As cicatrices do Prestige: III. Lobos mariños

As cicatrices do Prestige: III. Lobos mariños

A finais de 2002 o chapapote enchoupaba as nosas vidas e ennegrecía todos os corazóns. Nunca máis (http://www.plataformanuncamais.org:8080/) era xa unha realidade despois da manifestación multitudinaria en Compostela. Mentres, os especialistas da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, entidade integrante dende o inicio da plataforma, seguían co seu labor de atención á fauna mariña afectada.

Os lobos mariños cincentos (Halichoerus grypus) nacen nas costas irlandesas e do Reino Unido a finais de setembro, durante ese mes permanecen coas súas nais que os aleitan, pouco despois mudan o pelo branco co que nacen e introdúcense no mar separándose da súa proxenitora para sempre, só han voltar á colonia cada ano na época de muda e anos despois na época de reprodución. Debido a alta densidade dos arredores da colonia, algúns animais dispérsanse en todas as direccións da rosa dos ventos, ese é motivo de que cheguen ás costas galegas, portuguesas e de todo o norte Peninsular.

O día 28 de decembro de 2002 coñecemos a triste nova do falecemento de Man, o alemán de Camelle, non soportou ter enchoupado de chapapote a súa obra vital, ata mesmo a porta da casa. Dous días despois recíbese a nova de que un lobo mariño, dun ano de idade, chega ás costas da Mariña Luguesa.

Cuqui, así lle chamou a veciñanza, pasou varias semanas polo norte, dende Portocelo ata Avilés. Foi examinada nos primeiros días polos especialistas da CEMMA, tiña a penas unhas poucas manchas de chapapote no pescozo, algo sen importancia, e traía unha chapa na membrana interdixital da pata traseira dereita (CONTACT: NATIONAL SEAL SANCTUARY. 114. 01326-221301) que desvelaba o seu paso por un centro de rehabilitación do Cornualles inglés, onde foi liberada. O contacto co centro permitiu saber que a súa orixe era Portugal, onde foi recollida na praia e permaneceu uns meses en rehabilitación, estaba claro que gostaba do ambiente do sur. Non foi preciso recollela pois o petróleo non chegou neses días masivamente a aquelas costas. Semanas despois apareceu en moi mal estado no Orzán da Coruña morrendo pouco despois, non foi consecuencia do petróleo, ao menos aparentemente.

Habitualmente os lobos mariños comezan aparecer polo norte despois de novembro, o porto de Cariño soe ser un dos lugares preferidos polos lobiños para aterrar. Chegan cansos e esgotados de navegar, con menos de tres meses de idade, por un mar maior bravío e descoñecido. Ao chegar pousan en terra, descansan, comen, engordan e logo de recompoñerse seguen o seu camiño. Mais dada a súa inexperiencia algúns deles comen mal, cousas pouco nutritivas, perden peso, por iso teñen frío no mar e saen fóra, mais en terra vai moito máis frío, acatárranse, e se non se lle pon remedio rematan morrendo de neumonía. Eis o motivo de que os especialistas da Rede de Varamentos de Galiza, xestionada pola CEMMA, decidiran recoller a estes exemplares dende 1998 para recuperalos e devolvelos sans ao medio.

Poucos días despois de saber da presenza de Cuqui no norte, os equipos de limpeza da zona cero, informan da presenta dun lobo mariño nos cons da Praia de Arnela en Muxía. Alí foi desprazada a unidade móbil para recollelo, comprobando que se trataba dun vedadeiro trapo de taller mecánico, un animal enchoupado, negro e cheirento a gasoil, mais, aínda vivo. Así, foi desprazado á Unidade de Coidados Intensivos de Vigo para ser limpado, principiado o proceso de rehabilitación. O animal retornou a súa cor gris orixinaria, era unha femia moi prateada. Respondía favorablemente, comezaba a comer por si só, mais ao quinto día as súas constantes vitais caeron en picado, entrando nun proceso comatoso e finando días despois. A pesar de vivir no centro do furacán do verquido o lobiño comera san, o seu aparato dixestivo estaba limpo e funcionaba perfectamente, mais os gases do hidrocarburo destrozaran completamente a súa estrutura pulmonar, incapacitándoo para continuar a longo prazo, ingresou así, xunto con Man, na estatística de vítimas do Prestige.

Días despois os cantís de Picón, Ortigueira, ofreceron un novo lobo mariño, desta volta, igual ca Cuqui, moi pouco manchado. A rehabilitación deste lobo mariño neste caso na UCI instalada no Museo da Natureza da SGHN de Ferrol, foi ben e Picón foi ceibado totalmente recuperado o 26 de xulo de 2003 nas augas do Grand Solé pola embarcación Navegante Magallanes, un arrastreiro que faenaba nesa zona e que dende aquela colaborou coa Rede de Varamentos na liberación de animais recuperados.

Foi posible vencer ao chapapote, a pesar das múltiples baixas, foi posible darlle a oportunidade da vida algúns dos animais afectados. O 80% das tartarugas e dos lobos mariños recollidos foron ceibados, fronte a tan só o 10% das aves mariñas, claro que as cifras de vítimas nestas últimas, como xa comentamos, foi escalofriantemente máis numerosa.