Cambio climático e aumento do nivel do mar

Cambio climático e aumento do nivel do mar

Din que todo o bo remata e así aconteceu co benigno clima na época da Idade Media. Do denominado óptimo climático medieval do Hemisferio Norte, entre o século X ao XIV, pasouse á pequena Idade do Xeo, dos séculos XIV ao XIX. Acaso serían os pampillos da Grenlandia (terra verde) os que inspiraron aos descendentes de Erik Thorvaldsson, o Vermello, a navegar cara ao sur saqueando todo o litoral durante o baixo medievo?

Estudando o pasado podemos observar como os cambios ambientais, incluído as oscilacións climáticas, provocaron fondos cambios sociais. O exemplo dos viquingos é só unha pequena pincelada respecto desta afirmación, hai outras máis, e moitas que afectan a Galiza, dende o clásico comercio do viño galego, abrindo novas liñas marítimas comerciais, á historia da caza da balea.

Mais, a que nos enfrontamos? Vivimos unha nova situación de cambio climático, por primeira vez na historia, monitorizado. Recibimos moita información ao respecto, máis da que somos capaces de procesar e asumir, nin individualmente nin de xeito colectivo. É como aquel veciño, de mal agoiro, que alerta todos os días de que o porpiaño da fachada vai caer, que cada día está uns milímetros máis separado. Tanto, e tan insistentemente advirte, que os viandantes deixan de percibir o risco, ata que cae, entón o mal agoiro pasa ser o profeta.

Así que imos falar só dunha cousa, do mareógrafo, un mecanismo que mide a altura do nivel mar, consistente inicialmente nunha simple liña horizontal que marcaba a altura do mar e hoxe en día en dispositivos de alta precisión. Este sistema leva colocado dende hai anos nas instalacións portuarias de moitas partes do mundo, é por iso que o porto de Vigo dispón de varios que aportan información regular sobre a oscilación media anual do nivel do mar da ría. Así, consta que dende 1943 o nivel do mar ascendeu 18 cm, que, se ben non parece moito, esta ascensión non foi regular, dado que nos últimos 20 anos o aumento medio anual foi de 3,2 mm mentres que a mediados do século XX foi de menos de 1,5 mm. Este aumento progresivo pode levar que ao redor do ano 2050 o incremento do mar chegue a varios metros, coas consecuencias que para as localidades litorais poida supoñer, e que xa estamos apreciando cos danos nas infraestruturas durante a ondada dos temporais do inverno. Uns centímetros de ascenso son moitos metros de ondada nun mar bravo.

O aumento do nivel do mar débese ao derretemento dos xeos dos polos, aínda que o seu funcionamento é asimétrico, o Hemisferio Norte vese máis afectado que o sur, é unha evidencia científica incontestable e contrastada coa monitorización que tanto no Ártico como na Antártida se está a levar a cabo.

Grenlandia está a sufrir acontecementos contraditorios moi rápidos, desxeos, inundacións e reconxelacións, todos estes fenómenos en pouco tempo, o que se traduce en perda de capacidade de conxelación e, de reter os xeos, en pouco tempo de verdade volverá ser a terra verde que viron os ollos do cacique viquingo Erik o vermello, e tamén os exploradores que chegaron alí, algún cen anos antes ca el, como Gunnbjörn Ulf-Krakuson ou Snaebjörn Galti.

Os asentamentos científicos de moitos países do mundo no continente Antártico levan estudando a evolución dos xeos e glaciares. A constatación do desxeo é tamén un feito. Hoxe en día enormes placas de xeo, que parecían rexas dende hai moitos centos e milleiros de anos, están a rinchar por mor da perda de decenas de metros de grosor, polas profundas fendas abertas na súa parte superior e pola acción da entrada de auga submarina quente na súa base. É como a advertencia do malagoiro do que falabamos antes. o espesor da capa de xeo sobre o continente é de 4.075 metros, mais nalgúns glaciares tense comprobado o adelgazamento de máis de 45 metros. A temperatura media anual ten ascendido máis de 2,5ºC e os invernos son 5ºC máis cálidos, un aumento maior que no resto do planeta, a banquisa, xeos invernais sobre o mar, resiste só catro meses ao ano, tres menos que antiguamente.

A pesar do efecto asimétrico do clima nos dous Hemisferios, océano só hai un no planeta, por moito que lle mudemos o nome local, e se esas titánicas placas de xeo se desprenden e derreten tenderán a igualar o nivel do mar en todo o océano, acrecentándoo substancialmente. Como exemplo, saber que a Península Antártica, a parte antártica máis achegada ao continente americano, servía de columna vertebral das plataformas de xeo permanentes Larsen e á banquisa do Mar de Weddel, a plataforma de xeo Larsen A desintegrouse no 1995 e a Larsen B no 2002, deixando de ser xeos permanentes. A plataforma Larsen C, máis grande que as anteriores, con 5000 km cadrados de superficie e cunha fenda de 200 km de lonxitude diminúe a súa superficie. Isto é porque a Península Antártica é o lugar máis cálidos da Antártida.

Din que o que pasa no mar queda no mar, máis o que pasa na Antártida, non só queda alí, senón que o sentimos tod@s. O anuncio do abandono dos USA do acordo de París é unha moi mala noticia. Por favor, que alguén llo explique a Trump, aínda que sexa usando os monecos de Barrio Sésamo, e a súa mítica dialéctica, primeiros pasos: grande e pequeno, dentro e fóra, ser ou non ser.