Marabillas do consenso


O sistema capitalista é atravesado por moitas contradicións. O uso da forza é, as veces o medio a que recorre a oligarquía dominante cando estas poñen en perigo o seu poder, malia que o seu uso non é o máis desexábel para as minorías beneficiarias deste sistema, polo seu custe, grao de inestabilidade e perigos que comporta. Mais tamén nunha época de crise económica como a presente, pode ser unha vía para unha saída capitalista imperialista. A Globalización é un proceso mundial de xerarquización imperialista, baixo un único Poder Imperial dos espazos nacionais e estatais. Hoxe o papel centralizador global o desenvolve os EUA. Aquelas nacións e Estados que defenden a súa Soberanía son os maiores atrancos para este proceso global. Fronte a este emerxe un bloque alternativo de nacións soberanas, algunhas moi poderosas, os BRICS que non seguen os seus ditados, e aquí reside hoxe o ANTAGONISMO principal da loita de clases global, nun tempo de crise económica do capitalismo imperialista, obrigado a buscar a indispensábel recuperación da taxa media de ganancias, que é a condición do funcionamento dunha economía produtiva, de produción de máis valía, e, xa que logo, nunha época pouco propicia para acordos e pactos sociais, o consenso en fin, que nos países do centro do sistema constitúe o fundamento, a razón de Estado, dos réximes políticos do Bipartidismo parlamentar.

Este modelo require dous partidos ou blocos representativos dos polos antagónicos principais, a minoría explotadora e a maioría explotada. Unha dereita e unha esquerda enfrontadas para que loiten entre elas e logo poidan chegar a acordos para poder articular a colaboración de clases, sen destruír o sistema de explotación capitalista, substituíndo o antagonismo polo “non antagonismo con intereses distintos”, mediante o consenso político e social. Mais para que este consenso sexa aceptábel para unha reconciliación política e social, como aconteceu no Estado español coa transición do franquismo a democracia parlamentar, necesítase dunha representación política e social de todo o ámbito estatal, que negue os dereitos dos pobos e nacións baixo o Estado español. Cada polo debe xogar o seu papel con realismo e a través da alternancia no Goberno. Uns defenderán aos ricos, aos de arriba e os outros aos pobres, aos de abaixo, buscando integrar no posíbel as diferenzas nacionais neste xogo bipolar, para poder ter unha colaboración social efectiva, nun Estado con liberdades democráticas formais, que posibilita a dominación pacífica dos pobos oprimidos e das maiorías sociais explotadas, e, xa que logo, necesítase dunha dereita e dunha esquerda representativas de ámbito estatal.

Porén, nun tempo de crise como o actual, resulta difícil cando non imposíbel, satisfacer as necesidades inmediatas das maiorías sociais, alimentos,vivenda,sanidade...pois a recuperación da taxa de ganancias é prioritaria, resultando imprescindíbel para o funcionamento do Capital. Nesta nova situación os representantes da esquerda política e social vólvense inútiles e perden a súa credibilidade. A crise do Bipartidismo está servida, pois se necesitan dous xogadores válidos, dous antagonistas permanentes para a alternativa de recambio, que sexan recoñecidos polo conxunto dunha sociedade bipolar e así manter o consenso básico. Se falla algún deles o sistema coxea dunha pata e se tende a desestabilizar.

No conxunto de Europa asistimos a crise da socialdemocracia e da propia UE, cada vez máis dependente dos EUA. No imperio estadounidense avanza a exclusión social. A política é cada vez máis asunto dunha minoría de cidadáns privilexiados fronte unha masa de marxinados en aumento, produto da concentración da riqueza nuns poucos.

No Estado español, o máis servil do Imperio USA-UE, a crise da esquerda españolista representada principalmente por un PSOE que cada vez máis se distingue menos da dereita, do PP, o fai perder capacidade para poder exercer de alternativa, e de alternancia no Goberno. O sistema parlamentario do Bipartidismo españolista necesita tanto da dereita como da esquerda, e nestas circunstancias crease a necesidade dunha verdadeira esquerda españolista, que poida exercer como tal.

O xurdimento de PODEMOS responde a esta lóxica dialéctica da necesidade e da casualidade. Noutras condicións posibelmente non xurdiría. É precociñado na Universidade madrileña, xerando novas posibilidades para unha recuperación e renovación da esquerda españolista (aínda que non se postule como tal; tamén aconteceu coa crise da dereita españolista, con UCD que non se presentaba como dereita polo descrédito herdado do franquismo). O certo é que hoxe a dúbida está en quen obterá máis votos, se PSOE ou PODEMOS.

Ante o desencanto social producido polo fracaso da UE e a súa dependencia servil dos EUA; PODEMOS aprestase a defender a Soberanía de España. A Independencia do Estado español ante o falso patriotismo do PP. Mais esta aposta é unha via morta, unha falacia .No pasado o franquismo tivo que entregar a Soberanía de España aos estadounidenses, para poder manter a viabilidade do Estado español.A falanxe española defendeu a idea de España –Nación baseándose nas ideas do marxista austríaco Otto Bauer, que propón una idea de Nación como un destino colectivo común, ante a complexidade inestábel do desaparecido Imperio Austro –Húngaro, e así os falanxistas definían España como “unha unidade de destinos no Universal”. Non resulta gratuíto que Yenestrillas, coñecido líder da extrema dereita españolista, apoie e se identifique con PODEMOS polo seu declarado patriotismo español.

Mais todo isto é un brinde ao sol, pura propaganda electoralista, pois na realidade non é posíbel a Soberanía de España, porque España é un Estado e non unha Nación. España non duraría nin cinco días se non contara cun Estado, a diferenza da nosa Galiza que si é unha Nación sen Estado dende hai máis de cincocentos anos. España é un Estado cuxa función é a suxeición dos pobos e nacións do territorio que controla, exercendo a súa dominación de clase mediante a opresión dos pobos e nacións do seo territorio estatal español en beneficio da oligarquía españolista. Diso veñen os conflitos coas burguesías nacionais catalán e basca, e a necesidade do estabelecemento dun consenso (Estado das Autonomías) para manter a estabilidade política e social. Sen esta función España no existiría, por ser incompatíbel co dereito dos pobos á Autodeterminación e a súa Soberanía.

PODEMOS pode ter futuro como un instrumento para servir a restauración dun renovado Bipartidismo español, independentemente das reformas e novas formas estatais que se adopten cun novo consenso, sempre que se manteña o Estado español coa súa función antidemocrática e represiva dos pobos e nacións que habitan nel e a súa submisión ao Imperio, para que o Estado español estea protexido e non desapareza. Así se pode continuar cunha política de consenso e colaboración social, sen ter que satisfacer as necesidades inmediatas populares, mantendo a esperanza na chegada de tempos mellores coa recuperación da taxa de ganancias do Capital, mentres o pobo o soporte, tentando de desactivar as loitas pola emancipación das nacións e pobos oprimidos polo Estado español. A única vía posíbel para a satisfacción das necesidades populares só pode vir coa Soberanía dos pobos e nacións que loitan no mundo contra o Imperialismo unipolar e globalizador. As loitas de liberación nacional que hoxe se libran no Estado español conducen a súa liquidación co exercicio do dereito a autodeterminación, que é a condición necesaria para acometer a satisfacción das necesidades inmediatas dos pobos, ao permitir o control dos seus recursos coa conquista dunha democracia nun Estado propio Soberano. Esta tarefa só pode vir da man das e dos nacionalistas, nunca do españolismo.

As distintas nacións e pobos que hoxe habitan baixo o Estado español teñen características moi variadas, mais o máis común é a existencia de fortes burguesías nacionais nas nacións históricas, agás na Galiza. Estas burguesías nacionais son hoxe o mellor medio social para a defensa da lingua, cultura e as identidades nacionais ante as permanentes agresións do españolismo. Galiza, pola contra, tendo as máis sólidas características que definen unha Nación é a mais vulnerábel a estes ataques, pois non dispón no plano económico de centros de acumulación propios sustentábeis, tendo por iso a condición dunha moderna colonia no interior de Europa, é, xa que logo, carente dunha burguesía nacional. o que supón a curto prazo unha importante eiva para o noso país.

Con todo, o que hoxe é unha eiva, mañá a máis prazo, pode ser unha vantaxe fronte as outras nacións, cando o pobo traballador galego poida exercer os seus dereitos, e conquiste a Soberanía Nacional, dispondo dun Estado propio, sen ter que soportar nesta viaxe a compaña dunha burguesía nacional decadente, vacilante e oportunista como acontece noutras nacións e pobos peninsulares.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.