Nova política?


Gustaríame contribuír, desde unha perspectiva nacionalista, á clarificación do complicado momento polo que, como pobo galego e individuos a el pertencentes, estamos a pasar. Pode haber quen pense, non sen algunha razón, que estamos asistindo ao parto de algo realmente novo, na orientación de arrombar o vello e decadente réxime que, no Estado español, se asentou no bipartidismo, a autonomía administrativa, a confesionalidade práctica en materia relixiosa, o poder das oligarquías e a corrupción das institucións, e dos partidos que as hexemonizaron, alén de por unha identificación servil e submisa á UE, aos USA e á OTAN. Estaríamos entrando entón nunha nova etapa onde a propia sociedade tería xerado, espontaneamente, elementos rexeneradores para, sen rupturas nin conflitos, salvar a democracia, limpándoa do lixo e das corrupcións, agora xa asfixiantes, que a asolagan. Analicemos logo con algo de vagar os fenómenos políticos “novos” e o que indican como síntoma.

Non vou ser eu quen poña en cuestión a tese marxista de o novo e revolucionario estar latente e acubillado no vello e reaccionario como unha forza potencial que pugna, como antítese, por facerse hexemónica e real. Porén, os novos fenómenos que, na dialéctica política, constatamos no Estado español son máis ben síntomas dunha mudanza para nada substancial mudar do que a manifestación dunha vontade revolucionaria ou de mudanzas democráticas de verdade. Parece mesmo que se aposta por resucitar tópicos ou ideoloxemas da máis vella política burguesa, como veremos. A novidade, en todo caso, está en que, máis do que nunca, estas alternativas políticas novas non se poden entender sen a crucial colaboración dos medios de comunicación, o específico combinado TV-Internet, capaz de catapultar o necesario líder mediático, nunhas circunstancias de crise como as que vivimos. Case dá a impresión de que o medio forma parte da mensaxe, pois non é concibible o seu éxito sen aquel, como tampouco o do seu símbolo personalizado, carisma incluído. Para isto necesítase si, unhas circunstancias de desacougo social e certo criticismo, pero tamén unha sociedade moldeada mediaticamente na súa forma de participación: a distancia, desde casa, pasiva en canto que non obriga nin responsabiliza de nada, máis virtual que realmente de organización e contacto social. Estamos, pois, perante un paradoxo: o novo e supostamente alternativo frutifica no momento de maior escepticismo ou desafección política –iso de que todos os políticos son iguais e a política é unha indecencia-, dificultade para mobilizar, e mesmo manifesta e estendida crenza de as ideoloxías estaren periclitadas. Seguindo as consignas dos xefes madrileños, puidemos ler e escoitar como un dirixente sucursalista emerxente, nada menos que de nome Breogán, ben arroupado pola mediática galega, afirmaba que a súa alternativa non era de dereitas nin de esquerdas, nin nacionalista nin centralista. A xente o que quere é que lle solucionen os seus problemas, repite cunha desenvoltura discursiva que evidencia a máis deplorábel amoreamento de frases feitas e estereotipadas, en confluencia abusiva, como catecismo para saír do paso sen contestar a nada, contentar incautos e anunciar a boa nova da novidade, valla a redundancia. Un se pregunta se se reduciu tanto a capacidade discursiva e crítica da sociedade como para non decatarse de tanta trapallada propagandística ou é que se prefire a evasión que facilita camiñar cómodo polos campos da demagoxia máis simplista sen maiores compromisos. Podemos prometer o paraíso sen enunciar verdadeiras alternativas á situación actual, como é lóxico todas elas conflitivas, de seren reais. Sei que algo disto se dá en todas as alternativas que se din contrarias ao estado de cousas existentes, sexa cal for a súa perspectiva e os seus obxectivos. Mais na que emerxe como panacea dáse en grao tan sublime que resulta obsceno, sen a mínima cautela.

Resulta paradoxal que se condene a casta política, aquela á que se atribúe as eivas, miserias e corrupcións do réxime, mentres se practican algunhas das súas características formas de proceder con excitación máxima: a importancia do aparente que se vale da ambigüidade calculada, as abstraccións sen consecuencias, a política como un ring electoral e electoralisa, un espectáculo, mellor se é televisado e reducido ao círculo dos admitidos, a sacralización das institucións, en particular os gobernos, como o poder, identificado en cabriola ben sintomática co paraíso prometido, e o personalismo e o individualismo máis exacerbados. O líder carismático é á vez o xefe indiscutido, do que emanan, acompañado pola súa reducida e endogámica equipa universitaria, os ditames indiscutíbeis, inequivocamente ao seu gusto. Non en balde cohabitan nos seus discursos e proclamas unha forma de moralismo puritano e intransixente, para atacar a vella casta política, coa máis descarnada apetencia por lograr obxectivos electorais que os leven a substituíla nas poltronas, que identifican co poder. Móvense a golpe de enquisa, ben favorecidos non se sabe por que estraño e aparente síndrome de Estocolmo, polos medios de comunicación que os tratan como se foren a primeira forza política do que catalogan como oposición, sen estaren aínda validadas tal apreciación ou hipótese polas urnas. Curioso comportamentos este dos medios que non respectan o pluralismo político existente á hora de informar sobre as posicións e orientación de voto de todos os grupos presentes no Congreso dos Deputados, por exemplo, eles si lexitimados polas urnas!!!. A inquietude, desacougo, rabia ou exasperación sociais perante o fenómeno da corrupción, sempre acoutada ao ámbito político, canalízanse por unha análise puramente individual e ad hominem. Aquí o que falta é honradez e eficacia. Sobran chourizos. Claro que, se as acusacións de corrupción atinxen algún dos dirixentes da boa nova puritana, por apareceren lixados polos negocios ou polos favores e prebendas de institucións endogámicas e elitistas, entón se trata dunha cacería política. Porén, estamos no terreo embarrado do que eles pretenderon sempre tirar proveito. Mentres, os negocios de verdade seguen o seu curso, e os poderes oligárquicos contemplan, entre divertidos e cautelosos, pero sen estaren quietos, como evolúe a situación, e como influír nela, para que todo estea atado e ben atado. Xa se sabe: a unidade de España é intocábel; a Unión Europea, indiscutíbel; o sistema capitalista, insubstituíbel.

Velaquí a cuestión: como non se pode nin quere mudar o sistema nin os piares fundamentais do réxime, non cabe máis que maquillar, retorcer, alambicar, xogar coas aparencias. E que mellor que o recurso ás mudanzas superestruturais, se é no terreo das formacións políticas, tanto mellor, pois son elas as desprestixiadas polas miserias do sistema? Deixemos a salvo as institucións do réxime, e por suposto non afondemos nas causas reais que provocan tanto paro, recortes en gastos sociais, involución en materia laboral, precariedade e salarios de miseria. Estas lacras poden e deben ser usadas na confrontación política e electoral como arma arreboladiza, pero como se se trataren de elementos que nada teñen a ver co deseño político e económico do Estado español e da Unión Europea. É máis, a súa vinculación aos deseños políticos de fondo, óbviase, como se foren só un problema de gobernabilidade. A sociedade actual, en particular os pobos da periferia do sistema, estamos apreixados nunha trampa que nos resistimos a recoñecer. Se o único sistema posíbel é o capitalismo, e o socialismo é unha quimera, haberá un capitalismo desigual, imperial e especialmente oligárquico, centralizado, letal para nós. Se non hai dereita nin esquerda, senón eficacia e bo goberno, haberá despolitización politizada, a dun fascismo con formas liberais. Se o nacionalismo está superado pola globalización, haberá a España centralista e autoritaria de sempre. Se a soberanía dos pobos está periclitada, non é necesaria, a Unión Europea será só un mercado único, xerarquizado politicamente, no que España será un Estado periférico e dependente destinado a exercer un dominio asfixiante e destrutivo sobre Galiza, en concreto….Pretenden que nos cozamos na impotencia de a única aspiración ser aceitar o realmente existente, o estado de cousas, e todo o máis participar da súa xestión.

Recapitulemos as características do que, no escenario político, emerxe como novo: valor da aparencia, demagoxia, ambigüidade, puritanismo, electoralismo, identificación da promesa do paraíso co acceso aos gobernos. E non podemos deixar de constatar prácticas que lembran condutas, moral e ideoloxicamente, aborrecíbeis: a intriga, a infiltración, perfectamente deseñadas para favorecer a irrupción e a aparición propia, desestabilizando, denigrando e escindindo a outros, onde se aparenta estar militando até o momento oportuno. Deste tipo de condutas tivemos os nacionalistas galegos experiencia en todo o proceso anterior e posterior a Amio, precisamente por conta de xente entregada xa, en plan sucursalista, a operacións de longo alcance, dunha forma que anula toda cacarexada honestidade política en quen as practica. Difícil é que quen así actúa poda rexenerar nada. E non podemos esquecer o españolismo que vertebra o discurso emerxente. A evocación do 2 de maio ou do Quixote en versión simbólico racial, como fixo o líder carismático na Porta do Sol madrileña, non deixan lugar a dúbidas de eles beberen nunha historia mítica de España, de que aspiran a que siga sendo a nación única, grande e europeista. E, desde logo, xa son máis efectivos para iso que o bipartidismo PP-PSOE.

Non vou negar que esta política emerxente como nova responde a unha necesidade social. É sen dúbida un produto social, pero non tan espontáneo como se nos quere facer crer. Tamén é un fenómeno dirixido e impulsado. Á crise do bipartidismo hai que lle dar unha resposta política, desde e dentro do sistema e do Réxime. Se no caso de Podemos, o proceso de incubación, conformación, lanzamento e consolidación expresa certa complexidade, que non desmente a súa funcionalidade, ao cabo amparada e impulsada para a redefinición do sistema de partidos, temos á vista un caso máis claro e rechamante pola rapidez con que moitos poderes mediáticos, fácticos, decidiron levantalo como partido de ámbito estatal, con réditos electorais á vista, desconfiados de o PP poder manter unha porcentaxe suficiente de voto para gobernar só, e a alternativa de UPyD resultar incapaz por gastada. Non sexamos tan inxenuos como para pensar que, en política, hai casualidades e que non se pode modelar e moldear a conciencia social. Mesmo noutras épocas históricas, cando o papel dos medios de comunicación era ben menos incisivo, elaboráronse deseños para pretender recuperar a lexitimidade do réxime, deteriorada, entre outras cousas pola corrupción abafante dos partidos turnantes. Coa Ditadura de Primo de Rivera chegouse a meter na cadea a centos de caciques medios e matóns na Galiza como proba de que se iniciaba un período de honradez na política, baseada no apoliticismo e a eficacia, e no servizo a España, unha e grande. Máis de un quedou algo confundido nun primeiro momento….

Neste deseño, nestas circunstancias, os nacionalistas galegos témolo difícil. Porén, o camiño é non deixarse confundir. Non entramos naturalmente no seu deseño. Este deseño esixe a desaparición do nacionalismo. É posíbel que logren paralizalo, nuns casos, reducilo, noutros. Pero nin desaparecerá nin deixará de ter relevancia institucional a curto e medio prazo, sempre que opte por existir por si e defender os seus criterios, nesta fase crítica. O máis grave para o pobo galego sería non contar por abandono de responsabilidades cunha forza política propia, sen dependencia do exterior, porque vai ser a única atenta aos intereses da maioría social galega e a unha perspectiva de futuro para Galiza. Non é unha nova política emerxente á que nos imos enfrontar. É a vella política, disfrazada, con elementos e resortes para despistar. Faríamos ben en intentar combatela tamén co debate ideolóxico, coa formación e información cultural sobre o país e o mundo no que vivimos e con alternativas que superasen sempre o cariz do demagóxico, aparencial e electoralista, organizando o noso pobo cunha perspectiva de medio e longo prazo tamén.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.