Dúas observacións sobre nós mesmos

Dúas observacións sobre nós mesmos

A verdade é que a situación é complexa, desconcertante, e de tránsito a algo moi diferente, segundo as potencialidades agochadas nela se desenvolveren. Voume, pois, manter no terreo do empírico, do constatábel, malia non anime ao optimismo. Son dos que cre que, nesta conxuntura, non cabe máis que aliar realismo crítico e convicción de, con perseveranza e paciencia, ao servizo de obxectivos claros, ser a única forma de avanzar socialmente na Galiza. Trátase de Galiza, do pobo galego, por máis que isto pareza interesar moi poucos, se xulgarmos por como decorre o discurso político e mesmo pola forma en que se analizan os conflitos de todo tipo polos que Galiza, o país, a nación, a patria orixinaria, supura...

Impórtalle algo Galiza como tal a quen goberna a Xunta, ese sucedáneo de goberno galego, convertida, aínda enriba, con aleivosía e premeditación, nunha sucursal do Goberno español? O seu presidente, non só con feitos, senón mesmo nos seus discursos enúnciao con claridade. Impórtalle tres pitos. El está aí para defender España e a Constitución desde aquí, pois xa non pode aspirar a defendelas desde esa Corte dos milagres madrileña. Alberto Feixóo devecía por emigrar como destino natural e supremo dun político galego á española, coa aspiración de ser, máis cedo que tarde, presidente da patria común e indivisíbel de todos os españois, tal e como reza o texto constitucional. Que decepción, que contratempo!! Semellante tropezo non o esperaba. De aí as súas bágoas. Hai que comprender o que debe doer ver un futuro prometedor, desexado, a recompensa a tantas renuncias íntimas e a tanta negación das orixes, derramado, ciscado polo chan, roto como un espello. Por que? Por causa dunha combinatoria que, por máis que pareza unha fatalidade, resume tres factores tan humanos, sociais, como perversos, aniñados na españolidade: 1) máis do que nunca o poder político é un instrumento dos poderes, e cando non lles é xa útil optan por tiralo ao lixo, como todo parece indicar que pasou respecto do PP, 2) Nunha situación normal outro galego, por máis que o sexa á española, presidindo o PP e aspirando a presidir España, era excesivo e contraproducente. Nunha anormal, de emerxencia para o partido, a este, como expresión dunha españolidade moi espallada, resultáballe simplemente indixesto. 3) A España mediática hexemónica que, a dereita e esquerda, tanto cultivaba a imaxe de Feixóo como político eficaz, moderno, modelo de suposta intelixente moderación, pagando así a súa absoluta e denigrante servilismo coa españolidade, ou mellor, a súa falta máis absoluta de perfil galego, como presidente da Xunta, desaloxado o PP do Goberno, se dispón a participar na guerra política, interna e externa, desatada, cada un coas armas de que dispón en función dos seus intereses. O que antes podía quedar acoutado, reservado, a unha información marxinal, controlada, mesmo desvirtuada ou minorada, para protexer o personaxe reverenciado por manter Galiza desaparecida e sen a menor relevancia, agora pode resultar descontrolado e letal.

O feito relevante é que Feixóo gozou de impunidade e dunha cobertura informativa que garantía unha coroza protectora dentro que se traducía en propaganda beatífica dentro e fóra, por representar a anulación más radical da idea de Galiza ser unha nación, un pobo distinto, con vontade política propia. Non me pareceu moi acaída a forma como o nacionalismo, non digo xa a esquerda española sumida nunha dialéctica de tópicos baratos, centrou a crítica en que Feixóo renunciaba a Galiza para irse a Madrid. El nunca gobernou para Galiza nin desde Galiza, senón para o Estado español e desde os seus deseños, dun absoluto madrileñismo e españolismo, o dos seus gobernos e os poderes fácticos que os sustentan. Prestábase a equívocos...e así ocorreu cun desenlace que parece agochar que a súa real aspiración era a de presentarse para presidir o PP, e non a impostura de facer crer que permanece aquí polo seu amor a Galiza. O malo é que, na realidade, teremos que sufrir, en esencia, a súa mesma negación de Galiza para dentro e para fóra. E cabe engadir, tamén, que o malo é que hai un importante sector do pobo galego, a esquerda e dereita, por facer uso de estereotipos de fácil consumo, que, por diversos motivos, tamén pensa que Galiza non debe ter vontade política por si mesma. Desde logo, no Parlamento galego evidénciase con prístina claridade.

O resultados, velaquí a segunda observación, é que o plano reivindicativo móvese, cunha total e a maioría das veces aínda enriba fraudulenta, rutina repetitiva no tema das infraestruturas, por non dicir do AVE, como se este fora o problema central. Nunca hai a mínima reivindicación de aumentar o poder político, a nosa capacidade de autogoberno, de responsabilizarnos e de esixir os nosos dereitos como pobo capaz por si mesmo. Nada que teña que ver con iso. Na economía, en concreto na vital cuestión do financiamento autonómico, todo se reduce á frase penosa e mendicante, non consentiremos discriminacións, é dicir, non temos nada que reivindicar por nós mesmos, todo o faremos en función do que outros podan esixir ou reivindicar. Nós, sempre obedientes co que nos veña deseñado. A entrevista que se prepara para o 17 de xullo de Feixóo co novo presidente do Goberno español xa se albisca, a xulgar polos adiantos do propio presidente da Xunta, como un modelo de reverencia debida á orde constitucional, de anulación de Galiza existir politicamente e de simple relatorio, a efectos de propaganda, de Aves, estradas, autoestradas e non se sabe que sarillo de obras iniciadas ou proxectadas. Non se falará para nada do problema de Galiza dentro do Estado español, as graves consecuencias derivadas do papel que se lle ten asignado dentro del e como superalas con instrumentos políticos adecuados, que non son, desde logo, nin o status nin as competencias, e moito menos a forma de exercelas, que a Constitución nos recoñece. Sería bo que o nacionalismo non se limitase a un enunciado ou relatorio de infraestruturas ou de prazos das mesmas como táboa reivindicativa para esixir que estean presentes na entrevista do Presidente da Xunta co Presidente do Goberno español. Seguir mantendo a política galega neste nivel é unha forma de non ir aos problemas de fondo e seguir mantendo unha conciencia social no país totalmente mendicante, de mentes dependentes e sen afán por responsabilizarnos de nós mesmos, ancorados e aleitados coa idea de que vivimos grazas á caridade de España, sen sermos conscientes de que estamos como estamos por todo o que nos succionan, polo papel que nos fan cumprir.

Destas observacións, dedúcese que no noso país urxe, e xa sei que é moito dicir, saír da política aquí como eco da política española, situar as causas dos nosos problemas, tantos como se manifestan, onde verdadeiramente están, romper ou superar, en positivo ou criticamente, tantos estereotipos que impiden analizar a realidade con veracidade. Nunha palabra, lograr que Galiza exista politicamente como referencia na conciencia social, na do pobo galego, hoxe moi esvaída, como se iso non fose importante. Hoxe por hoxe, precisamente por esta causa, somo un país á deriva, malia tantas potencialidades e tantos esforzos reivindicativos parciais.