Cando a excepcionalidade climática se transforma en norma

Cando a excepcionalidade climática se transforma en norma

Nestas últimas semanas estamos a vivir fenómenos climáticos extraordinarios, que traen como consecuencia a chegada do mar a lugares antes insospeitados. Vemos como algunhas praias desaparecen ou avanzan cara á terra, levándose o mar noiros e dunas. Vemos tamén como algunhas estradas son invadidas polo mar. Mesmo houbo varias mortes de persoas arrastradas pola ondada.

Nos últimos anos lemos novas nos xornais das alturas excepcionais das marés, do incremento dos datos de alturas máximas das augas nos peiraos, das enchentes en diversos lugares baixos a causa de marés vivas e cousas polo estilo, mais, a que se deben estas circunstancias?

De todos é sabido que o nivel do mar non sempre estivo como na actualidade, xa estivo máis alto e tamén máis baixo. Durante as glaciacións o mar retirouse case ata o bordo da plataforma continental, que nas nosas costas chega estar a 20 ou 30 quilómetros da costa, ficando as rías practicamente secas, a penas atravesadas polas extensións dos ríos que actualmente verten no seu interior.

No século XX, a posta en marcha de mecanismos de medición do nivel do mar permitiunos apreciar o fenómeno da súa subida, que foi de ata 20 centímetros nos últimos cen anos. Tamén nos permitiu saber que nas últimas décadas do s. XX ese aumento foi de máis do dobre que nas décadas precedentes de principio e mediados de século.

O aumento do nivel medio do mar é o reflexo do aumento da temperatura do planeta.

Se afirmamos que o desxeo a nivel planetario aumenta o volume de auga líquida, non dicimos novidade ningunha, pois todos os veráns hemisféricos provocan o desxeo dos glaciares e dos xeos polares, esta situación compénsase nas seguintes estacións frías, ao repoñerse a capa de xeo. Mais o quecemento global provoca un aumento do derretemento dos xeos e unha diminución das nevaradas sen a conseguinte compensación nas estacións frías, o que incrementa, por tanto, o volume de auga dos mares provocando unha elevación do seu nivel medio.

O planeta Terra ten dúas partes da súa superficie cubertas polo mar, talvez por iso fose mellor chamalo planeta Mar. O volume de auga permite crear unhas condicións axeitadas para a vida no planeta por varios motivos, un deles é a regulación térmica, evitando as grandes oscilacións de temperatura, letais para a vida, e dando lugar a un efecto compensatorio da temperatura entre a terra firme, a atmosfera e os océanos. Deste xeito, o quecemento da atmosfera, a causa do efecto invernadoiro provoca, en primeiro lugar, un efecto compensatorio no mar, mediante o cal a auga mariña absorbe parte dese calor evitando que suba máis a temperatura atmosférica. A consecuencia da absorción do calor é un aumento gradual da temperatura do mar e como consecuencia unha dilatación da masa de auga que deste xeito ocupa máis espazo, e, por tanto, aumenta lixeiramente o nivel medio do mar.

Estes imperceptibles aumentos do nivel do mar son recoñecidos sobre todo polas persoas maiores que nos poden dicir que o mar nunca chegou ata alí, aínda que localmente outros elementos poden influír nesas apreciacións, como son os cambios de correntes e de dinámicas litorais a causa de obras portuarias.

As perspectivas futuras non son moi alentadoras, O Grupo Internacional de Expertos sobre o Cambio Climático indica que a tendencia irá en aumento ata finais de século propiciando un aumento do nivel medio do mar de ata 80 centímetros, aínda que estes valores poden ser maiores a causa da aceleración do derretemento dos xeos polares.

Segundo os expertos en cambio climático, o aumento da temperatura do mar é un dos desencadeantes do aumento das perturbacións meteorolóxicas, coma os furacáns do Atlántico americano. Nas costas europeas estamos libres destas violentas perturbacións, aínda que poden chegar ás nosas costas a xeito de fortes depresións atmosféricas, ou borrascas, que entran no continente sobre as nosas cabezas a xeito de temporais do sur e oeste. Ata aquí todo normal, a cuestión é que as depresións atmosféricas no centro do océano provocan ondas de superficie, nestas semanas pasadas chegaron a medir 18 metros de altura. Estas ondas diríxense cara a costa provocando unha multiplicación do efecto da subida media do nivel do mar, por iso, eses vinte centímetros de media de subida do nivel do mar, en momentos de temporal aprécianse como tremendas ondas de varios metros de altura cunha penetración ao chegar a terra de decenas ou centos de metros terra adentro.

A falta de interpretación destes indicios de cambios no mar, a imprevisión e a especulación das últimas décadas, mesmo a imprudencia da curiosidade humana, todas estas cousas foron e son as que nos levan as situacións vividas nas últimas semanas. Teremos que poñer mans no asunto para adaptarnos a estas circunstancias, porque a excepcionalidade de hoxe, provocada por unha borrasca, pode transformarse na norma de mañá a causa da paulatina subida do nivel medio do mar.