Antonio Romero Ortiz: da revolución á moderación

Antonio Romero Ortiz: da revolución á moderación

Na pasada colaboración abordamos a traxectoria intelectual de Antonio Romero Ortiz. Nesta ocasión ocuparémonos de facer un sintético percorrido pola súa evolución política.

Nacido en Santiago en 1822, a principios de 1838, ata 1840, foi mobilizado pola Milicia Nacional de Santiago, facendo frecuentes saídas en persecución das partidas carlistas.

Implicado na trama civil da mesma, na Revolución de 1846, o 4 de abril é nomeado secretario da Xunta de Santiago, arengando aos universitarios para que se alistasen no exército comandado por Miguel Solís e exercendo un destacado labor. Tras o fracaso, con outros correlixionarios, fuxe a Portugal. Morando en Lisboa, unha revolta nese país fará que o goberno portugués, xunto con outros exiliados, o deporte á illa de Peniche, da que consigue fuxir logo de grandes penalidades e entrar en España. É amnistiado en abril de 1847, pero volvería ser encarcerado en 1848 por mandato de Narváez, encerrado no castelo de San Antón da Coruña e xulgado en Consello de Guerra. A causa pasou á Audiencia de Madrid, sendo absolto. Mais Narváez destérrao a Filipinas, aínda que, grazas á intercesión de varias persoas, non tivo que marchar, permanecendo en liberdade vixiada ata primeiros de 1849, cando obtén a amnistía.

Trasládase a Madrid, probablemente chamado polo seu amigo Xosé Rúa Figueroa, e inicia a súa etapa como redactor de La Nación.

O 29 de decembro de 1853, Rúa Figueroa e Romero Ortiz, en nome de La Nación, e outros xornalistas, asinan un manifesto denunciando as axudas que recibían os xornais gobernamentais e os obstáculos que se lles poñían aos xornais de oposición; son momentos de conspiración: o mesmo Pérez Galdós recollerá, no seu libro La Revolución de julio, algunha destas esceas, nas que aparece Romero Ortiz, como unha datada o 13 de xaneiro de 1854.

Nunha Xunta de Armamento e Defensa de Madrid que se crea, Romero Ortiz será secretario. A revolución progresista de 1854 faino secretario do gobernador civil de Madrid. Máis tarde exercerá como gobernador en Oviedo, Alicante e Toledo, e resulta elexido deputado pola provincia da Coruña.

Pola axuda prestada durante un andacio de cólera que asolou Asturias, Isabel II impúxolle a condecoración da Orde de Carlos III e, un ano máis tarde, a de Isabel a Católica. Tamén recibe o diploma da Cruz das Barricadas, e a do Valor e a Constancia, por ter acreditado en 1846, coas armas na man, o seu amor pola Liberdade.

Coa caída do réxime ten que marchar para Francia. Regresa en 1858, cando triunfa a “Unión Liberal” de O´Donnell, (ao que defenderá un tempo despois nun discurso nas Cortes), integrándose na mesma. Esta nova filiación política suscitaría un tenso debate con Práxedes Mateo Sagasta: o 31 de decembro de 1858, nunha sesión das Cortes, mirando aos que abandonaran as hostes do progresismo para ingresaren na “Unión Liberal”, o político rioxano denunciou aos que “sin conciencia, sin fe, sin convicción... están dispuestos a aceptar todo lo que pueda contribuir a su medro personal o saciar su ciega y desatentada ambición y que con justo motivo pudiéramos y debiéramos llamar impuros”. O 3 de xaneiro de 1859, Romero Ortiz, un dos acusados, respondeulle a Sagasta: “Cuando el Sr. Sagasta tenga sobre sí dos sentencias de muerte, como yo las he tenido, cuando el Sr. Sagasta haya emigrado de su patria tanto tiempo como yo, entonces tendrá derecho a poner en duda mi consecuencia política. Entre tanto, no, porque nadie en los bancos de la extrema izquierda, ha prestado más servicios que yo a la causa liberal”.

,O 29 de abril de 1859 pronunciou un discurso no que se proxectaba a idea dunha Unión Ibérica, propoñendo cuestións como que os españois en Portugal pudiesen percibir pensións e xubilacións, e viceversa (mediante un tratado); que médicos e arquitectos portugueses puidesen exercer en España sen outro requisito que a presentación dos documentos nunha universidade española para a súa convalidación, e viceversa; que os estudantes puidesen cursar indistintamente os estudos nas universidades dos dous países, que se puidesen presentar indistintamente ás cátedras universitarias, etc.

Neste ano 1859 foi nomeado xefe da sección de Estatística Criminal do Ministerio de Graza e Xustiza, realizando traballos para formar unha estatística civil e criminal.

Foi deputado a Cortes nas seguintes lexislaturas: pola provincia da Coruña (1854-1856); por Alicante (1857-1858); polo distrito de Noia (1858-1862 e 1863-1864); pola sección de Santiago -que incluía, neste momento, tamén a Noia- (1865-1866); polo distrito de Noia (1867-1868); polo distrito de Santiago -fora tamén elixido por Alcoi, pero preferiu representar a Santiago- (1869-1871); polo distrito de Noia (1871-1872, 1873-1874, 1876-1879, 1879-1881 e 1881-1884).

En 1862 será director xeral de Hipotecas (organizando o Rexistro da Propiedade), en 1864 director xeral de Registros, e, ao ano seguinte, subsecretario do ministerio de Graza e Xustiza.

En 1866 aparece como un dos 121 deputados que asinan unha petición a Isabel II manifestándolle a súa queixa porque non se respecta a Constitución.

Participa na conxura para derrocar a Isabel II e ten que fuxir de novo a Portugal. Alí mantén contactos cos outros exiliados e participa na preparación do pronunciamento de 1868.

No primeiro goberno revolucionario (1868), presidido por Serrano, é nomeado ministro de Graza e Xustiza (ministerio clave para a aplicación de moitas das medidas do programa político da Revolución), ocupando a carteira ministerial ata o 18 de xuño de 1869. En calidade de ministro de Graza e Xustiza é un dos asinantes do Manifesto do Goberno provisional aos electores, redactado o 11 de xaneiro de 1869.

Acosado pola dereita integrista, por parte da dereita civilizada e mesmo por un sector da esquerda radical (Pi i Margall), ou escritores como José María de Pereda, o seu papel será decisivo na confección da Constitución de 1869, especialmente no referido á liberdade relixiosa e ás relacións entre a Igrexa e o Estado.

Promove tamén unha política secularizadora, mediante a extinción das comunidades relixiosas (12-10-1868), disolución da Compañía de Xesús (12-10-1868), disolución das conferencias de San Vicente de Paúl (14-10-1868), suspensión de axuda económica aos Seminarios (22-10-1868), incautación dos bens eclesiásticos (21-10-1868), supresión dos foros especiais, entre eles o eclesiástico. Non é de estrañar que certos cregos o alcumasen "Lutero Ortiz". Sen embargo, non lle importou conseguir fondos para a construción das igrexas de Ordes e Ribeira (e os párrocos non tiveron problema en coller as axudas).

Os eclesiásticos promoveron contra el unha campaña terrible en prensa, libros, folletos, catecismos, follas voandeiras.., pedindo pola súa “conversión”, entregando moreas de firmas demandando a supresión da liberdade relixiosa, que levaron ata as Cortes en coches de cabalos (el mesmo comentará que chegou a recibir 5000 telegramas de protesta). Momento estelar nesta treboada foi o debate que sostivo co cardenal compostelano García Cuesta, que era deputado a Cortes por Salamanca.

Nas Cortes de 1869 destacarían os seus discursos sobre o matrimonio civil (15-3-1869), sobre o proxecto constitucional (19-4-1869), a favor da liberdade relixiosa (27-4-1869), separación da Igrexa e o Estado (4-5-1869). Impulsará tamén un renovado e avanzado proxecto de Código Civil que, aínda que non se chegou a debater en Cortes, algúns dos seus principios recolleríanse na lexislación posterior; só como breve apunte pódese mencionar que era a primeira vez na que se falaba da diferencia entre “persoa física” e “persoa xurídica”. O 26 de maio deste ano 1869 solicita a súa dimisión por razóns de saúde: só se achegaría posteriormente ao Congreso ao coñecer a morte do xeneral Prim, pronunciando un breve discurso na súa loubanza.

Regresa á política activa en maio de 1872, cando defendeu no Congreso as conquistas da Revolución dos ataques do Conde de Toreno, con grande aplauso de todos os liberais. Coa chegada da I República a Asemblea Nacional desígnao membro da Comisión permanente que, en unión da Mesa, representaría á Cámara ata a xuntanza das Cortes Constituíntes. Pouco despois forma parte da Xunta Superior do Monte de Piedade e Caixa de Aforros de Madrid e na comisión encargada do proxecto dos seus Estatutos. É nomeado posteriormente presidente das comisións para o estudo da Lei de Expropiación Forzosa, e para a reforma do Código Penal. Máis tarde será vicepresidente da Deputación de Madrid.

Famoso foi o discurso que pronunciou nas Cortes a primeiros de outubro de 1872, no que rebateu de maneira contundente a panorámica irreal do país que presentara, poucos días antes Amadeo de Saboia, o novo monarca, na apertura das Cortes.

Volverá ser ministro, de Ultramar, tomando posesión o día 13 de maio de 1874 (baixo a presidencia de Juan Zabala y de la Puente), e de novo o 3 de setembro do mesmo ano (nun gabinete presidido por Práxedes Mateo Sagasta) ata o 31 de decembro dese ano. Sabemos igualmente, pola súa esquela e outras informacións, que tamén foi vicepresidente 1º do Congreso dos Deputados. En 1881 (ano no que tamén foi nomeado gobernador do Banco de España e chegou mesmo a soar como posible presidente do Congreso), nunha crónica política que analiza as distintas faccións do partido do goberno e dos da oposición, aparece definido, xunto con Balaguer, “comandando la vanguardia fusionista, casi en la frontera de los dominios democráticos”.

Proto-socialista (na opinión de La Sagra), anarquista literario (na do propio Romero Ortiz), provincialista, exiliado, progresista, conspirador, liberal..., aínda que, co tempo, moderou un pouco a súa ideoloxía, nunca deixou de ser un home librepensador e un profundo amante da liberdade. Foi un dos políticos galegos con máis peso político na Galicia e na España do XIX. Non se prodigaba en discursos parlamentarios, pero, como salienta Barreiro Fernández, recollendo textos da época, era cualificado como “fogoso, vehemente que hiere sin piedad a hombres, creencias, instituciones y a cuanto, en una palabra, se opone a la marcha de sus primitivos ideales”. A súa parca oratoria era suplida por unha escrupulosa documentación, “e só se deixará arrebatar por unha idea chea de romanticismo, a liberdade coa que adoitaba rematar os momentos máis importantes dos seus discursos”. Aureliano Linares Rivas dicía del que era unha persoa sensible, afable e condescendente, cun sorriso sempre nos labios