Muller e Gorongosa aproando cara a conservación da biodiversidade

Muller e Gorongosa aproando cara a conservación da biodiversidade
A conservación da biodiversidade semella oposta ao crecemento do produto interior bruto. Ou iso é o que pretenden que creamos algúns economistas doentes de cegueira ambiental.

Cando tratamos de traballar no ámbito da conservación da biodiversidade enfrontámonos a grandes retos, e sobre todo a unha importante porcentaxe do produto interior bruto tras do cal sitúanse numerosos sectores sociais que non están dispostos a renunciar aos seus autoimpostos privilexios sobre a natureza, habitualmente "sólido" argumento do contido das sagradas escrituras.

Podería falar da recente visita a un desesperado equipo de investigación mariña, dun país veciño, ao ver como despois dos seus imporvos esforzos en averiguar algo sobre a dinámica de poboación das especies ameazadas comproban como os seus documentos son devoltos dende arriba con borróns e rectificacións agardando de que os cadriños vermellos sexan tornados a verdes (falla de ética), mais non pola mellora da especie ou do medio, senón pola política de moda (triunfo da estética) e, sen dúbida, pola presión da industria (o particular), sobre a administración que debería xestionar o de todas (o común).

Ou tamén podería falar de como equipos de investigación mariña languidecen e esmorecen pola pasividade, este caso si no estado que nos acubilla, pola desidia política da ausencia de orzamentos do estado e polo desinterese no mantemento dos criterios ou tarefas de conservación da biodiversidade, que o propio estado asina e asume, mais o feito de non levalas a cabo non fai, nin tan sequera por asomo, poñerse colorado a ninguén, nin aos "tirios" nin aos "troianos".

Por tanto, os estados, no canto de ser a solución e a proa da conservación da biodiversidade convértense nun farallón máis no labirinto desta complexa navegación, e, os axentes directamente implicados, frustrados e coa caluga dorida de ollar para arriba, temos, unha vez máis, que buscar cara abaixo.

Abaixo, e como imos dirixir o pesado e difícil pau maior da conservación dende abaixo?, non temos repetido ata a saciedade iso da transformación social dende abaixo?, apliquemos pois os seus principios.

Mais, para analizar como levar a cabo estas tarefas dende abaixo temos que buscar iniciativas noutros lugares, afastados, con recursos limitados, mesmo pobres, mais que non abandonan a súa responsabilidade social nin ambiental coa ilusión de construír mundos diferentes, que non novos. Deste xeito, e case de casualidade, chegamos á información provinte do Parque Nacional da Gorongosa, Moçambique (https://www.gorongosa.org/pt/blog-tags/clubes-de-raparigas), onde un dos alicerces fundamentais para a conservación da natureza, despois da guerra que decimou a sociedade, o medio e as especies, foi a constitución dos Clubes das Raparigas, como unha das solucións á vía do desenvolvemento social baseado no empoderamento da muller na sociedade local.

As nenas son as máis afectadas pola pobreza en todo o mundo. Os “Clubes de Raparigas” abordan a educación das raparigas, a súa seguranza persoal, a nutrición e o acceso a planificación familiar. Asumen plenamente as directivas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) da ONU, oito propósitos de desenvolvemento humano fixados no ano 2000, que os 189 países membros das Nacións Unidas acordaron conseguir para o ano 2015, e que por suposto non lograron, mais iso non invalida o razoamento.

O 40% das mulleres moçambicanas adolescentes entre 15 e 19 anos eran nais, pola contra, o 70% son analfabetas, 81% nas áreas rurais, por tanto con poucas oportunidades de emprego no mercado laboral. As meniñas e as mozas constitúen 71 por cento das novas infeccións polo HIV entre os adolescentes da África Subsariana.

Aquelas mulleres entenderon que cumpría mudar esa situación porque cada rapariga merece unha vida saudábel, educación e decidir sobre a súa vida.

Nos “Clubs de Raparigas” poden ler, estudar, coñecer o Parque da Gorongosa, participar en actividades recreativas, aprender sobre seguranza persoal, saúde, nutrición e planificación familiar, asumindo papeis de liderado, organizando eventos, elaborando informes e actividades, tornándose elas propias en exemplos para as restantes. Intégranse nos obxectivos da conservación do Parque Nacional da Gorongosa coma unha luva a unha man, son o futuro dunha xeración, das mulleres moçambicanas e da restauración da natureza, se conseguen este último obxectivo terán acadado os seus propios. Simplemente véxoas como unha esperanza real e exemplificadora planetaria.

A partir desa potente ferramenta social de protagonismo con nome feminino, aparentemente tan afastada do medio natural, chégase a acadar a conservación ambiental do territorio e da biodiversidade, a vida en paz social e coa natureza, porque xa o dixemos moitas veces humanidade e natureza son a mesma cousa, non o digo eu, senón que xa o argumentou sobradamente Karl Marx hai unha boa presada de anos.