O acordo P-PSOE emprega o pretexto do “antiyihaddismo” para retorcer dereitos e liberdades civís

O acordo P-PSOE emprega o pretexto do “antiyihaddismo” para retorcer dereitos e liberdades civís

Pactar a represión


Cada vez que acontecen violentos sucesos, caso dos asasinatos na revista “Charlie Hebdo” en París, chama a atención a rápida reacción, non só a policial e xudicial, que de xeito fulgurante posúen un completo historial dos autores con relación pasada con servizos de intelixencia ou como confidentes policiais, senón a de formulación inmediata de propostas punitivas para atallar no futuro actos violentos semellantes

Porén, máis sorprendente é que as alternativas consistentes na intensificación da represión penal non teñen orixe nunha reflexión inmediata posterior aos lutuosos acontecementos, senón que xa foran ideadas con anterioridade. Non son, polo tanto, a “resposta en quente” que, ao ser unha reacción impulsiva e apresurada, puidera estar contaminada pola conmoción social provocada polos feitos violentos, senón que semella estaren ideadas premeditadamente e agochadas para ver a luz pública en estados de “shock”, pois en momentos de plena serenidade e lucidez social serían inasumíbeis para a maioría da sociedade.

Ao longo desta semana, tivo lugar a presentación pública do enésimo “Pacto de Estado” asinado polo bipartidismo estatal, nesta ocasión para combater o “terrorismo yihaddista”. De novo, apenas semanas despois dun grave atentado, malia que os antecedentes que o impregnan teñan pasado, lonxano e recente. O propio texto lembra resolucións da ONU de setembro de 2014, á súa vez con referencias contidas en resolucións de 2001. Incluso se avanza alén, ao incorporar como motivación a Decisión Marco do Consello da Unión Europea de 13 de xuño de 2002, de loita contra o terrorismo, que tivo unha modificación substancial en 2008. Esta Decisión, ideada xusto despois do atentado das Torres Xemelgas de New York, impuxo unha evolución e nova calificación xurídica dos delitos de terrorismo, onde se remarcou a relevancia de atender á finalidade de ditos delitos, que non se cingue só a que conleve exclusivamente unha vontade de terror -como viña sendo aplicado en función do Convenio Internacional para a Represión dos Atentados Terroristas cometidos con bombas (Asemblea Xeral da ONU de 17.12.1997) e do Convenio Marco da ONU para a Represión do Terrorismo (New York, 9.12.1999)- senón que abrangue tamén aquelas actos onde o autor ou autores actúan coa intención de “alterar gravemente a orde pública”.

Esta doutrina penal tivo xa unha recepción parcial en moitas normas penais de aplicación directa, caso do vixente Código Penal no Estado español, onde xa se refire a grupos terroristas ou bandas armadas con conceptos indeterminados, como aqueles “que teñan por finalidade a de subverter a orde constitucional ou alterar gravemente a paz pública”. Agora, con este pacto, a inclusión de nocións indefinidas aínda se estende máis, recollendo tamén o de “provocar un estado de terror na poboación ou nunha parte dela”, co que os máis severos castigos penais, incluída a cadea perpetua introducida paralelamente na reforma do Código Penal, poden ter como destinatarios non só exclusivamente grupos armados organizados estruturados para cometer delitos de terrorismo, dado que nin sequera se regulan criterios básicos para avaliar que é un “estado de terror”, deixando así nunha ampla discrecionalidade a súa aplicación.

Á vista da secuencia, a reacción que se fragua neste pacto antiyihhadista non responde simplemente ás intencións declaradas, que gozan de asunción e compresión social por resoaren cercanos os ecos mediáticos dos asasinatos na redacción da revista satírica parisina. En realidade, estaba planificada e plasmada unha resposta represiva contundente e agravada que puidera ser aplicada con ambigüidade por parte dos poderes executivos de turno, que facultara para exercer con amplitude o castigo penal máis severo segundo o aconsellen, en función das circunstancias e os intereses dos poderes dominantes, a organizacións, colectivos e persoas afastadas de pretensións de empregar sistematicamente a violencia para crearen situacións de alarma ou pánico xeralizados. Ir preparando, ou mellor perfeccionando, os métodos de control social a través do castigo inhumano, que nega calquera posibilidade de reinserción social.

Os chanzos vanse poñendo, aproveitando intres de conmoción, para evitar o descubrimento da vontade represiva real que se encobre. Lembremos agora, como as as condeas desmedidas impostas recentemente a traballadores e traballadoras por defenderen os seus dereitos teñen a súa orixe precisamente en reformas penais adoptadas con outras intencións declaradas. En ningún caso se regulou un réxime punitivo máis severo cando aumentou a conflitividade social, pola contra bótase man de normas que se foran inoculando ao sistema penal de xeito tanxencial. A súa orixe está nunha reforma penal de 1976, xa co ditador fenecido e o seu réxime debilitado. Agora, cando a conflitividade social vai en aumento, recobran vixencia, emerxen das gavetas punitivo-legais máis recónditas e impactan abruptamente nas conciencias dunha ampla maioría social. Efectivamente, no “asentado” réxime de liberdades tamén se pode encadear a persoas por defender o seu traballo ou axudar solidariamente a outras a que non o perdan.

Por iso, a reforma “antiyihaddista” entronca con esta deriva autoritaria e represora, que se vén arrastrando no Estado español desde a transición, e que convén atribuír, non só ao bipartidismo gobernante durante décadas, senón a un modelo de España unitaria que tivo, ao longo de todo o século XX, o emprego da represión como método para sobrevivir e manter a hexemonía de determinados poderes económicos, políticos e relixiosos dominantes. Na xustificación e lexitimación inmediata acódese a un suceso violento. Porén, á vista da indefinición implícita a mantenta na norma, como ao patente historial autocrático que atesoura o Estado español e as súas elites dominantes, non é absurdo aventurar que o destino final das vingativas e opresivas condenas que se refrendan en dito pacto será ampliado a condutas que emerxan por colectivos que simplemente “molesten” ao poder de turno, se as circunstancias así o aconsellan. Certamente, quizais o máis irracional, coas evidencias e precedentes en presenza, sexa comulgar que se está a defender a liberdade e seguridade, escrito mesmo con letras capitais, e ficarmos pasivos ante unha nova alancada que retorcerá os máis elementais dereitos e liberdades conquistadas.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.