Ceferino Maestú Novoa: Morrer no sur

Ceferino Maestú Novoa: Morrer no sur

Grazas a unha pequena biografía publicada na monumental obra Los masones andaluces de la República, la guerra y el exilio…, publicada pola Universidade de Sevilla e coordenada polos profesores Leandro Álvarez Rey e Fernando Martínez López, soubemos da existencia e da traxectoria masónica dunha personalidade destacada na vida viguesa e, máis tarde, na gaditana: Ceferino Luís Maestú Novoa. Pouco máis hai sobre el: un brevísimo bosquexo na wikipedia e algunha noticia solta.

Naceu Ceferino en Vigo o 17-7-1890, no seo dunha familia de empresarios. O seu pai, Ceferino Luís Maestú Sequeiros, presidente da Cámara de Comercio de Vigo, da Xunta Local de Emigración e socio-xerente de “La Molinera Gallega” procedía, por xinea paterna, dunha familia procedente de Marauri (Treviño).

Cursa a licenciatura en Dereito na Universidade de Santiago, finalizando os seus estudos a finais de 1914, recibindo o título uns meses despois. Neste mesmo ano Ceferino aparece como un dos aspirantes á Xudicatura e carreira fiscal, sendo nomeado uns meses despois xuíz municipal suplente da cidade de Vigo. No mes de outubro, nun nomeamento de xuíces propietarios e suplentes para o cuatrienio 1916-1919, aparece, en Vigo, de novo como xuíz suplente. Tamén tivo despacho de avogado nun local da rúa do Príncipe.

No derradeiro mandato do seu pai como presidente da Cámara de Comercio de Vigo (a partir de 1914 ata 1919), na mesma directiva figuraba el como vicesecretario.

Por estes anos foi un dos directores do semanario vigués La Ráfaga.

Dende finais de 1915 forma parte do Consello de Administración da SociedadeAnónima Tranvías Eléctricos de Vigo.

Ao ano seguinte, 1916, vémolo formar parte, como un dos secretarios escrutadores, dunha Mesa elixida para a elección de Senadores. Neste mesmo ano forma parte dun grupo de persoas que se xuntaron no Concello de Vigo co obxecto de constituír o Comité local de Exploradores de España, sendo elixido un dos dous vicepresidentes. Tres anos despois, de novo recunca no mesmo cargo.

Na súa etapa de xuíz suplente tivo algún problema: a finais de decembro de 1916, por orde do fiscal da Audiencia de Pontevedra seguíase proceso no Xulgado de Instrución de Vigo contra o veciño das Cíes, José Rodríguez, por uns artigos publicanos nun semanario da cidade de Vigo contra el.

En marzo de 1917, -é xa concelleiro en Vigo-, acompaña a Oporto a Lino Torre, catedrático da Universidade de Santiago e deputado a Cortes, que ía impartir unha conferencia no Casino Español de Oporto. Con esta persoa debeu ter estreita relación, porque cando en 1921 celébranse en Santiago os funerais e enterro de Lino Torre, reitor nese momento da USC, Ceferino, alcalde de Vigo, forma parte da comitiva da familia.

Se xa en 1917 era concelleiro, en xaneiro de 1918, nun goberno municipal presidido por Francisco Lago Álvarez, Ceferino ocupa a segunda tenencia de alcaldía, exercendo de alcalde accidental en varias ocasións, tanto neste ano como en 1919. Na renovación municipal de febreiro de 1920 forma parte da candidatura “liberal urzaísta”, que acadará a vitoria, sendo elixido alcalde de Vigo. Mais, aínda que dispoñemos de bastantes noticias, non podemos agora profundizar no seu labor como concelleiro, tenente de alcalde ou alcalde nestes anos de 1918 a 1921.

En 1918, como membro da Sociedade Anónima Tranvías Eléctricos de Vigo, aparece como un dos colaboradores, en Galicia, para achegar suxestións no “Anteproxecto de Lei de intensificación de retiros obreiros”. O Consello de Administración da empresa estaba presidido por Carlos E. Gunche, figurando como vogal-secretario Ceferino e director-xerente o célebre anarquista galego Ricardo Mella Cea. Como xa vimos, formaba parte do mesmo dende 1915.

En xullo de 1919 temos noticias de que, ademais de tenente de alcalde, era vicepresidente da Xunta de Obras do Porto de Vigo.

Interesante é unha fotografía (que ilustra este artigo), publicada en Vida Gallega o 30-10-1919, na que se informa dunha visita a Laureano Salgado na súa finca de Baiona. Dentro do grupo de personalidades galegas asistentes, vemos posando na mesma a Alfredo García Ramos, Antonio Palacios e, xuntos, a Ceferino Maestú e a Castelao.
,En torno a estes anos casa con Asunción Barrio, filla do xefe superior de Administración e antigo Administrador de Correos de Vigo, Luís Barrio. A parella terá dous fillos, Ceferino Luís (nacido en 1920) e María del Pilar.

Respecto doutras actividades, sabemos que en marzo de 1921, na constitución do Ateneo de Vigo, será presidente da Sección Editorial do mesmo, e membro da Xunta de Goberno. Outras personalidades que formaron parte das diferentes seccións da entidade foron Manuel Gómez Román, Ramón Cabanillas, Ricardo Mella, Gerardo Álvarez Limeses, Carlos Sobrino, Manuel Lustres Rivas ou Enrique Peinador.

A súa vida experimentará un importante xiro cando nas oposicións celebradas en Madrid, en xuño de 1921, para cubrir catro prazas de inspectores de Emigración, Ceferino obtén o primeiro lugar. Uns meses despois, en novembro, o gobernador civil de Pontevedra destitúeo como concelleiro e alcalde de Vigo baseándose en que, de acordo coa lei, había incompatibilidade do exercicio de alcalde co de inspector de Emigración. Mais, por Real Orde dada polo ministro de Gobernación, foi reposto no seu cargo de alcalde; ante esta circunstancia, o gobernador civil presentou a dimisión. A resolución ministerial causou sorpresa en certos “elementos mercantiles” vigueses, que enviaron telegramas ao Goberno pedindo que non se admitise a dimisión do gobernador e adheríndose á conduta deste. Outros medios de prensa, sen embargo, consideraban que o gobernador, ao que consideraban honrado, equivocárase na súa medida, non aplicando correctamente os precedentes legais.

Ceferino é destinado como inspector de Emigración no Campo de Xibraltar. As preocupacións e queixas da alcaldía de La Línea, que xa en 1911 pedira ao Goberno que se tomasen medidas contra os abusos que se cometían contra os emigrantes, levou a que, anos despois, este establecese en La Línea de la Concepción unha Inspección de Emigración nun edificio da rúa San José nº 2, á fronte da cal estaba Ceferino xa en 1922. De alí regresa momentáneamente a Vigo, a finais deste ano, para acompañar ao seu pai nos últimos momentos de vida e presidir a condución do seu cadáver ao cemiterio de Vigo. Coa morte do seu pai, e por poderes conferidos por todos os irmáns, continúa á fronte das operacións mercantís familiares o seu irmán Antonio, futuro presidente da patronal viguesa.

A comezos de 1924 prodúcese un episodio, con trazas de agochar motivos políticos, polo cal oito alcaldes de Vigo, das corporacións de 1912 a 1921, son acusados de defraudar 43.000 pesetas. Unha comisión do Concello, -presidido por Amando Garra-, informaba que, por diversos problemas de malas xestións, deixáranse de ingresar nas arcas municipais certas cantidades de diñeiro, -que viñan especificadas por alcaldes-, aparecendo Ceferino Maestú Nóvoa con 14.908,25 pesetas. A comisión tiña a certidume de que os alcaldes responsables foran enganados polos seus subordinados, facendo que expedisen recibos de cantidades que logo non se ingresaban; pero a lei non os eximía de responsabilidade, xa que por omisión ou neglixencia na fiscalización das operacións municipais, deron lugar a que a fraude se consumase, polo que debían reingresar nas arcas municipais as cantidades expresadas, e proceder, polos medios necesarios, contra os empregados que cometeran a fraude. Polo exposto, a Comisión de Facenda pedía que se notificase aos alcaldes referidos que fixesen o Así o ordenará, uns meses despois, o delegado especial do gobernador civil. Un dos alcaldes afectados, Joaquín Martínez Chantrero, desmontará, nun longo documento publicado en varios medios de comunicación, estas acusacións.

Cremos que ten relación con este asunto a causa seguida en 1927, en Pontevedra, contra o ex contador municipal de Vigo, que se celebrou na Audiencia provincial; unha das testemuñas convocadas era Ceferino Maestú Novoa.

Segue exercendo como Inspector de Portos (Emigración) ata o ano 1928, cando, por disposición da Ditadura de Primo de Rivera, pasou a ser excedente obrigado. Detrás desta medida agochábase unha persecución política. Por esta razón, colexiaríase como avogado en Cádiz.

Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 en San Roque (Cádiz), onde residía, gañaron os republicanos. Ese día unha manifestación percorreu as rúas do pobo e Gabriel Arenas foi designado alcalde. Parece que Ceferino Maestú foi o primeiro en facer ondear a bandeira tricolor en San Roque o 14 de abril. Cremos que neste momento militaba no Partido Republicano Radical.

Un dos temas que preocupou a esta primeira corporación foi que a Lei Azaña fixo que desaparecese o destacamento local do Rexemento de Infantería Pavía. Como a economía da vila dependía moito da presenza dos soldados, nomeouse unha comisión que estivo presidida por Ceferino Maestú e que conseguiu que un batallón permanecese asignado ao pobo. Neste mesmo ano figura como apoderado, en San Roque, de varios candidatos para as eleccións constituíntes de 1931, e sabemos tamén, polo arquivo da Fundación Pablo Iglesias, que Ceferino escribiulle unha carta a Julián Besteiro Fernández, Presidente das Cortes, datada o 15-7-1931.

De 1933 só temos noticia que a finais de setembro visitou ao gobernador civil de Cádiz.

Relacionadas coa represión logo da revolución de outubro de 1934, no Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca consérvanse unhas cartas de Ceferino Maestú Novoa relativas a uns detidos por motivos políticos de Los Barrios (Cádiz), con datas 27-10-1934 e 3-11-1934.

En 1936 (quizais xa dende había anos), reside coa familia na rúa José Luis de Torres na citada vila de San Roque. Nas eleccións de febreiro de 1936 foi apoderado por candidatos da Frente Popular en Cádiz. Co triunfo desta candidatura nas eleccións, o día 19 dese mes os concelleiros radicais de San Roque poñían a disposición do gobernador civil os seus cargos. Ao día seguinte celebrouse a sesión plenaria de traspaso de poderes, pasando o bastón de mando a Antonio Galiardo. Pouco despois, Galiardo apareceu no balcón do Consistorio, sendo recibido con aplausos e vivas á República. Acto seguido invitou Ceferino Maestú, presidente local de Unión Republicana, a saír, recibindo unha grande ovación.

O 3 de xuño de 1936 é nomeado gobernador civil de Huelva. Algo menos dun mes despois, presentará a súa dimisión, tendo o seu cese data do 4-7-1936, aínda que permanecerá no posto uns días máis. Alegou, para deixar o cargo, ter que atender asuntos perentorios do seu bufete de avogado en San Roque.

Por diversas fontes sabemos que o 27-7-1936 foi sacado da súa casa, xunto co seu fillo Ceferino, de 15 anos, por un grupo de soldados marroquíes do exército sublevado, e a empurróns leváronos ao final da Alameda onde había máis detidos. Foi fusilado, xunto con outras persoas, nos muros do cuartel Diego Salinas, en Alxeciras. O seu fillo salvou a vida no último momento porque un oficial, pai duns amigos seus, recoñeceuno e sacouno do grupo de vítimas.

Os restos mortais de Ceferino deben estar nunhas fosas comúns do cemiterio de San Roque.

Respecto da súa traxectoria masónica, consta como iniciado en 1925. Utilizaba o nome simbólico “Zoroastro”, obtivo o grado 2º en maio e o grado 3º en setembro de 1925, chegando ao grado 4º en outubro de 1926. Pertenceu á loxa “Resurrección 329/3” de La Línea de la Concepción (Cádiz), da que foi Venerable Mestre. Presentou a prancha de quite desta e posteriormente integrouse no "Capítulo Firmeza 69" de La Línea de la Concepción para logo facelo, no, primeiro, Triángulo (constituído o 5-10-1932) e despois loxa “Vergniaud 65” de San Roque, da que tamén foi Venerable Mestre en 1935 e 1936. Representou ás loxas “Resurrección” e “González Roncero” (esta, de Los Barros) na Asemblea da Rexional do Mediodía que tivo lugar en Sevilla en decembro de 1932. Foi garante de amizade da loxa “Hijos de Hiram” do Vicedo (Lugo) ante a loxa “Resurrección” en 1933 (cremos porque o que foi Venerable Mestre da loxa luguesa, Jesús Castaño Galdo, alcalde de Mañón e asasinado tamén polos fascistas en Ferrol, vivira en Cádiz e alí iniciárase na masonería na loxa "Hijos de Hiram" de Cádiz).

No Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca consérvanse unha ficha de encasuado polo Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo, unha Información sobre el por delicto de masonería, con data de creación: 14-8-1948 – 3-8-1949 e, procedentes da Dirección Nacional de Servizos Documentais, 7 fichas máis.

Sorprendente será a traxectoria do seu fillo Ceferino Luís Maestú Barrio. Logo do asasinato do pai, a familia trasládase a Vigo. Un tempo despois, alístase no exército franquista -ao parecer, para protexer á nai e irmá- e ingresará na Falanxe, seducido, segundo el, polo seu discurso revolucionario, mais, transcorridos uns anos, desenganado do seu devalar, converterase nun dos membros desa minoría de falanxistas autodenominados "auténticos", antifranquistas. Vencellado á HOAC, chegará a ser un dos fundadores, con Marcelino Camacho, de Comisións Obreiras, aínda que as abandonará en desacordo co control que quería exercer nelas o PCE, será condenado polo TOP a un ano e medio de prisión. Xornalista, manterá actividades sindicais sempre vencelladas a esa corrente falanxista minoritaria e será autor de preto dun centenar de libros.

Por último, a filla no noso biografiado, Pilar Maestú Barrio, chegará a ser catedrática de Escola Normal (docente de Francés) e recibirá do Goberno galo, en 1968, as Palmas Académicas, na categoría de chevalier.