O custe da dependencia


O patriotismo está asociado moitas veces as penalidades e sacrificios que soportan os pobos na defensa das súas nacións, como acontece nas guerras imperialistas que se fan en beneficio exclusivo das minorías oligárquicas, coa escusa de servir os intereses das patrias. Mas isto non sucede no caso do noso país onde o patriotismo non é agresivo, é esencialmente pacífico e antiimperialista. Todo o contrario, o patriotismo galego está vinculado a soberanía, democracia e benestar do pobo traballador, na medida en que a Soberanía Nacional faga posíbel, coa súa independencia ou non dependencia, o exercicio do autogoberno da maioría social en función dos intereses populares.

Na Galiza, o patriotismo é a única opción que beneficia á inmensa maioría do pobo traballador galego, e, xa que logo, contrario á mentalidade colonizadora do españolismo. Nesta opción ten difícil cabida a manipulación, coma acontece co “patriotismo” dos imperios e Estados opresores coma o español, salvo para negar esta realidade do espolio dos pobos que esmaga, comezando polo galego.

Dentro de España, non é posíbel a liberdade dos pobos, pois España esta constituída, no fundamental, por un aparello estatal opresivo, un cárcere de pobos, e sempre o será mentres exista, independentemente de quen e como a goberne, porque na función do goberno está a súa esencia, o seu contido opresivo.

A canto ascenden os custes da dependencia da Galiza para o pobo traballador galego? Ademais dos máis de 1300 millóns de euros anuais que se succiona a Galiza a través do actual sistema fiscal, e deixando de lado as plusvalías xeradas pola forza de traballo galega no exterior e nos centros de acumulación resididos na Galiza, que drenan beneficios para fóra do país a través de España, o custe da dependencia da Galiza elévase dun xeito exponencial por mor do CUSTE DE INACTIVIDADE dos sectores produtivos galegos dotados con abundantes recursos naturais e tecnolóxicos. Cantos millóns se perden coa parálise da construción naval, a pesca, o leite, a madeira, o desaproveitamento de enerxías renovábeis e moitos máis por non ter a independencia e soberanía suficiente para poder negociar directamente cos mercados e os países que son demandantes potenciais dos nosos produtos e que por causas políticas, debido a dependencia do Estado español, mantén a Galiza afastada destes países e mercados. Este é o verdadeiro “separatismo” galego existente, que nos non queremos. Resumindo, son cifras fabulosas que farían posíbel o remate coa pobreza inducida do noso pais pola opresión española. Porén España é a nosa ruína, e seguirá sendo independentemente de quen goberne e a forma de Estado español que adopte; pois é a superestrutura variábel, cuxo contido é a opresión nacional. Todo o demais é pura demagoxia que serve para xustificar e lexitimar o mantemento do espolio colonial do noso pais.