Eduardo Ruiz Pons. Provincialista, Socialista e Republicano

Eduardo Ruiz Pons. Provincialista, Socialista e Republicano

Non son explicábeis feitos extraordinarias como a Revolución Galega de 1846 ou persoas únicas como Rosalía de Castro sen non tomamos en consideración a vitalidade da sociedade galega ao longo do século XIX. Mesmamente, a pesar da súa particular significación, non podemos interpretalos como unha realidade illada sen nada a ver coa dialéctica social e política de Galiza. Non é discutíbel que o levantamento galego que rematou co martirio de Carral está directamente relacionado co proceso de centralización política que inician na terceira década do XIX os liberais, agora o ben o mesmo ten antecedentes e recolle o pouso e a tradición das demandas das nosas liberdades nacionais xa presentes na Xunta do Reino de Galiza nos primeiros momentos da Guerra do Francés. Unha consideración análogo merece esa xigante que é a nosa Rosalía, protonacionalista, socialista, feminista e rebelde, iso coincidente nas coordenadas ideolóxicas co seu grupo xeracional, o que demos en denominar do “Banquete de Conxo” e que emparenta coa tradición, dálle continuidade e mesmo comparten debate e relación persoal cos precursores provincialistas. E neste contexto onde podemos entender e no que estamos obrigados a divulgar, traxectorias como a do Eduardo Ruiz Pons.

Eduardo Ruiz Pons naceu en Padrón o 19 de Setembro de 1819, fillo dunha fidalga emparentada coa de Rosalía e dun militar de artillería expulsado do exercito ao final do Trienio, por ter participado na defensa da Coruña fronte as tropas da Santa Alianza e facer desta o ultimo baluarte contra o absolutismo de Fernando VII do Estado. A súa infancia vai transcorrer nas terras da familia materna, ao coidado da nai e da xinea desta, posto que o pai, aquel home ao que seu fillo definiría como “un republicano de antes dos anos trinta” no voltaría do exilio inglés até 1829. Non é de sorprender que as vicisitudes políticas e persoais do pai marcasen ao noso home desde moi novo, como aconteceu cos irmáns Chao significados pola militancia daquel seu pai boticario en Ribadavia, e que na altura da súa chegada a Compostela primeiro para estudar o Bacharelato e despois Leis tivese xa encarreirado o que ía ser o seu vivir rebelde.É sintomático que sexa Gerald Brenan na súa obra clásica “El Laberinto Español”, un dos poucos autores que nos fale da militancia provincialista do de Padrón, situando ao pé dos irmáns Faraldo, de Tarrazo, Romero Ortiz, de de la Sagra ou de Cociña e que o nomee como un colaboradores de “El Porvenir”. Case nada sabemos da súa participación naqueles axitados días de Abril de 1846, agás os que nos proporciona Vales Vilamarín nos seus traballos sobre Antolín Faraldo. Infórmanos Vales que Ruiz Pons abandona Galiza rumbo a Portugal o 26 de Abril desde o porto de Vigo no bergantín Nervión, o mesmo no que fuxiu para o exilio Faraldo e que disparou once canozanos no momento da partida, aparecendo xa o 5 de Maio nunha lista de exiliados galegos en Camiña, non sabendo máis del até Setembro no que o seu nome fai parte dos galegos internados no campo de concentración da Illa de Peniche. Como tantos outros revolucionarios galegos beneficiaríase da amnistía de Outubro de 1847, norma ditada polo Ministro Isturiz baixo a influencia do seu subsecretario de estado, o poeta galego Nicomedes Pastor Díaz, para retornar de Portugal e instalarse a medio camiño entre Madrid e Compostela onde exerce a a avogacía.

Nunca deixou de ser un revolucionario na rúa e nas cortes. Republicano de primeira hora, facía parte daquela segunda fornada de republicos galegos, que medraran a par daqueles outros que desde esas mesmas posicións combaterán o absolutismo. Era herdeiro de Xosé María Chao, de Xoán Ruíz ou do primeiro deputado republicano do Estado, Xoán Olavarría, elixido en 1840 pola circuscripción da Coruña. Após aprobar a praza de catedrático de ensino secundario en 1853 e pasar a exercer de profesor en Zaragoza é electo Deputado pola Coruña nas Cortes Constituíntes do Bienio progresista, onde será un dos vinte e un parlamentarios que vota en contra da monarquía como forma de goberno, xunto aos tamén galegos Eduardo Chao (Vigo) e Xoán Manuel Pereira(Redondela). Nos momentos previos a revolución de Xullo 1854, falamos do mes de Febreiro, participa do alzamento de Hoore e Latorre na capital do Ebro, véndose obrigado a iniciar o seu segundo exilio nesta ocasión a Francia, na compaña de noventa voluntarios que se asentan en Bedoux o día 28 e que as autoridades francesas definen como carbonarios. Unha vez disoltas as cortes progresistas, instalado outra vez en Aragón, situado xa en posicións socialistas dirixe a implantación do mesmo neste territorio baixo unha estrutura de células, denominadas chozas, que seguen o modelo organizativo dos carbonarios. É este o Ruiz Pons que desde as páxinas de “La Discusión” defende que “o socialismo aplicado amósanos que o mellor hospital é suprimir a súa necesidade, elevando polo traballo e polo consumo asociado, ás clases pobres a un benestar que fagan innecesaria a esmola baixo calquera forma disfrazada”. O de Padrón é outra volta desterrado pola súa militancia, nesta ocasión a Mallorca, porén o feito que marca un antes e un despois no seu prestixio revolucionario é o proceso que se inicia contra el en 1861 como promotor da edición dunha programa republicano federal e por dirixir a revolta dos carbonarios aragoneses naquelas mesmas datas. Detido o 2 de Xuño de 1861 iniciase un proceso xudicial que se alonga até Xullo de 1862, no que Ruiz Pons permanece na cadea a pesar de que é absolto en repetidos xuízos nos que é defendidos polos avogados máis recoñecidos do republicanismo e do socialismo como Castelar, Posada ou de la Escosura. Se ben posteriormente sería condenado a doce anos de cadea e a mil pesetas de multa, en Novembro de 1862 comeza o seu terceiro exilio, nesta ocasión en Italia, residindo en Florencia e en Xenova. Xurde aquí o Ruiz Pons Garibaldino, que colabora co “Heroe dos dous mundos”, que asesora ao revolucionario italiano en temas de política interna do Estado Español, que comparte horas co seu vello amigo compostelán Sánchez Deus, toma a palabra en diversos actos dos “camisas vermellas” e colabora no xornal “Il Dovere” onde afirma que Garibaldi “ten unha alta e xusta idea dos españois, e particularmente dos galegos, pois ademais de coñecelos polas súas campañas en América, estiveron ás súas ordes en Nápoles, Sicilia e Aspromonte algúns que cumpriron como corresponde ao noso valor e dignidade”. Morreu en Porto en 1865, onde se instalou en 1863, acubillando nesta cidade a Sánchez Deus tras a derradeira visita a Galiza do noso outro grande patriota e internacionalista.

Nunca deixou de exercer como galego. A pesar de que o noso home non escapa ao intento de tentar presentar aos nosos procesos políticos como apéndices das dinámicas estatais e aos dirixentes dos mesmos como meros actores na Galiza da política española. Home de acción, non deixou nunca de facer política na nosa nación e así na causa que se instrúe contra el no 1861 aparece que a propaganda que a orixina aparece a máis de en Aragón espalla por Compostela e Padrón. Como xa indicou Francisco Rodríguez no seu libro “Rosalía estranxeira na súa patria” foi o grande defensor dos estudantes que participaron no Banquete de Conxo, algo que el mesmo lembrou nun artigo necrilóxico sobre Aurelio Aguirre en “La Discusión” . Xunto a Eduardo Chao e Gasset actuou de protector dunha Rosalía de Castro recen chegada a Madrid a quen vai introducir en boa parte dos círculos culturais e políticos da metrópole como estudou e publicou Xosé Antonio Durán. Abriulle a porta do xornal “La Discusión” do que foi fundador, redactor e por un breve período director a mozos e mozas galegas como Murguía e defendeu desde as súas paxinas aos estudantes e as propostas da xeración do Banquete de Conxo. Na súa etapa como parlamentario mantivo presentes os problemas de Galiza, destacando a iniciativa para restablecer o Partido Xudicial de Compostela, definindo en 1855, na publicación que elaborou para difundir esta proposta entre os congresista, como “capital do Reino de Galiza”. E o que é máis importante non deixou de defender, así se recolle nas súas notas ao programa republicano federal de 1861, a necesidade de mudar “o absorbente sistema de sistema de centralización excesiva que hoxe rexe, polo da máis completa descentralización”, esixindo “para isto a primeira medida debería ser o restablecemento da división territorial, que podemos chamar natural e histórica posto que a actual división é filla das circunstancias extraordinarias que se viviron durante a funesta guerra civil dos sete anos”. Segue a referirse a Galiza como “o país”, como xa fixera naqueloutra publicación de 1855 sobre o Partido Xudicial de Compostela reseñada con anterioridade, crítica que “deixaron de existir Aragón, Valencia, Galiza, León, Cataluña e os Reinos andaluces. Granada, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Barcelona e A Coruña, ficaron como cabezas sen corpo, por ter perdido política e administrativamente a súa antiga xurisdición en beneficio das novas provincias, máis ou menos artificiais” e demanda “auténticas autonomías políticas e administrativas, sobre a base dos antigos reinos, que imposibilitaran as reaccións e darán unha seguridade até agora descoñecida a todas as conquistas do progreso”. Teno claro, “nos antigos reinos, as tendencias federalistas e descentralizadoras responden ao progreso das ideas por unha banda, e por outra a á reacción contra a centralizadora política dos gobernos que desde fai cincuenta anos, veñen aumentando as atribucións do Goberno Central”.