Cárcere dos pobos

A Jordi Sánchez, Jordi Turull, Josep Rull, Raul Romeva e Oriol Junqueras

Estamos á porta de se celebraren unhas eleicións múltiples, no caso galego, para os concellos e para a UE. A ver cando dunha vez, sobre todo os nacionalistas, falan coa corrección debida a este respecto, e non empregan a palabra Europa, algo máis que o alpendre mercantilista e escaso en democracia e xustiza que é a Unión de varios dos seus Estados, entre eles o español. Espero non ter que recorrer á enumeración dos que non están, coa soia indicación de que Europa vai do Atlántico aos Urais. Tampouco creo que deba pararme en demostrar que as nacións naturais, os pobos sen Estado, non existen politicamente para a Unión Europea. Feitas estas aclaracións, urxidas pola necesidade, digamos agora que estes procesos eleitorais coinciden coa constitución das Cortes (Congreso e Senado) que, segundo parece, expresan a vontade do pobo español, o único existente, segundo o dogma constitucional.

Esta feliz, por didáctica, confluencia ou coincidencia, está a deixar en evidencia aínda máis a cativa, ruín, inquisidora e represiva democracia española (chamémoslle así xa que tan avariciosos e pagados de si mesmos están, tan contentos de se coñeceren a si mesmos e descoñeceren os demais). Segundo a mediática que nos instrúe, a sesión de constitución do Congreso estivo presidida por unha Mesa de idade, na que destacaba un médico burgalés pola súa aparencia valleinclanesca. Mágoa que tan respectábel señor non tiver a autoridade nin seguramente o arroallo necesario para se desenvolver libremente, con Valle Inclán inspirándoo e animándoo por detrás, perante algunhas actitudes, acenos, comportamentos e palabras que alí se viron e escoitaron, sobre todo unha vez presidida a sesión xa pola nova presidenta, Maritxel Batet . A primeira delas, en todos os trámites precedentes, asistir á abafante e lacerante escena da chegada duns deputados, en prisión preventiva, controlados policialmente e con esposas. Toda unha metafórica expresión do limitado espazo que se permite como expresión e desexo de vontade política nesta democracia española, tan estreito que axiña se entra en terreo prohibido, vedado e co castigo conseguinte.

Por se fose pouco, aínda faltaban por chegar os escarnios e as intolerancias agresivas, impropias dunha institución que debía ser o templo da liberdade de expresión e do respecto pola diversidade política, e a ameazante intencionalidade da Fiscalía do Supremo, que precedeu, intentando desbaratar, de forma inconsecuente conforme á propia legalidade deles, o que non puideron impedir, conforme a esa mesma legalidade: os cataláns, en prisión preventiva, puideron presentarse ás eleicións xerais, saíron eleitos, tomaron posesións conforme ao regulamento...e son deputados polo pobo español, eleitos por circunscricións eleitorais provinciais, marco tan querido e insubstituíbel para España...Como non foron quen de impedilo coas armas da súa lei, agora procuran unha alternativa aniquiladora que pasaría, nada menos, por enriba da vontade popular, expresada nas urnas, por enriba da propia institución, o Congreso, que, tras o cumprimento do último trámite, o acatamento da Constitución, validou plenamente a acta deses deputados...E todo sen estaren xulgados nin condenados polos presuntos delitos que se lles imputan con esaxerado e incontinente afán de castigo exemplar. Que este empeño sexa arroupado, con encirrada animación, con balbordo histérico, por unha boa parte dos deputados e deputadas españois, cos seus líderes en cabeza, como covardes galiños de pelexa que se saben protexidos na súa arrogancia antidemocrática por unha mediática imperial e unha opinión pública, en boa parte intoxicada, demostra en que pouco se teñen a si mesmos e á institución na que se di está representado o pluralismo da sociedade española....Un Rivera ao estilo José Antonio, sen a súa cultura, brama, con máis vileza que brío, póndose ao servizo da Fiscalía e atacando non se sabe que indulxencia da Presidenta do Congreso, que non se define, pero está disposta a que un problema así o diriman desde fóra da institución, nada menos que un Tribunal Supremo que xa é obxecto de descrédito internacional, pola súa nesgada e agresiva actitude cos acusados e as súas testemuñas...Quen será este Tribunal para retirarlle a acta de deputados a uns acusados non xulgados nin condenados? Onde a presunción de inocencia? É o papel deste Tribunal premer a outras institucións, esas si de elección democrática e expresión da soberanía popular, para actuaren de forma antidemocrática e atentatoria da propia soberanía na que se fundamentan? Como pode ser garante de nada un Tribunal que mantén en prisión preventiva durante máis dun ano e nega a súa condición de presos políticos a quen está acusado e encarcerado por actividades pacíficas puramente políticas?

Ao final, chégase non a xulgar feitos, senón intencións. O Sr. Casado, máis cauto, pero con meridiana transparencia inquisitiva, falou. Non será que estes cataláns acatan, pero na súa conciencia desacatan e deben ser expulsos da democracia española? Non será que non teñen fidelidade íntima á debida subordinación a España que todo bon español debe profesar con absoluta entrega? Deus, que demócratas! Que perigo! Xulgar intencións, non feitos! Queda un sen alento. Lémbrame que cando entrou, co pretexto do terrorismo, o afán de vixilancia sen límites de nada, sendo Ministro do Interior, o Sr. Mayor Oreja, falei de que o pensamento nunca delinquía para facer ver que eu podía pensar en matar a alguén de forma figurada ou mesmo real como unha hipótese, e máis, enuncialo en soidade ou acompañado...Poderían gravalo, pero iso non era unha proba de que eu matara a ninguén ...O Sr. Trillo, presidente do Congreso, confesoume que a frase o impactara...Aclareille axiña que non era miña, que era de Manuel Curros Enríquez, nun libro sobre un político galego demócrata, Eduardo Chao, editado en 1893. Esta democracia española non entende que deba haber liberdade de expresión plena sequera....En vez de pensar que o variado florilexio de formas de acatamento e xuramento da Constitución sobrevidas nesta conxuntura é un síntoma dunha perda evidente da súa lexitimidade e da súa aceitación, por uns ou outros motivos, argallan axiña en como aplicar unha fórmula restritiva, isto é, volver ao pasado nisto tamén, non deixar opción a desmarcarse nin o máis mínimo...Non poden asumir que unha cousa é acatar e outra, moi outra, estar de acordo, sentirse identificado....Até isto queren prohibir, impedir . O esperpéntico espectáculo deixa, máis unha vez, dúas preguntas no ar: Ula a soberanía popular? Ulo o respecto polo pluralismo político?

Velaí a causa desta situación que estamos a vivir. Resulta moi triste o trato que se lles está a dar aos eleitos cataláns, en prisión, continuación de todos os despropósitos e arrogancias cometidas contra o pobo catalán nestes últimos anos. Resulta triste e máis que preocupante ver que o Tribunal Supremo non é máis que un Tribunal da Inquisición amparado na forza e na irracionalidade. Resulta inxenuo pensar que nada disto vai con nós, humildes e pragmáticos galegos, porque o importante é xestionar o que hai, o espazo tan estreito que España nos permite. Aínda que saibamos que non nos vai nada ben. Non estaría mal que cavilemos en se o que nos acontece a nós é para botar foguetes, e se algo non terá a ver cos motivos polos que hai presos políticos cataláns. Que os resultados das próximas eleccións favorezan a política que se esforza por que Galiza exista como pobo distinto con dereitos. Ese é o reto real do nacionalismo na Galiza.