Din que morreu o Rufo Pérez

Din que morreu o Rufo Pérez

Din que morreu o Rufo Pérez e estouno vendo. Un rillote longueirón de 16 anos na Misión Biolóxica de Galiza, coa casaca verde e o trisquel vermello ao pé de Don Álvaro. Nacen os Ultreia e en posición de firmes a percorrer Galiza enteira naquel balandro, que cantou o Bouza Brei, ou a pé, mar e terra, que é nación para convertela en patria, si o amor xa converteu a nación en patria. E xa namorado, a vida convertese nun camiño longo tras a amada, naquelas mocidades de lume tornadas ao pouco en sangue, naquel partido de ferro ao pouco tronzado. E así o lembro naquelas Asembleas que continuaban a de Lugo, naqueles comicios onde fervía a nación, naquelas campañas onde avanzabamos ou retrocediamos e tamén loitando polo Estatuto, e defendendo a integración do Partido no Fronte Popular, e reclamando que a mocidade rachase co termo galeguismo, como xa o decretaran os patrucios en 1918 en Lugo, e cantando o "Himno de Galiza" de Brañas. Unha Galiza nova en marcha, arrombada pola barbarie española en 1936.

E seguín ao pé de Rufo Pérez mobilizado a forza para loitar contra os seus naquelas compañías da democrática Italia que Musolini poñía ao servizo de Franco. E acompañeino nos campos de traballo forzados na Galiza irredenta e en Vigo, naqueles terreos que foran do irmán Peinador, após reconvertidos en Aeroporto, e na Asemblea de Coruxo, 1943 desorientado, e nas academias privadas onde subsistían dando pasantías os que non eran afectos ao réxime e así até a liquidación do Partido. E xa no ensino público, esixente catedrático de matemáticas no Instituto de Vigo, e na fundación de Galaxia, naquel cadro do outrora Ultreia Xoán Ledo, e tamén descolgado do mesmo, xunto ao Tucho Beiras, vello irmán, leal a idea sacra, non xermanofilo, galego, antigalaxian. E volta a empezar, porque os amores para que non morran hai que coidalos, e namorado camiñou de novo con Galiza, repartindo "A Nosa Terra" ou o"Adiante" que chegaban de Bos Aires e eran nacionalismo de lei e como hai amores que non morren seguiu na busca de casa onde compartilo.

,E volvémonos a cruzar, 1961 ou 62, pouco ten, estabamos a refacer a vella casa con vimbios novos, e persistimos, outra vez desde a mesa camilla ordenan parar, e xa non podíamos e non queriamos e fixemos aquela vella casa de novo. Esta xa sen pasar pola pía bautismal, porque asumíamos xa sen tabús aquela que afirmabamos pola boca pequena antes do 36, que nacionalismo e marxismo son unión de feito e fixemos, empezamos a edificar a UPG. E xa a nosa, foi vida de trepias ou células, caída do 67, a primeira celebración pública do Día da Patria Galega ou as folgas do 72. De novo xa vello, 56 anos e na cadea, e seguimos na UTEG, galeguicemos o ensino, ou no Colexio de Licenciados e Doutores de Pontevedra, e organizando na AN-PG povo, e xa co nacionalismo en pé, outra vez, para sempre. E así seguimos, na lealdade a Patria, por cada seu camiño, pero sempre na Patria até hoxe.

E non é certo que morreu Rufo Pérez, o noso Don Rufo, aquel rapaz do Freixeiro, nado en 1916, Profesor do Santa Irene, militante nacionalista desde 1933, irmán e camarada.