Aquela UPG que temos por contar

Aquela UPG que temos por contar

Madrid, ao seu pesar, operou como unha fábrica de galegos enteiros. Nin foi un fenómeno novo na nosa historia nacional e aínda menos unha realidade peculiar dunha situación colonial que é de nós pero non só. Así na década dos anos vinte conformouse a “Mocidade Céltica” arredor de Fermín Penzol, Álvaro Xil, Ben-Cho-Shey ou os irmáns Fernández que quixo ser nacionalismo feniano e iniciar a loita armada en Galiza; na década dos trinta xurde a Alianza Republicana Galega Autónoma (ARGA), con algúns dos anteriores como Penzol e Ben-Cho-Shey máis novos adherentes como Bal e Gay ou Carlos Maside; nos primeiros cincuenta baixo o maxisterio de Ben-Cho-Shey e Ramón Cabanillas no Lyon Dor articúlase o “Fato Castelao” do que partillan o Alonso, o Almoina, o Pousa ou o Jaureguizar; nesa segunda década do século XX, sen máis patrocinio que rescatar a Castelao do secuestro do edificio de Xelmírez 15 e coa simpatía de Ben-Cho-Shey e Otero Pedraio, nace ao mundo galego Brais Pinto; xa na segunda década dos sesenta, impulsado pola UPG, xurdira todo un microcosmos asociativo galego cunha vontade evidente de organizar á nosa sociedade en todos os campos. Porén procesos como os vividos polos homes e mulleres que vimos de referir e outros que van aparecer non son anécdotas só aplicábeis a nosa loita anticolonial, así dirixentes como Fannon, Aimé Cesaire ou Shengor que tomaría papel activo na loita contra o colonialismo francés, tomarían precisamente en París consciencia da realidade das súas patrias; outro tanto acontece con Amilcar Cabral, o pai do Cabo Verde libre, renacido africado mentres estudaba en Coimbra, ou Agostiño Neto, o noso irmán e camarada Angolano, que comeza a organizar a resistencia do seu povo desde Lisboa e tamén o Samora Machel, Mozambique e RENAMO, que se decide a loita desde a capital da metrópole portuguesa.

O núcleo madrileño da UPG vai aparecer como brazo e cerebro da organización como coñecían os propios ao Partido até os primeiros setenta. Aqueles primeiros anos, anos de indefinición e de falta de homologación no traballo, o Partido era unha realidade anecdótica na Galiza até o punto de que o propio Hartmut Heine, no seu xa clásico traballo sobre a oposición ao franquismo en Galiza publicado en “Ruedo Ibérico”, determina que máis de dous terzos da militancia da UPG se concentra en Madrid. Alén deste aspecto, que non supera o plano cuantitativo, o que merece destaque desta agrupación que desde un principio lidera Bautista Álvarez é a claridade do seu proxecto ideolóxico, gravitando no feito nacional e que o liberaría de escisións temperás cara a esquerda española como acontecería no interior con casos como Arxona ou o mesmo González Blasco, así como a consideración do traballo organizado e a concepción do Partido como un instrumento para acción apartado de prácticas ateneísticas ou de club de opinión. Mentres a UPG en Galiza nin estaba nin se lle esperaba, o grupo de Madrid, preparaba e editaba o número extraordinario e derradeiro da revista “Signo” titulado “Galicia hoy”, distribuía a folla voandeira contra o encoro de Castrelo de Miño “Xustiza si, embalses non” en 1966; lanzaba en Nadal de 1967 a campaña “Liberdade para Galicia" que remataría con tres militantes, estudantes en Madrid, diante do Tribunal de Orde Pública; organizaba en 1968 o primeiro Día da Patria Galega após 1936, elaborando e distribuíndo a propaganda; e, mesmamente, enviaría na Semana Santa de 1969 a Fernando Campos Posse, para nós “Campos de Lalín”, aínda que era natural da Coruña, a Xavier Pousa, o pintor de Goián, e a Pepe Torres, que posteriormente encabezou unha manobra fraccional para satelizar á UPG da esquerda española, á reitoral que rexentaba Xosé Estevez na Fonsagrada para preparar a tirada do material do Día da Patria Galega dese ano.

Aquel Madrid galego era moito máis que o Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da UNESCO. Se ben aquela entidade cultural que se reuniu baixo o paraugas da UNESCO, no local que esta tiña en Tirso de Molina, observada de esguello polo aparello de represión franquista e tamén polo PCE, foi a agrupación máis decisiva, polos cadros que alí se formaron, para o asentamento orgánico da UPG após 1972, a labor daquel mundo galego presente nos romances xuvenís de Lois Diéguez e Vicente Vázquez cubrirá todas as esferas onde era posíbel asentar ao País. Aqueles seminaristas laicos, na súa maioría estudantes, que tiveron como reitores principais ao Ben-Cho-Shey, o profesor das aulas de galego, e ao Bautista Álvarez, profesor de historia, movían -ducia arriba ducia abaixo dependendo dos anos académicos- a perto dunhas sesenta ou setenta persoas. No que era o local do Seminario ou na súa extensión, a casa do pintor Patiño, a maiores dispoñíase das dependencias do Colexio Maior “Santiago Apostol” dirixido por un nacionalista checo exiliado, o Sr. Chekar, onde se agochaba o aparello de propaganda da organización financiado por diñeiro recadado en exposicións de pintura, doando Luís Seoane cadros para as mesmas tras explicarlle a finalidade última da cesión; unha nova Galiza comezaba a xurdir. O Lois Diéguez consagrábase como escritor, Xabier Rodríguez Baixeras, estreábase co seu “Solpores de Gloria” e redixía o seu aínda inédito “Poemas galegos en Madrid”, Vicente “Tito” Vázquez, abandonaba a escrita camiño das belas artes aínda que tan distinto ao Pousa e ao Patiño. O Manolo Conde e a Cuqui poñían andar “Edigsa Xistral” a produtora de música no que se iniciarían “Voces Ceibes” e por conseguinte a canción galega; ao Xoán Soto, Patiño diagnosticáballe unha rara enfermidade PCE, e o Pepiño da gaita, falo de Xosé Soto López, chamaba a articular “Un ballet galego” mentres se casaba no “Pozo del Tío Raimundo” cunha alianza forxada en ferro.

Todas e todos eran de todo, sen saber moi ben onde comezaban ou remataban o noso campo de actuación. Aínda así unha das experiencias de máis interese, pero ao mesmo tempo máis descoñecida, daquela Galiza que lle tocaba vivir na cova da serpe é a influencia da UPG no movemento estudantil a vía do autodenonimado “Comité das Nacionalidades” formado maiormente por galegas e vascas, cun escaso aporte catalán. Non deixa de ser clarificador a influencia dos nacionalistas galegos entre os universitarios e as universitarias en Madrid, o que choca coa ausencia de presenza na Universidade Galega. Ramón Múñiz, outro dos que chegou ao nacionalismo no seminario madrileño, lembrando a morte do dirixente nacionalista vasco Txomin Ziluaga contaba nun recente artigo en “Sermos Galiza” como soubo del “Coñecémonos de casualidade. Aconteceu un día do curso do 68, cando un grupo de estudantes galegos en Madrid puxemos unha pancarta na facultade de CC. Políticas en solidariedade coa rebelión democrática nas aulas da universidade compostelá. O carácter nacionalista do texto e o rechamante para os estudantes de Madrid que estivese escrito en galego, chamou asombrosamente a atención que ata fixo que viñese a vela Bautista Álvarez e por riba se conseguise realizar unha asemblea dedicada exclusivamente a tratar o problemas das nacións históricas estatais”. Unha das dirixentes de peso daquela UPG madrileña, responsábel de facto no traballo entre o estudantado e testemuña de García Calvo en varios xuízos, Pilar Allegue, afirmaba que "os Comités da Nacionalidades, é dicir, comités formados por vascos, cataláns e galegos que operaban dentro da oposición universitaria a fin de orientala nunha oposición anticolonial que non existía para esquerda española”. A andaina deste Comité das Nacionalidades vai escribir páxinas de loita en diferentes facultades acadando mesmo a elección dos seu membros como delegados e así atopamos con Uxío Rei, tamén vinculado na altura á UPG, como delegado de Veterinaria, a mesma loita que aínda sen vencellos orgánicos levarían, contra o fascismo e pola galeguización do sistema educativo, outros galegos, tamén delegados de curso, como Francisco Rodríguez, delegado dos alumnos de Letras.