Crise económica e unidade do nacionalismo galego

Crise económica e unidade do nacionalismo galego

A profunda crise económica pola que estamos atravesando é unha cosecuencia natural do proceso de mundialización da economía dirixido polo capital financeiro e especulativo. As súas consecuencias nos planos enonómico, social e político farán imprescindíbel que o nacionalismo se dirixa unido a unha sociedade que non vai estar en condicións de prestar atención a sutís matizacións diferenciadoras.

As últimas medidas económicas fronte á crise, particularmente ás adoptadas no Estado español, veñen a ratificar que o poder político dos estados está en retirada fronte ao capital financeiro e especulativo. Xa desde o comezo, o camiño tomado non foi o de emendar a senda dun sistema económico que está comezando a mostrar a súa peor cara, senón tentar salvalo. Iso si, unha salvación baseada nas achegas xenerosas dos Estados que van cargarse maiormente sobre as costas das clases populares.

Se nun primeiro momento é o Estado o que sanea directamente as contas do capital financeiro agora ábrelle as portas a novos ámbitos de negocio. En realidade trátase de transmitir a idea de que o problema económico reside no déficit dos Estados e no excesivo gasto social que estes acometen, aproveitando no caso do Estado Español para atacar as propias Administracións Autonómicas. Todo isto para endosarlle a factura da crise ás clases máis modestas (redución de salarios e pensións, incremento de impostos indirectos, reforma do mercado laboral...) mais tamén para ampliar aínda máis os ámbitos de intervención dese capital financeiro e especulativo (intensificación na privatización dos servizos públicos básicos como a sanidade, o ensino, o transporte, as comunicacións, bancarización das caixas de aforros...)

Desde o nacionalismo galego nunca fomos inxenuos a respecto do que viña a supor o proceso de mundialización da economía, proceso que tivo dous chanzos fundamentais no que foi, no seu momento, a integración na Unión Europea e o máis recente Tratado de Mästricht. As súas consecuencias están aquí e as últimas medidas non farán máis que empeorar a situación real da maioría da poboación.

Mais, certamente, se as medidas concretas tomadas polo goberno son un verdadeiro desatino, resulta moito máis grave aínda a súa actitude política fronte á situación, obedecendo os ditados do imperio, sexa na referencia americana ou no seu complemento europeo. Con esa actitude non cabía agardar outro tipo de medidas, pois para iso cómpre estar disposto a modificar unha dinámica tendente a que unha parte importante da humanidade sexa mera consumidora de aquilo que se produce nos centros do imperio ou baixo a súa autorización e supervisión. Claro que isto supón reformular o actual sistema produtivo para vinculalo máis ás necesidades da poboación e, congruentemente con iso, reformular a actual distribución dos marcos de soberanía política.

Contrariamente, optouse por radicalizar máis o sistema de desigualdades que vai vinculado, non casualmente, cunha maior perda de soberanía política da periferia e xa non digamos das nacións sen Estado.

Diante desta nova situación, o nacionalismo galego está na obriga de construír un discurso que vaia máis aló do conxunturalismo ou do oportunismo populista, e se centre en clarificar as raíces da situación e as súas vías de solución.

Neste proceso, a preocupante situación económica de amplos sectores da poboación, a progresiva tensión social que esta vai provocar e a radicalización das posicións políticas (seguramente non sempre no sentido positivo), farán que o nacionalismo só poida facer un contributo significativo se centra todos os seus esforzos nesta tarefa de clarificación e opera unitariamente. No noso país representamos a única posición que defende un cambio de rumbo e, por iso, é tan importante que a nosa alternativa acade unha importante significación social. Polo tanto, afortalar a unidade é un acto de responsabilidade patriótica, mais tamén é un acto de pragmatismo político, pois a situación que se aveciña non vai admitir moitos matices.