquí resulta ilegal porque vulnera a Constitución. Non é unha cuestión de moda senón de ter rematado a súa persecución, e polo mesmo actuar con normalidade.

Sexsar seminaristas

A xerarquía eclesiástica cada vez nos sorprende máis coas súas declaracións homófobas. Seguramente seguindo as directrices do Vaticano, a Conferencia Episcopal Española por boca do seu novo voceiro, José María Gil Tamayo, que tivo unha estrea confusa e pouco afortunada co tema das opcións sexuais e de xénero, tema do que evidencia unha gran ignorancia, pretenden prohibir o acceso dos homosexuais a estudiar nos seminarios. Parece que aínda non se decataron que están nun estado democrático, rexido por unhas leis que como civís teñen que acatar.

A Conferencia debería dicir cal vai ser o procedemento para a tal pescuda sen vulnerar a lei fundamental e a intimidade dos aspirantes ao sacerdocio. A tarefa non é doada porque supoño que non hai un procedemento que permita sexsar aos seminaristas como se fai cos polos, aos que profesionais moi experimentados lles miran a cloaca para saber si son macho ou femia. Outros sistema é o de observar o desenvolvemento das plumas. No ámbito gay masculino ter pluma pode ser un indicio a primeira vista, pero a maioría non a teñen, de xeito que calquera destas dúas apreciacións nos humanos pode ser enganosa.

O silencio da xerarquía

As víctimas de abusos cometidos en México e En España, por Marcial Maciel, un hipócrita sen moral cristiá e cívica e con dobre vida, fundador dos "Legionarios de Cristo" que ía para santo, como todos os fundadores de este tipo de obras, aínda seguen esperando reparación despois de encubrilos o Vaticano durante 63 anos.

Un do seus protectores e encubridor foi Juan Pablo II, ao que lle falou tempo ao sucesor para facelo santo. O ascenso deste Papa aos altares estaba premeditado xa que cando morreu quitáronlle o sangue para convertela en reliquias, unha macabra costume da Igrexa católica. Eu vin o contedor co líquido do defunto metido nunha custodia de prata na catedral de Jerez de la Frontera onde ten dedicado un retablo.

Sobre o comportamento pouco exemplar neste aspecto da xerarquía eclesiástica, é moi revelador o que recentemente escribiu o teólogo Juan José Tamayo sobre os comentarios nada afortunados do secretario e voceiro da Conferencia Episcopal Española:

«El silencio o la minusvaloración episcopales ante las agresiones sexuales de sacerdotes contra niños, niñas, adolescentes y jóvenes indefensos durante 40 años contrasta con su locuacidad contra el colectivo LGTBI, la «ideología de género», el aborto, el divorcio, las relaciones prematrimoniales, los métodos anticonceptivos, la píldora del día después, el matrimonio de los sacerdotes, el sacerdocio de las mujeres, las parejas de hecho, la homosexualidad, el matrimonio igualitario, los derechos reproductivos y sexuales de las mujeres, la fecundación in vitro, el acceso a la eucaristía de las personas divorciadas vueltas a casar, el acceos de personas homosexuales al sacerdocio, etc.». (El País, Madrid. 5-01-2019. p. 22).

E engade que a este silencio e á inacción haille que sumar o desamparo das víctimas e as súas familias, xa que os seus testemuños eran con frecuencia desoídos ou cualificados de falsos, e por iso no se estraña que cada vez sexa maior o número de persoas que abandonan a Igrexa católica, ben apostatando, ben facendo mutis polo foro.

A maior formación menor relixiosidade

As relixións, todas, só medran entre a ignorancia, porque o ser humano quere buscar explicacións e protección nelas. Teñen o papel que antes tiñan nas tribos o feiticeiro. A unha persoa medianamente formada cústalle traballo crer en moitas das cousas que se din nos Libros Sacros, algunhas elevadas á categoría de dogma, para que non se discutan. «Díjolo Blas, punto redondo».

A xerarquía leva anos facendo unha Igrexa só para eles e unhas minorías extremistas vencelladas a organizacións sectarias, tomando decisións ás veces de nenos.

É probable que este proceder se deba á preparación e á educación que lles deron nos seminarios non acorde cos tempos, e moi especialmente co nivel de formación das persoas, aínda que almas cándidas tamén as hai entre individuos formados que deben primar a fe antes que a ciencia. Coñezo a un médico que pertence ao Opus Dei ao que un día vin que estaba lendo nun libro que trataba sobre "La virginidad de la Virgen María".

Recentemente unha enquisa dicía que un 92 % dos españois que foran educados como cristiáns só un 62 % se consideran como tais. Para esta viaxe ¿facían falla 38 anos de nacional catolicismo? ¿que a relixión católica sexa unha materia voluntaria ou avaliable? ¿É necesario que dúas partes da dereita, PP - VOX, reivindiquen certas tradicións do catolicismo para medrar en votos? Menos mal que para tres de cada cinco preguntados o cristianismo asociado á idea de España xa non é un valor especial na identidade nacional española.