Manuel Noriega Cortina: un comerciante liberal asturiano na Coruña (e II)

Manuel Noriega Cortina: un comerciante liberal asturiano na Coruña (e II)

Logo de abandonar México, e aínda que coidamos que chegou algo antes, non puidemos documentar a Noriega na Coruña ata o padrón de 1827, no que figura, como comerciante, residindo no Cantón Grande, 19, cos súa esposa Ángela, co seu cuñado José Fabal e persoal de servizo. En 1830 segue no mesmo enderezo, con Ángela, a súa filla Rita, unha tal Dª Andrea, un dependente (Angel de Ugarte), e un servente. (Deberan morrer xa os seus fillos José Manuel e Josefa Teresa). Múdanse e en 1833 xa moran na rúa Real, 28, posiblemente xa viúvo, e falecida a súa filla. Viven con el o citado Ángel Ugarte, o seu sobriño Ramón Noriega, e persoal doméstico.

Casa en segundas núpcias en 1835, na igrexa de San Xurxo, con Ana María Segade Veira (Meijide, “La primera...”, p. 122), dunha moi destacada familia de Rutis (Culleredo), tía do escritor Ramón Segade Campoamor e do alcalde republicano da Coruña Federico Tapia Segade.

No padrón de 1836 segue residindo na rúa Real, 28, con Ana, os seus sobriños Ramón e María Noriega, o citado Ángel de Ugarte e varios criados e criadas. Vemos aos mesmos membros da familia no padrón de 1844, no que xa non aparece Ugarte, e con novo persoal ao seu servizo. Por último, nos padróns de 1850 e 1852 (sempre en Acevedo, 28 –antiga rúa Real- reside con Ana, o seu sobriño Ramón, así como con doncelas, criados e criadas, cocheiro…. (Tomamos os datos de diversos padróns na web familysearch.org).

Respecto das súas actividades económicas, nun censo de comerciantes de 1830, figura como dos de “Clase por mayor”. (Antonio Meijide Pardo, “Censo de comerciantes coruñeses en los años de 1830 a 1845”, pp: 49-70, en Antonio Meijide Pardo, Temas y personajes de la historia coruñesa contemporánea, A Coruña, 1997, p. 54).

O 2-4-1833, debido a un incidente marítimo, nunha declaración en Santoña do capitán da bombarda "Nuestra Señora del Pilar", este manifestou que o día 29 de marzo saira do porto da Coruña cargado de “Azúcares, Habichuelas, perchería y otros efectos”, con destino ao porto de Santander “por cuenta de Don Manuel de Noriega Cortina y demás del comercio de La Coruña…”. (Luis de Escallada González, “Protestas de mar en Santoña II (1820-1850). Un día en Santoña”, pp: 60-235, Altamira, tomo LXXVI, Santander, 2008, p. 96-97). Quizais por iso lle preocupaba a seguridade das operacións comerciais por mar: en 1841 figura como socio da Compañía de Seguros marítimos La Integridad (Meijide, “Censo...”, p. 67). Segundo Mariño, comerciaba sobre todo con Cádiz. (2009, p. 531-532).

Manexaba moito diñeiro (en 1834 calculóuselle un haber anual de 15.000 reais), e adquiriu moitas propiedades, sobre todo na barriada de Garás (A Coruña) e na parroquia de Rutis (Culleredo); tamén facía empréstitos. (Meijide, “La primera...”, p. 122). En 1840, coa desamortización, fíxose cun lugar en Labañou (parroquia de San Pedro de Visma), consistente nunha casa-labor, 10 anacos de terra de labradío, monte e prados…, das monxas de Santa Bárbara da Coruña, rematándoo en 102.000 reais. (Boletín Oficial de Cáceres, nº 73, 18-6-1840, p. 2). A finais de 1843 encontrámolo exercendo como “Director de semana” da “Caja de Ahorros de la Coruña”. (Boletín de Noticias, nº 543, A Coruña, 30-10-1843, p. 3, e nº 589, 20-12-1843, p. 3).

Foi tamén accionista da fábrica de vidro da Coruña. Esta fora creada por Juan Antonio del Adalid y Loredo e Francisco Gurrea Martínez, solicitando en 1828 privilexio real para instalar unha fábrica de botellas de vidro escuro e de cristal branco, asociándose a eles, en 1830, José Antonio Münch Fernández. Ao ano seguinte, como o negocio non ía ben, entraron como socios tres importantes comerciantes, José Dionisio Leal, José Benito Español e Noriega, que puxeron como condición a saída de Gurrea e Munch. Cumpridas por Adalid as condicións, a nova sociedade constituiuse o 16-12-1831. Seguiron uns anos funcionando ben, mais volveron a xurdir desavinzas entre os socios, continuando Leal, Español e Noriega coa industria. O 22-6-1847 fúndase na Coruña a sociedade “Unión Vidriera”, que agrupaba ás fábricas de vidro da Coruña, Avilés e Xixón. A primeira Xunta Directiva (que tiña a se na Coruña), conformada por un representante por fábrica, formábana Juan Menéndez (Oviedo), Domingo Conde (Avilés) e Noriega (A Coruña). Mais novos problemas provocarán a súa disolución en outubro de 1852. (Por non sernos exhaustivos, para a historia desta fábrica remitimos a Meijide, “La primera...”, e a Francisco Crabiffosse Cuesta, “Los orígenes de la industria del vidrio en Asturias (1827-1853)”, pp: XIX-LXXII, en AAVV, Arte e industria en Gijón (1844-1912). La fábrica de vidrios de Cifuentes, Pola y Cía, Oviedo, 1991).

Debido á súa boa posición económica -integrábase no grupo dos maiores contribuíntes-, e ao seu prestixio, o Concello da Coruña elixiuno perito repartidor de Tributación sobre riqueza agrícola e inmobiliaria en 1832 e 1834 (no Barrio 3º, docs. de 11-6-1832 e 1-5-1834). (Meijide, “La primera...”, p. 122). O 22-4-1834 asiste a unha xuntanza no Concello, con concelleiros e maiores contribuíntes, para elixir aos xefes e oficiais da Milicia urbana; e o 14-6-1834, os 19 maiores contribuíntes (nos que se inclúe), pasan a formar a Xunta Electoral do partido. (José M. Fernández Caamaño: La Coruña vista desde sus libros de actas. II Parte, Madrid, 2004, p. 96, 98). E, en documento de 19-12-1836, a Xunta Superior de Armamento de Galicia fai un repartimento a fin de contribuír ao dispendio causado pola guerra carlista ao erario público, asignándolle a Noriega 4.000 reais. (Meijide, “La primera...”, p. 121 e nota 39). A finais de 1842 é un dos “doce jueces de hecho” que emite setencia nunha demanda relacionada coa liberdade de prensa. (Gaceta de Madrid, nº 2975, Madrid, 30-11-1842, p. 3).

Tivo igualmente activa participación en diversas entidades. En 1828, por exemplo, era un dos dous cónsules da Xunta de Goberno do “Real Consulado” da Coruña; tamén formaba parte do Tribunal de 1ª instancia do mesmo. (Guía mercantil de España, año de 1829, publícala por Órden del Rey Nuestro Señor, el Real Consulado de esta capital, Primera parte, Madrid, 1828, p. 461). En agosto de 1835, era Prior da entidade. (Xosé Ramón Barreiro Fernández: “O liberalismo coruñés: a segunda xeración (1823-1846). Discurso lido na recepción pública do 14 de febreiro de 1997. https://academia.gal/documents/10157/27090/Xose+Ramon+Barreiro+Fernandez.pdf).

En 1834 foi nomeado socio correspondente da “Sociedad Económica de Lugo”. (Meijide, “La primera...”, p. 122) e, en agosto de 1841, participa na fundación da “Sociedad Económica de Amigos del País” da Coruña, figurando na sección de Comercio. (Antonio Meijide Pardo: "En 1841 se creó en A Coruña la Sociedad Económica de Amigos del País", Anuario Brigantino, n.º 22, 1999, pp: 179-189, p. 183). En 1843 foi directivo da “Asociación de Propietarios Territoriales de España” para a provincia coruñesa. (Boletín Oficial de la Provincia de la Coruña, n.º 70, 3-5-1843), e en decembro de 1846 é elixido tesoureiro, para 1847, da sociedade “Liceo Artístico y Literario” da Coruña. (El Faro Coruñés, nº 8, A Coruña, 12-12-1846, p. 1).

Quédanos, por último, a súa actividade no ámbito político e institucional. A primeira noticia da que dispoñemos lévanos aos acontecementos do verán de 1835, co Goberno do conde de Toreno. A Coruña fíxose eco do malestar xeral, liderando o capitán xeneral, Morillo, unha revolta contra Toreno. O 26 de agosto o gobernador civil, Ventura de Córdoba, preside a sesión do Concello coruñés, informando que o pobo está exaltado: ante a gravidade da situación, era preciso adoptar algunha resolución. Preséntase entón unha moción, que é aprobada, na que se pide que se convoque ás forzas vivas da cidade. Ao día seguinte, 27 de agosto, celébrase unha nova sesión, á que asisten o gobernador civil, o rexente da Audiencia, o Intendente da provincia, o Alcalde Maior, o Auditor de Guerra, o Prior do Consulado (Manuel Noriega Cortina), o vicepresidente da Xunta de Comercio, o gobernador militar, o Presidente do Concello, unha representación de burgueses e facendados e os concelleiros do Concello. Mentres debaten no salón de sesións, o pobo berra na praza, pedindo eleccións, convocatoria de Cortes e supresión das ordes relixiosas, apoiado pola Milicia Nacional. Detívose a sesión para parlamentar coa representación popular, que esixía a declaración de independencia da cidade e provincia e a constitución dunha Xunta que asumise o poder mentres o Goberno non accedese ás demandas. Esta Xunta Auxiliar, presidida por Morillo, constituiuse o 11 de setembro, publicando un contundente Manifesto dirixido á raíña. (Barreiro, “O liberalismo...”, art. cit.; Eugenio Carré Aldao, "Alzamientos de la Coruña. El de 1835 (continuación)", Revista Gallega, nº 402, A Coruña, 30-11-1902, p. 4-5 -Noriega é un dos que asina o manifesto do Concello o 27 de agosto-; Ana Romero Masiá, A Coruña liberal. 1808-1874. A loita polas liberdades a través da documentación municipal, A Coruña, 2005, p. 83-89). Noriega é tamén unha das personalidades que asinan a exposición, dirixida á raíña gobernadora, datada na Coruña o 23-9-1835, na que os membros da citada xunta auxiliar, cumpridos os obxectivos para a que fora constituída, disolvíase, agardando “que la calma, el orden y la paz sucedan á la inquietud, á la agitación y á los peligros en que nos sumió el fatal empeño de contrariar la marcha progresiva que la nación apetece”. (Eco del Comercio, nº 516, Madrid, 28-9-1835, p. 1).

O seu nome chegou a ser proposto, nun escrito datado na Coruña o 28-6-1836, asinado por un elector como “Un español”, dentro dunha candidatura para as eleccións a Cortes que se ían celebrar. (El Español, nº 250, Madrid, 7-7-1836, páx. 1). Mais o certo é que definitivamente formará parte dunha candidatura pola provincia de Oviedo, integrada por relevantes liberais como Agustín Argüelles ou Evaristo San Miguel, resultando electo deputado para as Cortes Constituíntes de 1836-1837. (Vid. entre outros, índice histórico de deputados en http://www.congreso.es; Gaceta de Madrid, nº 684, Madrid, 24-10-1836, p. 4).

Aínda que inicialmente Noriega envía un oficio, lido en sesión das Cortes do 1-12-1836, manifestando, dende A Coruña, que unha febre catarral impedíulle presentarse nas Cortes, pero que o faría á maior brevidade (Eco del Comercio, nº 947, Madrid, 2-12-1836, páx. 4) e, noutra sesión posterior, do 30-12-1836, as Cortes quedan enteradas doutro oficio de Noriega “esponiendo que una fiebre catarral que ha padecido le ha hecho retardar su presentación en el congreso que verificará tan luego como le sea fácil” (Eco del Comercio, suplemento ao nº 975 do 30-12-1836), decidiu despois solicitar a exoneración do cargo, argumentando a súa idade avanzada, que padecera un ataque cerebral, e que, debido á estación invernal, non podería asistir ao Congreso; a Comisión de Poderes aceptou as súas alegacións e exonerouno. (Gaceta de Madrid, nº 785, Madrid, 28-1-1837, p. 1). De novo, en xaneiro de 1841, soa o seu nome como posible candidato a deputado ou senador pola Coruña, pero nada diso se concretou. (El Corresponsal, nº 615, Madrid, 5-2-1841, p. 4).

Transcorren os anos e encontrámolo como deputado provincial: nunha alocución da Deputación Provincial, datada na Coruña o 30-9-1839 (asinada polo presidente, Miguel Dorda, varios deputados -entre eles Noriega-, e o secretario), dirixida aos habitantes da provincia, anunciaban “la grata nueva de la paz”, logo de producirse a “aperta de Vergara” (31-8-1839), facendo un chamamento aos que aínda empuñaban as armas contra Isabel II, a que se acollesen ao indulto que se acababa de publicar. (El Corresponsal, nº 134, Madrid, 12-10-1839, p. 2).

Non finaliza aquí a súa actividade política. En sesión do 31-3-1843, Juan Menéndez xura como alcalde da Coruña, e instálase a nova Corporación, sendo el un dos edís. (Fernández, op. cit., p. 146; Mª Consuelo Mariño Bobillo, “La Coruña de Don Eusebio da Guarda (1824-1897)”, en AAVV: O Instituto da Guarda da Coruña: 125 anos de historia, A Coruña, 2016). Pouco despois, o 18-6-1843, hai un pronunciamento na Coruña en defensa da Constitución: Noriega é un dos que asiste á xuntanza celebrada no despacho do Xefe político. (Fernández, op. cit., p. 141).

Nun folleto datado na Coruña o 30-10-1845 forma parte dunha Comisión que pide apoio para unha candidatura municipal para o ano 1846, encabezada por Juan Flórez. (http://biblioteca.galiciana.gal/pt/consulta/registro.cmd?id=5386). En xullo de 1847, resulta electo deputado provincial polo distrito de Ortigueira; é cualificado como “moderado”. (El Español, nº 950, Madrid, 29-7-1847, p. 1, e nº 952, Madrid, 31-7-1847, p. 1).

Tres meses despois de perder unha demanda no Tribunal Supremo por un problema de obras nunha casa inmediata á súa, tendo que pagar as costas e perdendo o depósito de 10.000 reais (Gaceta de Madrid, nº 6565, Madrid, 13-6-1852, p. 2-3), falecerá, ab intestato e sen sucesión, o 5-9-1852 "en su casa de campo", de Rutis. (Arquivo Parroquia Santa María de Rutis. Libro 4º de Defuntos (1850-.1857); un periódico balear, facéndose eco da súa morte, cualifícao de “rico capitalista” (Diario de Palma, nº 82, Palma de Mallorca, 20-9-1852, páx. 4). Ao non ter descendencia, parece que cedeu aos seus irmáns os bens herdados dos seus pais. (Mariño, 2009, p. 531-532). Dous anos despois, vítima do cólera, morre a súa viúva, Ana Segade. (Arquivo Municipal da Coruña, Demografía, doc. 22, outubro 1854). Nunha das mandas testamentarias deixaría 100.000 reais, e outros 50.000 se se puidesen cobrar, a dúas irmás da primeira esposa de Noriega, Josefa e Andrea Faval; os herdeiros destas gañaron no Tribunal Supremo un preito entablado contra os irmáns e irmás de Ana, obtendo os citados 100.000 reais. (Gaceta de Madrid, nº 270, Madrid, 27-9-1867, p. 2-4).