Galiza no lombo da balea

Galiza no lombo da balea

Baixo o título de Galiza no lombo da balea, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos mariños-CEMMA ten desenvolvido un proxecto de calado que aborda a actividade baleeira dende distintas perspectivas.

O xermolo, que daría lugar uns anos despois á propia entidade ambiental, foi a idea do deseño dunha exposición de temática baleeira no ano 1990. Daquela transcorreran uns poucos anos da moratoria da caza da balea, que deu comezo no ano 1985. Era demasiado cedo para levar adiante a iniciativa, dende o punto de vista social, debido á fractura producida polo peche das factorías galegas, a causa da confrontación entre o sector laboral, moi influído polo empresarial, e unha boa parte da sociedade influída polo sector ecoloxista.

A CEMMA, dende aquela frustrada proposta realizada polo Museo Luís Iglesias da Universidade de Santiago ao Museo do Pobo Galego, tratou de revitalizar o proxecto a través da proposta de creación do Museo da Balea no Concello Cangas no ano 1997 e a través de sucesivas tentativas cos diferentes gobernos galegos, todas elas sen éxito efectivo.

Promoveuse sempre unha posición conciliadora fronte á existencia dunha fractura social causada polo remate da caza da balea, así nas Xornadas de Pesca, organizadas anualmente pola Confraría do Pindo, e que no ano 2010 (http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=626&seccion=13) acolleron o que pode considerarse o primeiro acto conciliador coa maior parte dos actores presentes: traballadoras e traballadores, así como ecoloxistas. Seguindo esa liña, a CEMMA puxo en marcha no ano 2013 a iniciativa Galiza no lombo da balea, que contaba con varias fases de diferente carácter.

O proxecto en 2013 e 2014

Por unha banda, o proxecto incluía o deseño dunha exposición itinerante composta de 15 paneis autoportantes nos que se recollía brevemente a evolución da caza en Galicia dende os tempos máis antigos.

A segunda iniciativa constaba da recollida de material videográfico de todos os axentes, que aínda viven, para que quedasen como testemuño na súa propia voz os diferentes aspecto da actividade: traballo a bordo dos barcos baleeiros, o traballo da factoría, o papel da muller, a posición da empresa e os posicionamentos do movemento ecoloxista. Con todo este material recompilado por toda Galiza, nas localidades das tres factorías: Morás en Xove, Caneliñas en Cee e Balea en Cangas, realizouse un vídeo presentado na Casa da cultura de Cangas no outono de 2014 (accesible en https://www.youtube.com/watch?v=Re20fiPRFbM).

A terceira iniciativa, realizada durante o 2014, consistiu no establecemento dun banco de mostras biolóxicas de restos das baleas, coa finalidade de futuros proxectos xenéticos. Neste sentido tratáronse de recoller restos óseos da antiga caza, dende o século XIII ao XVII, nos portos de Bares e San Cibrao, así como nos modernos portos de Morás, Caneliñas e Balea. En case que todos os lugares prospectados apareceron restos. Tamén se fixeron recompilacións en multitude de coleccións privadas. A base de mostras, que se agardaba contara cun par de centos de mostras, contén actualmente máis de 500. Neste momento estanse a realizar as primeiras análises de referencia en Copenhague, a falta de institucións locais onde realizar estas análises. Cos estudos xenéticos tratarase de caracterizar que tipo de baleas navegaban fronte ás nosas costas, algunhas delas, como a balea vasca, actualmente extinguida. Esta iniciativa comezou dar xa importantes e sorprendentes resultados.

Finalmente, realizouse unha publicación monográfica que quere situar esta actividade económica no contexto histórico europeo e mundial, demostrando até que punto foi central, e valorizando o papel dos baleeiros galegos, vascos ou portugueses nos distintos períodos históricos (accesible en https://www.dropbox.com/s/116a27h5b3p8p18/EUBALAENA_14.pdf?dl=0).

Paralelamente a este proxecto, instaláronse dous esqueletos de grandes cetáceos, coordinados pola CEMMA. Estes son un esqueleto de cachalote varado no 2003 en Sanxenxo instalado no Museo do Mar de Vigo, no ano 2013, e o esqueleto dunha balea varada en Ponteceso no ano 2004, instalado no Museo de historia Natural de Ferrol a finais de 2014. Ambos os exemplares recollidos pola Rede de Varamentos de Galiza, xestionada pola CEMMA, e preparados e montados polo equipo da Sociedade Galega de Historia Natural-SGHN de Ferrol.

Todo este traballo realizado nin substitúe nin chega ao ambicioso proxecto expositivo sobre a caza da balea que a CEMMA deseñou no ano 1990, mais indica que aquelas arelas non caeron no esquecemento. Hai que agradecer que, a pesar do limitado apoio institucional, non se tivera perdido a oportunidade de facer este labor e, sobre todo, tratar de estiñar eses estralos no estaño do fondo da almofía da nosa sociedade, chegando á pacificación entre os actores da mencionada fractura social e sobre todo coas baleas.

Para a CEMMA o peche que açorianos e madeirenses puxeron a esta actividade é o modelo a seguir: recuperación e valorización das instalacións e dos feitos, integrados na historia do pobo, especificamente na historia dun pobo mariñeiro que viviu e vive do mar. A poboación destes arquipélagos atlánticos pechou a fractura social e reconverteu a actividade do pasado nunha nova fonte de ingresos, que para alén do seu valor patrimonial, ten un valor didáctico incuestionábel e nos permite comprender hoxe que estamos ante unha actividade que non pode formar parte do noso futuro, mais que gardamos memoria dela, con agradecemento do sacrificio e dignidade, conscientes do que significou para os nosos pobos, que a través dela tamén se comprobaron as tensións xeopolíticas que abalan desde hai séculos Europa.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.