De débedas, cinismo e moralidade

De débedas, cinismo e moralidade

Unha tras outra as actitudes e os argumentos do Presidente da Xunta, Sr. Feixóo, agochan o sentido real da súa política e da súa conduta. Constitúen unha descarada e indolente inversión das evidencias, convertendo o negativo en positivo e o negro en branco. O seu cinismo é tan desaforado como a censura mediática que soportamos na Galiza. Permítese gozar así dunha coroza protectora para as súas falcatruadas quedaren impunes e sen a resposta debida. O seu cinismo tan desaforado e sen cancelas sería imposíbel en semellante grao sen esta protección, e sen o corolario da autocensura tan mesta e rechamante que se tece socialmente.

Unha das súas últimas fazañas consistiu en mudar, aínda enriba de forma arrogante e ofensiva, unha irresponsabilidade manifesta, desde o punto de vista dos intereses do pobo galego, nunha proba de eficacia económica, boa xestión e exemplo de aforro. O seu exclusivo fin foi aparecer como campión do control do déficit público, alumno avantaxado e obediente da política de recortes do Goberno de España, e contraste respecto dun cacarexado endebedamento irresponsábel e mala xestión económica da Generalitat de Catalunya. Nunha palabra, contribuír como lacaio á campaña anticatalá co recurso a todo vale. Incluído que Galiza faga de parva co beneplácito do Goberno de Madrid. Quen dá máis?

Pois ben, a realidade foi a seguinte. A crise económica agudizou aínda máis a insuficiencia do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas. A diminución de ingresos fiscais provocou diminucións de ingresos entre o 30 e 0 40% para as Comunidades faceren fronte aos gastos das súas competencias, entre elas as fundamentais, ensino, sanidade e prestacións sociais. Se antes xa debían endebedarse para ofertar uns servizos transferidos por debaixo do seu custe real, desde o inicio da crise, aínda facendo recortes, non daba para manter en mínimos as competencias transferidas, tendo que respectar o límite de gasto e ao tempo un límite de endebedamento impostos polo Goberno de España. Tan foi así que o Goberno de España estableceu uns "Mecanismos adicionais de financiamento", aos que todas as Comunidades Autónomas podían recorrer, previa presentación dun plano económico-financeiro, sen xuros ou moi baixos, como forma de poder manter os servizos transferidos.

No período 2012-2017, segundo o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, o conxunto dos mecanismos adicionais de financiamento das CCAA representou unha cantidade de 231.786,5 millóns de euros repartidos entre as que o solicitaron. O resultado en porcentaxes foi: Catalunya, o 30,45 %; Andalucía, o 15,01%; Comunidade Valenciá, 23,08%; Castela-A Mancha, 6,33%; Illes Balears, 4,18%; Murcia, 4,15%....E Galiza? O 3,02%...Ah! e grazas a rectificar, sen dicilo, pero seguindo coa súa ladaíña tóxica, ao se ver obrigado por necesidade absoluta a recorrer aos mecanismos de financiamento principais a partir de 2015...En total foron en todos estes anos 7043,6 millóns, case o 90% desta cantidade nos tres últimos anos . Sabedes canto tiraron Catalunya, Andalucía e a Comunidade Valencíá, no mesmo período? Pois 70.909, 35.050 e 53. 756 millóns de euros, respectivamente.

Cabe anotar que os 7043 millóns de euros de Galiza, malia recortes e deterioros, tiveron, como destino, o Sergas, o que non eliminou a utilización perversa dos "Pagos desprazados", transferir facturas dun ano para o seguinte, para poder facer fronte ao gasto de sanidade, tal e como reflicten os propios informes do Consello de Contas. Por certo, durante todos estes anos, mentres Feixóo esbardallaba contra os que acudían a estes mecanismos, el recorría á banca privada a pedir préstamos, pagando xuros moi superiores...

Porén, non queda aquí a broma pesada e as consecuencias das chulerías para parvos de Feixóo. Naturalmente este tipo de financiamento dos mecanismos adicionais significou, durante o período 2012-2017, uns aforros substanciais para as distintas comunidades autónomas que a eles recorreron como mellor forma de financiarse e de defender os seus intereses. Por exemplo, dun aforro total de 51.983 millóns de euros no período sinalado, para Andalucía significou un aforro do 14,77% deste total; para Catalunya, do 39%; para a Comunidade Valenciá, do 23,42%; para Murcia, do 4,30...E Galiza? Pois quedouse no 0,55 (286 millóns de euros só) pola irresponsabilidade inmoral, cínica e servil do Sr. Feixóo coas estratexias españolistas a costa dos intereses dos pobo galego. Naturalmente o Sr. Montoro, o Goberno de España, ten con Feixóo un choio...O seu entreguismo pagámolo os galegos e galegas coas cousas de comer, e afonda nun estereotipo de Galiza funesto: podémonos rir deles que non son ninguén.

Agora comprenderedes por que se revelou como campión de que non haxa ningunha quita. Subliña: as débedas hai que pagalas por no dar mal exemplo. Sería unha inmoralidade, di. Agora mendiga que se compense a Galiza. Hai que ter cara dura. El preferiu servir de ariete contra outros en nome dos intereses políticos do PP, mentres o mesmo Goberno adoptaba medidas inevitábeis para paliar o que a súa propia política económica provocou e pór parches á insuficiencia do financiamento autonómico, que el aparentou desprezar dicindo que era un administrador eficiente que non necesitaba recorrer a elas. Nunca defende nada a favor do país. Iso si, ao verse rapado como as ovellas, móstrase como o galego chorón, que non tolerará a discriminación. El foi quen a provocou, pois puido ter acudido á mesma fonte que os demais. Sabe que, de non haber quita total ou parcial, haberá calquera outra medida que vai evidenciar os desastres da súa actitude. Só con que haxa condonación de xuros ou se amplíen os prazos de devolución destes préstamos, Galiza quedará burlada e facendo de parva. Porén a estratexia mediática segue a funcionar: Feixóo consegue que non haxa quita. Hai que agochar e despistar sobre os feitos, a práctica e a inenarrábel deixación de funcións propias dun presidente da Xunta. A súa é unha culpabilidade dolosa. Mágoa que na Galiza a ignorancia das elites, incluídas as políticas, agás moi honrosas excepcións no campo nacionalista*, facilite que discursos tan tóxicos, insáns, cínicos, inmorais e falsos, coa cobertura mediática, podan emitirse sen risco de descrédito e repudio universais.

*Todas as cifras deste artigo están tiradas de fontes oficiais. Foron recollidas dos informes do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas por Xosé Díaz Díaz, a quen debemos as únicas análises do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas e as consecuencias para Galiza feitas con rigor. Asemade alertou, hai xa tempo, sobre a práctica funesta que aquí denunciamos e as súas consecuencias.