Micropartículas do amencer

Micropartículas do amencer

O amencer na casa da avoa traía moitas sensacións inusuais para min, o ulir do estrado, o urrar da vaca, o son do leite ao caer o chorro a presión na tarteira baleira ao principio do muxido...Mais tamén había algo peculiar que non había na miña casa, era que o sol entraba directamente polo leste, nunhas potentes raiolas, as primeiras do día, que atravesaban as ventás do salón.

Nese fenómeno luminiscente do amencer descubrín que o aire que respiramos, transparente á vista, estaban cheo de partículas pequenísimas que trataba de coller coa man. Ese xogo era un xogo da casa da avoa, mais era un exercicio empírico sobre a materia en suspensión.

Pregunteime durante moito tempo de que estaban constituídas aquelas pequenas partículas que insultaban a lei da gravidade negándose a caer ao chan. Para iso, batía nelas cun coxín multiplicando aquelas partículas ou movía a man obrigándoas a producir mil reviravoltas nos remuíños do aire que producía. Pouco a pouco fun descubrindo que a orixe eran os pequenísimos fragmentos da tea da roupa, do papel, da fariña, da terra, de moitas cousas que aparentemente eran moi sólidas, mais que producían micropartículas que constituían aquel aparentemente invisible sarillo. O po, como as pantasmas da caída da noite, era algo só apreciable temporalmente, ao encetar o día.

Non sei se hai nen@s que aínda se marabillan con este efecto da mañá, hoxe as casas están moi limpas, ou máis limpas ca antes, e os aparellos aspiradores e robots limpadores son bastante eficientes no seu labor. Por outro lado, ademais desa diferenza nos tempos, tamén atopariamos moita diferenza na composición.

Imaxinemos que puidésemos ter gardado un frasco de marmelada cheo de aire. Naqueles días da infancia xogamos a atrapar po co frasco, e logo ficou esquecido no faiado. Imaxinemos que hoxe, a causa do arranxo do tellado da casa vella, houbo que desmontar os trastes, e vai e atopamos aquel esquecido bote de 1970, xa coa tampa enferruxada, mais perfectamente pechado, contendo aire daquel tempo. Repetimos a operación collendo po actual, e logo levamos a analizar ambos os contidos.

A sorpresa do resultado sería que nos compoñentes de sólidos en suspensión dos anos 70 habería moita cinza da lareira, restos vexetais, pluma e pelo de animal: rula, pomba, gato, can, vaca e ovella, restos de insectos e algo de roupa de orixe natural, como liño, algodón e la, algo de fibras de papel, cabelos humanos e restos de epiderme diversa. Mais no bote actual algúns compoñentes non serían atopados, como a cinza ou a roupa natural, os restos de insectos ou o pluma e pelo de vaca e ovella. En cambio sería moito máis abundante a fibra de papel e sobre todo unha multitude de formas e cores que eran inexistentes daquela, son os compoñentes plásticos, microfibras de plásticos de todo tipo e de diversa composición que pouco a pouco, silandeiramente, van substituíndo o po e a propia superficie do planeta.

Hai moitas ameazas ambientais no mundo, causadas pola actividade humana, a maioría son percibidas, mais non por iso se lles pon remedio. Porén, ai daquelas que nin se ven nin se aprecian!. É máis, aquelas que semellan algo que parece que sempre estivo aí, como as inocentes partículas que só poden ser vistas no sol do amencer.