Aproximación a unha etapa estelar e conflitiva de Galiza de Francisco Rodríguez

Aproximación a unha etapa estelar e conflitiva de Galiza de Francisco Rodríguez

O pasado sábado tiven a honra de acompañar, xunto con Nemesio Barxa, a Francisco Rodríguez na presentación do seu último libro Aproximación a unha etapa estelar e conflitiva de Galiza no Auditorio do Marco en Vigo.

Desde o meu punto de vista, esta nova publicación vai ser outro punto de inflexión na investigación da Historia de Galiza, como o foi, en 1988, a publicación da súa tese de doutoramento sobre Rosalía de Castro. Por certo, un acto sinalado en que o público rebordou aquela Aula Magna de Historia en que un tribunal composto por Carvalho Calero, Pilar Vázquez Cuesta, Anxo Tarrío, Xosé Ramón Barreiro e Claude Henri Poullain concedeu ao traballo de Rodríguez a máxima cualificación .

Francisco Rodríguez Sánchez é unha desas persoas que ten entregado a súa vida a tarefa inaprazábel de crear consciencia nacionalista. Tanto é así que son moitas as persoas que poderían trazar a súa biografía política: a temperá militancia nacionalista na clandestinidade, o desterro, o cárcere ou os cargos en que nos ten dado voz, como o Parlamento galego ou o Congreso dos deputados, onde por certo defendeu a devolución a Galiza dos fondos documentais medievais que se atopan no “Archivo Histórico Nacional”. Mais talvez non sexan tantas as que teñan esa a mesma precisión á hora de falar do escritor. O ensaísta que na década dos 70, aínda en plena ditadura, escribía sobre A evolución ideolóxica de Curros Enríquez (que foi a súa tese de licenciatura en 1970) ou o Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, mentres exercía como docente en Ourense ou Cangas do Morrazo.

Aproximación sociolóxica á obra de Rosalía de Castro publicouse da man da AS-PG (como el relata nas conversas con Xosé Mexuto, A nación galega existe, despois de que non quixeran publicalo as editoras) que vendeu 1100 exemplares nos seis meses seguintes á súa publicación. Tal e como di a lapela da publicación, a obra, que logo sería ampliada en 2010 e publicada co título de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria:

“A presente obra vén encher un ostentoso baleiro na investigación da nosa historia literaria. A máxima figura da nosa Literatura e impulsora fundamental do Rexurdimento è obxecto, por fin, dun trato de atención e rigorosidade que, insistentemente, a nosa Historia reclama.”

Relevante é tamén a súa contribución á figura de Blanco Amor, Eduardo Blanco Amor, o desacougo da nación negada, 1993, ou a súa revisión da periodización da literatura en Literatura galega contemporánea. Problemas de método e interpretación, 1990, á que tantas veces acudo.

Como se pode percibir ao enumerar os seus traballos, Francisco Rodríguez, como ensaísta, presta moita atención ao contexto histórico en que os nosos autores desenvolveron a súa obra. Esta paixón pola historia formou parte da súa formación, pois como sabemos estudou Historia e Filoloxía Románica na Universidade de Madrid e moitas dos seus artigos xornalísticos tratan sobre aspectos da nosa historia. E, talvez, esta obra que lemos hoxe, estaba larvada na súa mente desde aqueles anos de estudante en Compostela, tal e como recolle no “Pórtico”

“Unha das maiores inquietudes e preguntas, sen capacidade para decidir como resolvelas, que me asaltaban de estudante nos primeiros anos na Universidade de Santiago, a inicios da década dos sesenta do século pasado, era saber o que había detrás da monumentalidade da cidade, a comezar pola súa catedral.” (páx. 9)

Aproximación a unha etapa estelar e conflitiva de Galiza é unha obra necesaria para as galegas e os galegos. Unha obra imprescindíbel para aquilatar o peso da nobreza galega e os avatares políticos aos que se viu sometida como clase política defensora do noso Reino. Para entender cal era o papel de Compostela e interpretar debidamente a monumentalidade da Catedral. Mesmo para comprender a importancia da nosa lingua. E isto comezando por dignificar o papel dos historiadores de noso, moitas veces minusvalorados ou máis lidos fóra, ca dentro do propio país.
Particularmente, como docente e escritora, agradezo contar cunha obra que se interne no noso pasado e vaia rozando a maleza que nos impide ver as verdadeiras dimensións da nosa historia, ocultada e deturpada por intereses centralistas.

Como docente, unha obra coma esta que analiza con rigor e de maneira detallada ese período que fixo do noso país un lugar central en Europa, é dicir, no mundo, permite reler os textos literarios que explicamos a rapazada, dándolles ferramentas que lles axuden a se sentir orgullosos da identidade que lles entregamos. Deixádeme que poña un exemplo. Este 8M coincidiu coa explicación da literatura do exilio en 4º da ESO, así que seleccionei o poema “A raíña espida” de Luís Seoane para visibilizar a diferenza de trato entre homes e mulleres, mesmo que estes sexan reis e raíñas. Acompañei o poema de dous fragmentos tirados deste volume, para seguir remarcando a diferenza de trato e, humildemente, creo que conseguín captar a súa atención, non só sobre a necesidade de visibilizar ás mulleres senón tamén sobre a nosa historia, achegándolles este episodio afastado, desde a consciencia de que, por veces, o único contacto que teñen coa nosa historia propia, a existencia do reino suevo, o esplendor medieval, a relevancia de figuras como Pardo de Cela, a constitución do Partido Galeguista... prodúcese na necesaria contextualización histórica que debemos realizar na materia de Lingua galega e literatura.

Como escritora, acudir ás páxinas deste libro inflama a miña imaxinación e provócame ganas de escribir. Así cando leo o acoso ao que foron sometidas as infantas Sancha e Dulce, fillas de Afonso VIII e tataranetas da raíña Urraca.

En conclusión, recomendo vivamente esta obra pois considero que estamos diante dun texto triplemente necesario

  • para coñecermos a nosa historia sen prexuízos e acudindo ás fontes

  • para combater o autoodio e autodignificarnos como pobo, sentindo orgullo da nosa identidade

  • para alimentar a nosa fantasía e crear un mundo de ficción propio en que deseñemos os nosos propios mitos e nos arroupemos con eles.