Meirás non interesa tanto coma O Val dos Caídos ao españolismo

Meirás non interesa tanto coma O Val dos Caídos ao españolismo

Este venres 28 pasarán a declarar as 5 primeiras compañeiras das 19 de Meirás polo xulgado d e Betanzos. É xa ben coñecido o feito de que 19 persoas fomos denunciadas pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador por unha acción simbólica de protesta pacífica para reivindicar a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, nun xuízo que nun estado normal xa nin sequera chegaría a producirse, pois dita fundación, que realiza apoloxía da ditadura franquista, estaría ilegalizada.

Porén, non é ese o motivo deste artigo, senón unha cuestión que saíu a relucir tras o cambio de papeis producido no Parlamento Galego, no cal tras o cambio no goberno do estado que situou a de Pedro Sánchez coa presidencia, é o PSOE quen actúa totalmente coma lacaio do goberno central mentres o PP di defender os intereses de Galiza, o contrario do que aconteceu nos dous anteriores anos de lexislatura con temas coma a transferencia da AP-9 a Galiza ou o propio Pazo de Meirás.

Resulta canto menos chamativo que mentres unha das grandes medidas do PSOE a nivel estatal é a exhumación dos restos de Franco do Val dos Caídos, en Madrid; un exemplo máis das medidas cosméticas e sen fondo real que propón o goberno de Pedro Sánchez, mais cando se trata de Meirás ou do patrimonio roubado pola familia Franco na Galiza iso xa non interesa tanto.

Só dar grandes titulares a nivel estatal, ese é o obxectivo do goberno central, ao cal só lle interesa Madrid, e no cal Galiza segue a reproducir un rol dependente e colonial, e co que se segue a cometer un agravio tras outro cara o noso pobo; porque do mesmo xeito que Meirás son exemplos disto as altísimas peaxes da AP-9 e o prezo da electricidade, tendo en conta a cantidade que se produce na nosa terra, co prexuízo ambiental que iso supón.

Aínda sendo positivo que se retiren os restos de Franco dun monumento público, iso non é máis ca a punta do iceberg da ofensa que representa para a democracia que aínda vivamos nun réxime directamente herdeiro da ditadura, no cal o patrimonio roubado na Galiza segue en mans da súa familia, no que franquistas declarados seguen nas institucións políticas e xudiciais, e no que xuízos sumarísimos totalmente indecentes coma no que se condenou a morte a Alexandre Bóveda non foron declarados nulos.

É por iso que como nacionalistas galegas non podemos facer outra cousa que reivindicar que se remate cos restos do franquismo, non só cos de Franco, e isto implica tanto a devolución de todo o patrimonio roubado, a reparación das vítimas, como a eliminación do réxime político-xurídico do 78, que só se acadará coa loita das nacións sen estado pola súa independencia.