Escoller entre o nacionalismo lírico e o nacionalismo pragmático

Escoller entre o nacionalismo lírico e o nacionalismo pragmático

Se partimos do feito de que todos os partidos políticos son nacionalistas, aínda que algúns so consideren como tal aos que eles chaman "nacionalismos periféricos", e xa con eleccións ás portas, o elector ten que decidir por cal deles debe votar. Ao meu ver hai dúas clases de nacionalismo: o lírico ou romántico e o pragmático. E dentro destes dous grupos aínda os podíamos subdividir en outros dous: os agnósticos, de esquerdas, e os de tradición católica, de dereitas. O primeiro é axeitado para os intelectuais, para os poetas que soñan, que enxalzan nos seus poemas as grandezas patrias, os mitos, que compoñen fermosas letras para o himno nacional, con auto estima, que ven o seu país como o mellor do mundo e como unha nación capaz de competir con calquera outra. .

É o nacionalismo dos soñadores, como o foron aqueles que se xuntaron en Lugo na I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala o 17 e 18 de novembro de 1918, que recolleron en letra impresa as súas aspiracións que, pasado o tempo, e moitos episodios de mal recordo, algunha delas son hoxe realidade por estar no Estatuto de Autonomía de 1981. Outras, un século despois, aínda seguen a ser aspiracións. Pero certo é que sen a súa iniciativa hoxe nin a Constitución recoñecería ás nacionalidades históricas nin teríamos nun Estado autonómico.

O nacionalismo lírico


Nunha sociedade tradicionalmente católica como a nosa, anque non sexa practicante e os partidos políticos se definan como aconfesionais, o nacionalismo agnóstico casa ben co lírico, porque considera que o ser humano debe ser libre en todas as ordes, sen ataduras de ningún tipo, nin sequera legais. Proclama o dereito a decidir, a auto determinación, e por iso ás veces ten certas dificultades coa forma de entender algunhas tradicións e o que é un sistema democrático rexido por un conxunto de leis que establecen onde están os lindes, o dito doutro xeito, ata onde se pode chegar.

Pero este nacionalismo soe ser minoritario por non ter suficientes seguidores, e polo mesmo ten o inconveniente de que lle é moi difícil acadar o poder, incluso cando ten a oportunidade de conseguilo coaligado, rexéitao para non renunciar a algunha das súas ideas. O resultado desta postura rexida pola súa ética é que sen poder non pode desenvolver ou levar a cabo o seu proxecto político. En Euskadi tivemos os dous exemplos, un irracional e detestable para calquera persoa de ben, e outro pragmático, que, como no actual caso catalán, tamén tivo unha escisión da rama poética.

O 28 de febreiro morreu Xabier Arzalluz, o que fora dirixente do Partido Nacionalista Vasco. Foi xesuíta, e polo mesmo era, ao igual que a maioría da súa militancia, católico. Ninguén pode dubidar de que o PNV e un partido nacionalista da rama pragmática, que basea a súa actuación nun principio que pode ser discutible desde o punto de vista filosófico, pero que é moi rendible desde o punto de vista práctico: "a política e a arte do posible".

O pragmatismo do nacionalismo español


O nacionalismo español é tradicionalista, católico, defensor das tradicións, dos símbolos, do exército, das grandezas patrias aínda que a maioría sexan lendarias, pero é da rama pragmática. O dogma católico de Deus, trino e un, aplicárono á política despois das eleccións andaluzas. O PP, actualmente escindido en tres partidos, botou man do pragmatismo e conseguiu que ao final os outros dous actuasen en comandita como se fosen só un. O sentido práctico levouno a rematar co mantra das anteriores eleccións municipais e autonómicas, cando ao perder a maioría pedía con insistencia cansina que gobernase a lista máis votada, e dicir, se era a súa. Xa buscaran agora un argumento para volvelo a repetir despois das eleccións de abril e maio.

O resultado é que, aínda sendo a segunda forza, ten o goberno de Andalucía utilizando o mesmo procedemento que criticaban, "cambiando a vontade da maioría nos despachos", é dicir, fronte á realidade, imponse o pragmatismo, volve ao que é o sistema electoral español, que goberna o que ten máis apoios nos parlamentos, nos concellos ou nas deputacións. "O que máis chifre, capador". Claro que estes cambios de criterio oportunistas ou de comenencia, fanlle un fraco favor á política e ao sistema democrático acrecentando o seu desprestixio.

En Andalucía o nacionalismo español non tivo escrúpulos para se xuntar co fin que move a todos os partidos políticos, conseguir o poder para desenvolver as súas políticas e colocar aos seus nos postos de responsabilidade. Como o fin xustifica os medios, evidencia que o nacionalismo español de dereitas é pragmático. Probablemente se a maioría fose de nacionalistas españois de esquerdas o lirismo sería un atranco para poderse entender. Neste último caso tamén sobran exemplos que se podían comentar.

O pragmatismo do PNV


Cando eu era secretario xeral de Coalición Galega, fun convidado polo PNV a facer unha visita a Euskadi de grato recordo, onde fun recibido con todos os honores polos dirixentes do partido, polo lehendakari José Antonio Ardanza e tamén compartín mesa con Arzalluz nunha rolda de prensa. Ademais de falar do que nos levara alí, que era o deputado que compartíamos no Parlamento Europeo, un xornalista preguntoulle o seu parecer sobre unha manifestación que se ía celebrar o sábado organizada por outro partido político nacionalista. Eu daquela aínda era un pipiolo física e politicamente, con pouco recorrido, como os dirixentes deste momento, e Arzalluz, que era un home que impoñía só co xesto, facéndose o ignorante devolveulle a pregunta:
- "¿Y qué piden?".
E o xornalista respondeulle:
- "La independencia".
A resposta de Arzalluz foi contundente:
- "Yo también estoy de acuerdo con ellos, pero antes tenemos que solucionar ..."
E comezou a relatar os retos que tiñan que enfrontar ante os grandes problemas de tipo social e económico que tiña Euskadi naquel momento, en plena reconversión industrial. Aquí temos un exemplo dun político nacionalista, da rama católica e pragmática.

O labirinto do nacionalismo catalán


A mesma clasificación poderíamos facer do nacionalismo catalán da rama hexemónica, católica e pragmática, que veu ostentando o poder ata hoxe, representado no seu momento por Convergéncia i Unió (CIU), composta pola liberal Convergència Democràtica de Catalunya e a democristiá Unió Democràtica de Catalunya, desde 1978 ao 2015, con Jordi Pujol como figura emblemática, e que, como o PNV tivo case sempre o poder político no seu territorio e o control da política do Estado cando os partidos nacionalistas españois do PSOE e do PP non tiñan maioría, a cambio de substanciosas concesións de tipo político e económico. Porque en política ninguén da nada a cambio de nada.

CIU foi outro exemplo de nacionalismo católico da rama pragmática. Pero neste caso, a diferencia do vasco que aprendeu a lección despois de fracasar o nacionalismo lírico co Plan Ibarretxe, un sector do nacionalismo catalán pragmático pasouse ao lirismo, deixou o pragmatismo e conseguiu entre outras moitas cousas, facer desaparecer CIU e aumentar os adeptos ata chegar a dous millóns de seguidores.

O resultado xa o vemos, unha sociedade enfrontada e algún dos dirixentes da rama poética na cadea e procesados, con moitas posibilidades de ter que pasar varios anos na cadea, mentres que os que sobreviven procedentes da rama pragmática están prófugos.

Oriol Junqueras, presidente de Esquerra Republicana de Catalunya, é tamén dos nacionalistas da rama católica, de rezo diario, dos que, a diferencia de Arzalluz, compre encadrar dentro do nacionalismo da rama lírica, e polo que estamos escoitando nas declaracións no Tribunal Supremo o da República independente fóiselles das mans, vamos, que ían de farol. E agora ¿que vai ser dos dous millóns de poetas enganados? ¿Aprenderemos aquí a lección?