Leccións de Moncho Reboiras

Leccións de Moncho Reboiras

O libro que coordinado e impulsado pola Unión do Povo Galego editou a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas sobre Moncho Reboiras e o movemento nacionalista nos anos setenta, editado no 2009 e xa esgotado, presentásenos como imprescindíbel para achegarnos a figura do noso ilustre compatriota e camarada, para coñecer de primeira man e sen distorsións o proceso de decantación política que dá orixe o nacionalismo actual pero particularmente para analizar o actual momento político. É precisamente neste último aspecto no que quero reparar, porque os outros dous que veño de enunciar son máis evidentes a pesar de tratarse dunha publicación que recolle máis de vinte aportacións de autores distintos, con perspectivas e vivencias diferentes e mesmo con intencións contrapostas. Porén, antes de entrar en fariña, gostaría de destacar o importante contributo que este traballo fai para a recuperación e o combate contra a manipulación da nosa historia recente, poñendo en mans amigas a descoberta do noso pasado.

Hai que ter en conta que vai a ser ao longo da década dos setenta cando o nacionalismo asenta as bases doutrinais sobre as que se veu operando até os nosos días, cando formula a intencionalidade da súa proposta táctica e estratéxica, cando plasma na práctica o principio de auto-organización e se pon mans a obra para artellar as organización de masas e de xeito destacado cando abandona o seu carácter testemuñal para converterse nun movemento político de ámbito nacional con capacidade de influencia no conxunto da sociedade galega. Xa que logo, este libro resultou fundamental para coñecer a historia do nacionalismo no período referido pero tamén para resolver ensarillados, para rematar con mistificacións, para clarificar o papel de cada quen, para poñerlle nome aos protagonistas con independencia da súa evolución posterior, para arrombar ao lixo visións do momento que máis que á verdade respondían a necesidade de xustificar as biografías persoais e de xeito moi especial para abrir prismas distintos abertos a interpretación do lector porque este traballo non dá unha visión fechada do momento.

Nunca entendín como marxista, por certo na mellor tradición da historiografía do nacionalismo desde o século XIX, que o pasado fora o lugar propicio onde evadirse da realidade presente, nin un punto de encontro para construír mundos a medida do que interesa defender e moito menos un espazo onde recrear o que non foi e gustaría que fose. Son precisamente os que descoñecen o pasado, os que pretenden poñer en marcha alternativas non contrastadas pola práctica histórica, os que enuncian como novas formulacións xa fracasadas, en definitiva os que renuncian a un herdanza colectiva en aras de propostas que non teñen máis aval co da politoloxía de moda.

Nos dez primeiros anos de existencia da Unión do Povo Galego o nacionalismo era un movemento político cuantitativamente moi reducido, cunha escasa implantación territorial, con importantes dificultades para introducirse na sociedade, con escasa presenza no campo dunha oposición antifranquista hexemonizada pola esquerda españolista e que xa vivira importantes conflitos internos para as súas reducidas forzas. A explicación da súa pervivencia, unha vez consumada a reforma democrática, así como súa hexemonía na oposición social nos últimos setenta, non responde unicamente á corrección das análises feitas, nin a súa resposta a unha necesidade histórica do pobo galego, nin mesmamente ao seu sentido de utilidade a Galiza por riba das abstraccións. Foi a vontade do corpo social da nacionalismo, a entrega xenerosa da súa militancia, as hora de traballo voluntarioso sen busca de ningunha compensación, o convencemento e a determinación da súa base e da súa dirixencia na xusteza dos súas propostas, o que fixo posíbel que o nacionalismo avanzase.Todo movemento político atravesa dificultades, dificultades sempre máis agudas naqueles que non contan co paraugas do sistema, dificultades que para ser superadas precisan de debates de posta a punto pero sobre todo de práctica militante. Os debates non vinculados a acción son unha vía morta, abstracción, divertimento, práctica de club de opinión; o marxismo, na súa versión non escolástica ou se quer historicista, fixo sempre fincapé que o elemento central das transformacións sociais é o axir dos individuos. A experiencia do nacionalismo galego e de todos os movementos revolucionarios triunfantes así o acredita, non infravaloremos as nosas forzas porque os folgos e a entrega de cada un de nos é a forza para que Galiza mude e que o nacionalismo sexa hexemónico.

,Ao nacionalismo galego tocoulle vivir conflitos importantes na década dos setenta, definir o seu corpo doutrinal e pór a andar o proceso de autorganización da nosa sociedade. O núcleo de dirección da UPG, Reboiras como parte del, participou dese proceso atendendo a premisa da necesidade de unidade no nacionalismo en base a unha alternativa de mínimos no ideolóxico pero clarificada nos aspectos centrais, de atraer a cada vez máis pobo ao campo nacionalista e de vertebrar a nosa alternativa sobre criterios de utilidade da mesma aos sectores sociais aos que ía dirixido, respondendo as súas problemáticas concretas, pero sen perder a perspectiva das limitacións do marco político. Non é casual que os debates que remataron en fracturas tivesen haber co intento de integrar á UPG na FECO, organización de ámbito estatal; autorganización, oposición a criar organizacións sindicais nacionalistas e o caudillismo ou individualismo; nuns casos estábase a someter a cuestión a proposta programática do nacionalismo noutro inhabilitábase para actuar. Os debates todos son lícitos pero non é permisíbel aproveitarse do andamiaxe organizativo dunha forza política para construír outra totalmente nova na andamiaxe ideolóxica. Unha organización política non é un hotel onde acubillarse mentres non se ten casa de seu ou un fogar mellor, unha organización política é unha casa da que gostas, que tes que coidar, en definitiva casa propia pero colectiva que se herda ou constrúe, pero que non se vende nin se embarga. O individualismo non é só a brosa que cuartea calquera proxecto colectivo senón que é o disolvente que impide que unha organización poida actuar cun mínimo de eficacia na sociedade. A maiores, a negación dos criterios de decisión colectiva significan a perturbación de calquera funcionamento democrático ou que é o mesmo socava a base de calquera estrutura non ditatorial. Non hai organización política con vontade de permanencia no tempo que poida existir a base de liderádegos individuais, os liderádegos ou son colectivos, isto é, do conxunto da forza política que os delega en persoas/militantes que lle poñen voz e cara, ou as forzas políticas, os proxectos que representan, esmorecen.

O proceso de introdución do galego no ámbito político, sindical ou estudantil foi lento e non exento de conflitos. Aínda aos inicios da transición política no campo sindical seguían a acusar aos nacionalistas de dividir ao proletariado cando utilizaban o galego nas asembleas obreiras. Outro tanto acontecía na universidade ate o 1975 cando o españolismo abandonaba as xuntanzas estudantís no momento que os militantes de ERGA non renunciaban ao uso do galego. Non foi a amabilidade da militancia patriótica a que logrou gañar estes espazos públicos para o noso idioma senón a firmeza no uso e a persuasión no debate a hora de manter o conflito lingüístico. Posicións máis mornas na práctica lingüística lonxe de ser unha resposta eficaz a actual ofensiva contra o galego, sitúanos nun camiño de non retorno. Daquela como hoxe, quedaba o atallo, pero coller o atallo era renunciar ao conflito e renunciar o conflito, era/é perder a batalla.

O franquismo non morreu na cama, morreu matando. A ditabranda, que deron en chamar algúns, seguía operando con toda a inquina represiva como ben coñecemos os nacionalistas galegos. Militar, tomar partido naquel período, significaba xogalo todo, até a propia vida, como lle aconteceu ao noso camarada Reboiras.Só desde conviccións profundas respecto da corrección da túa proposta, só desde a clarificación ideolóxica, ideoloxía non entendida como alienación senón como ferramenta para racionalizar a vontade de ser, é explicábel a entrega daquela xeración. Noutras circunstancias, estamos a falar do actual réxime democrático burgués, non hai outro xeito de militar consecuentemente. A militancia non ten molde, non existe un militanciometro que mida o nivel de consecuencia de cada un, pero a militancia esixe mínimos, os que cada un se impoña, pero partindo de que esta non pode ser asumida como un xogo, que esta require que cada quen se responsabilice do compromiso que libremente asume. Isto é, non é posíbel unha militancia consecuente se non se asume o movemento nacionalista como algo que vai máis alá da propia biografía vital de todos e cada un de quen o conformamos.