Día da Patria Galega: benestar, democracia e soberanía

Día da Patria Galega: benestar, democracia e soberanía

Nunha definición sintética da situación política actual, coido que podemos falar de tres vertentes esenciais: a crise económica, o ataque ao funcionamento democrático da sociedade e a tentativa de recentralización do Estado. Este é o contexto no que celebramos o 25 de xullo deste ano.

Non é casualidade que eses tres elementos se manifesten simultaneamente. Inclusive podemos soster que, a confluencia dos tres está a confirmar, unha vez máis, a corrección das teses nacionalistas: a soberanía dos pobos, a calidade democrática das sociedades e o benestar dos individuos son elementos case inseparábeis.

O nacionalismo galego nunca foi culturalista no sentido de identificar nación unicamente con cultura, igualar sinais de identidade a manifestacións puramente folclóricas. Nin sequera o persistente traballo de caricaturización da alternativa nacionalista levado a cabo por PP e PSOE logrou instalar nos galegos e galegas esa idea e a inmensa maioría sabe que cando falamos da defensa da nosa identidade non nos referimos unicamente a un aspecto cultural, senón tamén a algo con dimensión política e económica. Cando reivindicamos a nación referímonos, en definitiva, á necesidade de exercermos o poder político para poder desenvolver as nosas potencialidades culturais e económicas e, deste xeito, acadar o benestar.

Soberanía, democracia e benestar son os conceptos claves. Isto é o que en síntese representa o cerne do nacionalismo galego e, polo tanto, o que reivindicamos cada 25 de xullo dándolle, iso si, o enfoque que demanda o contexto de cada ano.

E iso tamén é o que se está a atacar desde os poderes reais do mundo globalizado e desde os gobernos submisos a eses poderes. Nese sentido, quizais en poucas celebracións do Día da Patria puidemos ver con tanta claridade que en Galiza só desde o nacionalismo se pode ofrecer unha alternativa á situación actual. Fóra diso, non vexo máis que resignación ou, directamente, rendición aos chamados mercados, renuncia a exercer o poder político para o que foron electos e cedelo a favor de quen nunca se presentou ás eleccións; prestarse a reducir as competencias das nacións sen Estado e mesmo dos Estados soberanos para eliminar as "barreiras" a eses mercados; darlle aínda unha maior protección ao poder financeiro, mentres que se lle retira, ou nega, aos sectores máis desfavorecidos da sociedade...

Castelao, no seu discurso "Alba de Gloria", despedíase cun desexo de benestar no que se integraba o aspecto cultural e o material nunha expresión literaria realmente emocionante: "Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares". Eu coido que no contexto actual, para que este desexo sexa realidade cómpre seguir "facendo valer a nosa forza" para que a economía ao servizo da banca pase a estar ao servizo do pobo. Se non o facemos nós, ninguén o vai facer. Na celebración do Día da Patria de hoxe xa demos un paso máis.